UN TOTAL DE 18 NENOS E NENAS
PARTICIPARON NO XIX CAMPIONATO
MUNICIPAL DE PESCA DO CONCELLO DE FRADES
O alcalde Miguel Prado
entregou unha medalla conmemorativa a cada pequeno, que pescaron un total de 29
troitas en dúas horas
Un total de 18 nenos e nenas, de entre 4 e 15
anos de idade, participaron esta mañá na novena edición do campionato municipal
de pesca do Concello de Frades, celebrado no río Maruzo ao seu paso pola
parroquia de Céltigos. Unha xornada que estivo presidida polo alcalde fradense,
Miguel Prado Patiño, e polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Manuel
Ferreiro Marzoa.
Na noite de onte, o Concello de Frades liberou un cento de troitas nun
pequeno treito do río Maruzo, das que deron boa conta os pequenos ao longo das
algo más de dúas horas de xornada de pesca. Case todos os pequenos que
participaron na xornada pescaron, cando menos, unha troita, para o que contaron
coa axuda dos seus pais e, sobre todo, avós, que se achegaron a comprobar os
progresos destes futuros pescadores. De feito, un dos máis pequenos, José, un
rapaz de Papucín, foi quen de pescar dez exemplares.
Medallas para todos os participantes
A xornada de pesca no río Maruzo comezou pasadas as 11:00 horas. O feito de
ser os máis madrugadores viuse recompensado, xa que durante a primeira media
hora foi cando se capturou o maior número de exemplares. Co paso do tempo a
troita foise agochando máis, polo que só os máis veteráns eran xa quen de
seguir pescándoas.
Tras repoñer forzas cun par de empanadas, Miguel Prado fixo entrega a cada
rapaz dunha medalla conmemorativa desta novena edición do campionato municipal
de pesca do Concello de Frades. Prado Patiño considera que “é moi importante
realizar actividades para que os máis novos entren en contacto coa natureza e
coñezan o seu concello. E este campionato é un claro exemplo pois, ademais de
disfrutar os pequenos nun entorno natural tan fermoso, tamén participan os seus
pais e avós”. De acordo cos comentarios que houbo no río, esta tarde o menú de
moitas familias de Frades incluirá troitas, case con toda seguridade.



Ningún comentario:
Publicar un comentario