A taekwondista orosá conseguiu tamén o bronce na modalidade de Formas no campionato europeo celebrado en Vilagarcía
O alcalde en funcións de Oroso, Antonio Leira Piñeiro, felicita a Sofía Zapata Femín, alumna do Club ITF Oroso, polo éxito acadado na European Kempo Cup 2012 celebrada en Vilagarcía, onde a representante orosá acadou a medalla de ouro en combate e a medalla de bronce en formas. Sofía Zapata relata a súa experiencia dicindo: “chamáronme a competir e fíxome graza o consello do mestre: “fai o que queiras, de xeito que esteas cómoda e o máis importante, ataca moito, é o único xeito de gañar”. E seguindo este peculiar consello conseguín quedar no 1º posto”.
A secretaria do ITF Oroso, María Jesús Vázquez, explica que o club orosán participou na competición de Kempo de Vilagarcía grazas a unha invitación da Delegación Galega de Taekwondo ITF e “a pesares de que non era un campionato de taekwon-do, a nosa disciplina, pero o seu estilo de competición era semellante ao noso”. Un campionato no que participaron preto de medio milleiro de personas nas distintas modalidades: artes marciais, combate, katas, defensa persoal, exhibicións e formas. Pola parte do ITF Oroso participaron dous alumnos: Sofía Zapata Femín (cinto vermello) e Javier Garea Cidre (cinto vermello-negro), nas modalidades de combate e formas.
Desenvolvemento do torneo
Sofía Zapata asegura que “foi unha boa experiencia participar nun torneo a nivel europeo. Un torneo no que non so competiamos na nosa disciplina, senón tamén contra moitas outras, ás que tivemos que adaptarnos. Non resultou doado pero opino que os resultados obtidos foron mais que positivos. Sen dúbida algunha este campionato quedará na miña memoria e axudarame a seguir mellorando”.
Sofía Zapata explica que “a xornada comezou con katas (formas), que son o equivalente a tuls na nosa disciplina. Javi e eu non tiñamos nin idea de como sería. Tiñamos en mente competir Taekwon-Do contra Taekwon-Do e Kempo contra Kempo, pero non: competimos mesturados o cal supuxo para min una gratificante experiencia. Nesta categoría, a de katas, eu decidín facer Yul-Gok Tul e nun principio quedei como segunda clasificada, pero dende a mesa central, non se chamara a unha competidora alemá e esta protestou (cousa que non fixo Javi e por iso non competiu durante a mañá). Permitíuselle á competidora alemá realizar a súa forma e acadou unha maior puntuación ca min de xeito que eu fun baixada ó 3º posto”.
Pola tarde tivo lugar a competición de combate, “onde quentamos unhas 6 veces e arrefriamos outras tantas porque non levaban unha orde fixa e non sabíamos cando sairiamos. O tempo ía pasando e non nos chamaban. Era un chisco desesperante. As rapazas mandáronos poñer coquilla, e ninguén tiña coquillas femininas, así que puxemos as dos rapaces, que son moi incómodas”, lembra Sofía Zapata. Unha situación que tamén explicou a situación do outro orosán en competición, Javier Garea, quen “non acabou de afacerse de todo ao casco e mais ao peto. Non conseguiu subir a podio, pero non lle estivo lonxe”, recorda Sofía Zapata.

Ningún comentario:
Publicar un comentario