Fundación Araguaney - exposicion de Vazquez Alemán

O pintor Vázquez Alemán inaugurou exposición no Hotel Eurostars Araguaney
A sala de exposicións do Eurostars Araguaney (Montero Ríos, 25-27) iniciou onte a exposición de Vázquez Alemán. Xa é tradicional que Vázquez Alemán expoña no Araguaney no mes de Decembro. Neste caso as paredes vestiranse cunha trintena de acuarelas, óleos e pinturas acrílicas que dan vida a unha figuración de tons alegres. 
Na súa obra pódense diferenciar paisaxes, vistas xerais de portos, prazas e cidades, así como bodegóns e personaxes moi galegos, como os gaiteiros. Trátase dun traballo no que se aprecia unha evolución tanto do propio artista, como do uso que el mesmo fai das cores e dos matices lumínicos.

Os bodegóns, os seres humanos e a natureza, son pois os protagonistas da obra de Vázquez Alemán, que se caracteriza polo seu afán cubista expresado desde o libre albedrío e onde as cores chaman a atención do ollo que os contempla.

Os cadros estarán colgados na sala de exposicións do Eurostars Araguaney, en Montero Ríos 25-27 ata o día 23. Horario de apertura ao público de luns a venres de 12,00 a 14,00 e de 17,30 a 21,30 h.

Sobre Vázquez Alemán
Nace no ano 1946. Licenciado en Filosofía e Letras. Realiza a súa primeira exposición en 1964, no Círculo das Artes de Lugo, á que seguirán máis de medio centenar en diversas cidades de España, Francia e Portugal.

Está representado en coleccións institucionais e privadas de España, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Gran Bretaña, Noruega, Portugal, Hong Kong, EEUU, Arxentina e México. Entre outras: Colección Príncipe de Asturias, Presidencia da Xunta de Galicia, Fundación Rodríguez Igrexas, Museo “M. Torres” (Marín-Pontevedra), Colección Paradores Nacionais, Casa de Brasil (Madrid)...
Entre as súas últimas exposicións destacan: Casa de Galicia, Madrid. Sala de exposicións Caixanova, Vigo. Hostal dos Reis Católicos, Santiago. Concello de Lugo. Museo Manuel Torres, Marín... Entre as colectivas máis recentes cabe citar a itinerante “I Gran Mostra de Pintores Galegos Actuais” e “5 Creadores dos 70. Caruncho. García Zabarte, Masiá. Vázquez Alemán. Vidal Souto” que se celebrou na Casa das Artes do Concello de Vigo e na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela.

Ningún comentario: