PSdG-PSOE e
Ames Novo ofrécenlle ao alcalde a posibilidade de restituír a legalidade do
pleno de xullo
-
Os dous grupos da oposición
presentan un recurso de reposición e emprazan ao rexedor a retomar a sesión no
punto en que foron vulnerados os seus dereitos
-
José Manuel Miñones e Pilar
Candocia advírtenlle a Santiago Amor de que acudirán á xustiza se non corrixe o
seu erro
Os
grupos municipais do PSdG-PSOE e de Ames Novo presentaron no rexistro do
Concello de Ames un recurso de reposición relativo ao acontecido no último
pleno ordinario da corporación, o pasado 26 de xullo. Nesta sesión, o alcalde
vulnerou o dereito dos concelleiros da oposición a retirar as emendas aos
orzamentos municipais que presentaran e decidiu deixar sobre a mesa o debate e
votación sobre o orzamento, á vista de que o grupo de goberno carecía de votos
suficientes para aprobalos.
Con este recurso de reposición, o PSdG-PSOE e
Ames Novo téndenlle a man ao goberno para repoñer o normal desenvolvemento da
sesión plenaria, na que o rexedor infrinxiu as mínimas formalidades
democráticas. En concreto, os dous grupos propoñen restituír a situación do
pleno no momento en que se vulneraron os dereitos dos edís da oposición, de
modo que solicitan que o debate se retome no punto da orde do día sobre os
orzamentos municipais de 2012, admitindo a retirada das emendas presentadas e
garantindo que a sesión prosiga nos mesmos termos e cos mesmos concelleiros que
constituían o pleno nese momento. Deste xeito, non se modificarían as
condicións da sesión nin se lesionarían os dereitos dos participantes.
No caso de que o alcalde Santiago Amor non
acepte o recurso de reposición presentado, tanto o portavoz do PSdG-PSOE, José
Manuel Miñones, como a portavoz de Ames Novo, Pilar Candocia, advirten de que
acudirán á xustiza ordinaria para facer valer os seus dereitos. Non obstante,
agardan que o rexedor aproveite a oportunidade que lle dan de correxir o seu
erro.
O acontecido no pleno
O pleno do pasado 26 de xullo, constituído
coa ausencia de tres concelleiros do grupo do PP, incluía na súa orde do día un
punto, o quinto, para a aprobación inicial do orzamento municipal de 2012. Ao
inicio deste punto, os concelleiros da oposición presentaron varias emendas ao
orzamento: unha que recollía a posición común da Plataforma do Lixo e outro
grupo delas presentadas por Ames Novo.
Presentadas as emendas, o alcalde indica que
deberían ser informadas polo departamento de Intervención municipal ao
implicaren modificación de partidas, e que por tanto o orzamento debería quedar
pendente de aprobación para unha vindeira sesión plenaria.
Ante esta situación, os concelleiros da
oposición solicitáronlle ao alcalde a retirada das emendas presentadas. Pero o
alcalde, que tiña a intención de evitar a votación do punto ao ver que a súa
situación de minoría lle impediría aprobar o orzamento, decidiu continuar coa
sesión deixando ‘sobre a mesa’ a cuestión.
Todo esto a pesar de que a propia secretaria
xeral do Concello, en resposta a unha consulta dos dous grupos da oposición,
informara na propia sesión que os concelleiros propoñentes dunha emenda teñen
dereito a retirala. Esto non impediu que o alcalde pasase ao seguinte punto da
orde do día, desoíndo as advertencias da oposición e consumando o atropelo aos
seus dereitos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario