Un gran número de veciños/as participaron no obradoiro de diabete que se desenvolveu no local social de JUPEMI
O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, organizou durante este mes dúas actividades informativas relacionadas coa saúde dos maiores. Esta semana pechouse este ciclo de actividades cun obradoiro sobre a diabete, que se desenvolveu no local social de JUPEMI. Esta actividade foi impartida por María Teresa Lord Rodríguez, enfermeira educadora en diabete do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. A esta actividade asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, Dolores Fernández, a concelleira de Muller e Igualdade, María González, e o concelleiro de grupo municipal popular, Alfonso Rey.
En primeiro lugar os asistentes tiveron que cubrir unha ficha onde se abordaban varias cuestións relacionadas con esta enfermidade. Deste xeito, a poñente puido comprobar cales eran os coñecementos que tiña cada participante sobre a diabete. A continuación impartiuse unha charla na que se falou de que é a diabete ou cales son as causas que provocan esta enfermidade. Esta actividade foi totalmente gratuíta e desenvolveuse no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (JUPEMI).
Outras das actividades que se desenvolveron dentro deste ciclo foi a charla sobre o Alzheimer, que impartiu Pablo Mirás Sánchez, psicólogo de AGADEA (Asociación galega para a axuda dos enfermos con demencia tipo alzheimer). Esta actividade, que se titulada Memoria e Enfermidade, tamén tivo un gran éxito de participación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario