Teo - reforzo de protección civil ata o mes de setembro


O CONCELLO DE TEO REFORZA O SERVIZO DE PROTECCIÓN CIVIL QUE CUBRIRÁ AS 24 HORAS ATA FINAIS DE SETEMBRO

·        Mañá incorpóranse catro novos traballadores de Protección Civil, contratados de xeito temporal grazas a unha subvención da Consellería de Traballo


 O Concello de Teo reforza dende mañá 1 de agosto o servizo Municipal de Emerxencias coa incorporación de catro novos traballadores cun contrato temporal. Esta circunstancia permitirá que o servizo pase a funcionar durante as 24 horas durante os meses de agosto e setembro, o período de máis perigo e risco de incendios.

O Servizo Municipal conta cunha plantilla estable de seis oficiais e un encargado de protección civil. Durante as últimas semanas realizouse a selección de catro persoas novas que terán un contrato temporal de cinco meses. Esta contratación realízase grazas a unha subvención da Consellería de Traballo.

Segundo explica Rafael Sisto, concelleiro responsable dos departamentos de emerxencias e seguridade no Concello de Teo “para nós resulta vital contar co servizo de 24 horas sobre todo nos meses de verán nos que existe máis risco de incendios”. O ano pasado o Concello xa tivo o Servizo de Emerxencias funcionando durante todo o día coincidindo coa época estival.

Está previsto volver ó horario de 14 horas, entre as oito da mañá e as dez da noite, dende finais de setembro “agás as circunstancias meteorolóxicas nos obriguen a manter o servizo 24 horas en outubro” continúa explicando Rafael Sisto. 

Ningún comentario: