O Milladoiro, Tapia e Cobas estarán de festa esta
fin de semana
Con motivo
da celebración das festas da Madalena no Milladoiro, a
Policía Local de Ames informa aos veciños e veciñas de que
se producirán cortes de tráfico na Travesía do Porto para
facilitar o desenvolvemento das actividades.
Ames preparase para celebrar
tres festas nesta fin de semana no Milladoiro, Tapia e Cobas.
A festividade na honra da Madalena no Milladoiro
comezou xa o 22 de xullo con diversos actos relixiosos e
culturais organizados pola Asociación Cultural A Madalena. Con
todo, os días grandes da festa son esta fin de semana, o 3, 4,
5 e 6 de agosto. A parroquia de Cobas tamén festexa o Santo
Estevo. Os días 3, 4 e 5 de agosto terá lugar esta festa. En
Tapia honrarase ao San Roque e ao Sacramento o sábado e o
domingo.
En Cobas, as
festas comezarán mañá, venres 3 de agosto, cunha misa na honra
de Santo Estevo que se celebrará ás 20:00 horas. Na xornada do
sábado, a misa será ás 13:00 horas na honra de San Antonio. O
domingo a festa comezará ás dez da mañá cun pasarrúas a cargo
da Charanga Air Jalisia. Posteriormente, ás 12:30 horas,
celebrarase a misa na honra á Virxe do Carme. Seguidamente,
terá lugar a sesión vermú, que correrá a cargo da charanga. A
verbena comezará ás 23:00 horas coa actuación estelar da
orquestra Abanico.
En Tapia, as
festas comezarán o sábado, 4 de agosto, cunha misa solemne ás
13:00 horas na honra a San Roque. Tras a misa, os veciños e
veciñas poderán desfrutar da actuación do grupo de gaitas os
Castros. Na xornada do domingo, a misa solemne será tamén ás
13:00 horas na honra ao Sacramento.
Festas da
Madalena
Os actos
centrais das festa da Madalena no Milladoiro celébranse esta
fin de semana. Con motivo da celebración das festas, a Policía
Local de Ames informa aos veciños e veciñas de que se
producirán cortes de tráfico na Travesía do Porto para
facilitar o desenvolvemento das actividades. Os axentes
recomendan evitar o paso por esta rúa durante a fin de semana.
O venres, 3
de agosto, ás 12:00 horas, comezarán os festexos co disparo
das bombas regulamentarias. Xa pola tarde, a partir das 18:00
horas, abrirán as atraccións de feira para os nenos e nenas.
Estas atraccións estarán situadas na Travesía do Porto.
Posteriormente, ás 20:30 h, comezarán as actuacións na praza
Entreagros (Agro do Medio e Agro da Madalena) co Gran Pedrini
e o Mago da Boina. Pola noite, a partir das 23:00 horas,
actuará o grupo JJYSON na praza de Manuel Murguía.
O sábado 4
de agosto, a partir das 18:00 horas, haberá atraccións de
feira na praza da Costa Grande. Ás 20:30 horas, terá lugar
unha actuación do gran malabarista Yuma, que está dirixida ao
público infantil. O sábado a verbena comezará ás 22:30 horas e
o prato forte da noite terá lugar á media noite coa actuación
da orquestra Panorama. O domingo 5 de agosto as celebracións
comezarán co disparo das 21 bombas de palenque
regulamentarias. A partir das 12:30 horas, sairá o Rosario do
seu lugar de orixe. Media hora máis tarde, ás 13:00 h,
celebrarase unha misa solemne. Tralos actos relixiosos, ás
13:45 h, a banda de música da Sociedade Recreativa de Calo
ofrecerá unha actuación musical para deleitar aos amantes
deste tipo de música.
Ás 14:15
horas, comezará a sesión vermú coa actuación do grupo Samba.
Xa pola tarde, haberá atraccións de feira para os máis cativos
dende as 18:00 horas. Pouco despois, ás 20:30 h, os nenos e
nenas poderán seguir gozando, nesta ocasión coa actuación do
Show dos Paiasos. Pola noite, ás 22:00 h, haberá verbena a
cargo do grupo Samba. Para rematar a festa, a partir das 23:30
horas, os veciños e veciñas do Milladoiro gozarán do humor do
grupo Maldados.com.
O último día
das festas da Madalena no Milladoiro será o luns, 6 de agosto.
Pola tarde, ás 18:00 horas, abrirán as atraccións da feira.
Unha hora despois, ás sete da tarde, a charanga 'O Recobio'
fará un percorrido por Vilar de Calo, Paramuiño, A Grela e
Bentín. Despois, ás 19:30 horas, haberá unha festa infantil na
praza da Capela da Madalena na que actuará Magic-clown Tanito.
Xa ás nove da noite celebrarase a misa na Capela da Madalena e
ao remate levarase a cabo a recollida da santa ata a súa
capela de adoración. Por último, a verbena comezará ás 22:00
horas coa actuación do grupo Oceáno. As festas rematarán coa
actuación estelar da orquestra Charleston Big Band.
Ningún comentario:
Publicar un comentario