BNG Ordes - o BNG votará en contra das contas do 2011 xa que falta un millón de euros por contabilizar


O BNG VOTARÁ EN CONTRA DA CONTA XERAL DE 2011, XA QUE HOUBO MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE GASTO SEN CONTABILIZAR
- O Pleno debatirá este xoves, 2 de agosto, ás 10:00, a aprobación da Conta Xeral de 2011.
- No informe sobre a liquidación Da Conta Xeral de 2011, o interventor confirma que o goberno municipal gastou máis dun millón de euros que non figuraban nos Orzamentos.

O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro anunciou que o voto en contra do seu Grupo Político á liquidación da Conta Xeral de 2011, que será debatida no Pleno Extraordinario convocado para este xoves, 2 de agosto, ás 10:00.
Castro afirmou que o informe da intervención municipal sobre a Conta Xeral de 2011 “confirma a existencia de máis dun millón de euros de gasto que non se contabilizaron nos Orzamentos de 2011, o que fai sospeitar da existencia de gastos de difícil xustificación por parte do alcalde e o seu goberno”
Gonzalo Castro salientou tamén que “o informe da intervención municipal advirte do total incumprimento do Plan de Saneamento aprobado pola Corporación en 2009 e da existencia dunha débeda acumulada de máis de 10 millóns de euros, perto de 800 euros por habitante, situando a Ordes como un  dos concellos galegos máis endebedados.”

O portavoz municipal do BNG, manifestou que “o contido da liquidación da Conta Xeral de 2011 ven a evidenciar, unha vez máis, a existencia dunha xestión caótica por parte do alcalde e o seu goberno, co estrago de recursos públicos de forma absolutamente irresponsábel, e o que é peor sen que se teñan mellorado os servizos públicos do noso Concello, se non todo o contrario”.
Castro preguntouse “que xestión se está a facer por parte do alcalde en Ordes se cada día aumenta máis a débeda, mentres vemos como empeoran os servizos púbicos no noso concello?, en que se está gastando esta cantidade inxente de diñeiro?”.

Ningún comentario: