OS CONCELLOS DE AMES, ROIS, SANTIAGO E TEO POÑEN EN MARCHA UNHA LIGA DE DEBATE ENTRE OS ESCOLARES DE SECUNDARIA
· Esta iniciativa, impulsada dende os Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos, promove o emprego da lingua ademais de traballar a oratoria e o pensamento crítico
· Esta iniciativa recolle a proposta de concellos coma Pontevedra que levan dous cursos desenvolvendo un proxecto similar
08 de febreiro de 2012. Os concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo traballan na posta en marcha dunha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. Con este Club do debate, que comezará a funcionar de xeito inmediato, trátase de incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.
O Club do Debate é unha idea impulsada dende os Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos na que participan outros municipio de fóra desta Comarca coma Betanzos, Ferrol, Carballo, As Pontes, Carral, Pontevedra, A Coruña, Oleiros e Vigo. De feito esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.
Ames, Rois, Santiago e Teo incorpóranse mediante a sinatura dun protocolo de colaboración. Durante o mes de febreiro ábrese o prazo ata o 24 de febreiro para inscribirse nos SNL municipais. O Club do Debate está dirixido aos centros de educación secundaria, bacharelato e ciclos, con alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de ciclos formativos, nunca maiores de 18 anos.
Na fase local na que participan Ames, Rois, Santiago e Teo cada equipo participante traballará sobre o tema “Deben os poderes públicos protexer e promover a diversidade lingüística?”. Como en todos os debates un equipo defenderá unha postura a favor e outra en contra, cuestión que non coñecerán ata o momento de debater.
O Club do Debate desenvolverase entre os meses de febreiro e finais de abril cando se celebrará a fase final na cidade de Pontevedra, a onde chegarán os mellores equipos de cada comarca. Ademais do propio concurso os participantes recibirán un curso de formación o 8 de marzo antes do propio concurso na súa fase local, que se celebrará o 14 de abril no Pazo da Peregrina de Ames.
Este concurso, ademais de traballar no uso da lingua e nos valores do traballo en equipo e da diversidade, terá tamén un interesante premio para os mellores participantes. Na fase comarcal haberá un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 euros ademais de darlle acceso á fase final ó grupo gañador. Na fase final o premio para os gañadores será unha viaxe de contido cultural para un máximo de 25 persoas valorado en 5 000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario