Corizonas fai a súa presentación en Santiago dentro do Compostela Rock
- Será este venres, 10 de febreiro, ás 21.30h. na Sala Capitol
Santiago de Compostela, 07/02/2012.- Compostela Rock, nova aposta da concellaría de Cultura, inaugurouse o pasado sábado, 14 de xaneiro, cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol ás 21.30h Corizonas son os próximos convidados do ciclo e chegarán a Compostela o venres, 10 de febreiro nun concerto no que se presenta a nova banda en Galicia e ofrecen en directo os temas do seu novo disco ‘The News Today’. Máis adiante estarán Diamond Dogs+Sugar Mountain, Cooper, Mark Lanegan+Creature with The Atom Brain, Toy Dolls e Leiva. Todos na Sala Capitol.
Corizonas, a nova banda de moda do rock español, fórmase froito da unión de Los Coronas e Arizona Baby. O que comezou como unha insólita colisión de dúas bandas tan dispares, musical e xeneracionalmente, como Arizona Baby e Los Coronas coa xira "Dos Bandas y un Destino" converteuse en apenas un ano na cita obrigada e a xira do momento. Cumprido con creces o obxectivo inicial, ambos grupos, desafiando a actual lóxica discográfica, acaban de concluír o seu reto definitivo. Un álbum novo, conxunto, de temas propios, as dúas bandas fundíndose nunha soa que xa ten nome, como case todo o mundo os coñece, CORIZONAS. Un álbum estremecedor, tan brillante como insólito neste pais, que pasa do rock rexenerado ao country ou o folk máis vital e innovador de bandas claves como Fleet Foxes, White Stripes, á vaguada emocional dos Jayhawks ou a paisaxe evocadora de Calexico. Todo con visión propia, inmaculada e rotunda, con 12 cancións marabillosas.
O álbum de CORIZONAS é "The News Today", como unha das súas agudas observacións sobre este mundo en crise. Apareceu inicialmente en España (Subtefuge) o 25 de outubro e con el un novo inicio para esta viaxe conxunta. Un novo concepto que abandona a imaxinería western da xira Dos Bandas y Un Destino, os seus uniformes e posta en escena. Un novo set que deixa parcialmente atrás o repertorio de versións para centrarse nesa pléiade de himnos emocionantes que nos espera. Un novo cartel, novo deseño escénico, e un cambio substancial do seu ideario cinematográfico nas visuais. Todo nunha nova xira que comezou en novembro e que agora chega á nosa cidade da man do novo festival Compostela Rock.
As entradas para este concerto, 15€ anticipada e 18€ na billeteira, poden mercarse xa na rede Ticketmaster, incluída a súa web, Carrefour, FNAC, Halcón Viajes, Tendas Tipo, A Reixa Tenda, www.iwanna.org e www.salacapitol.com, así como nas billeteiras da Concellaría, no Teatro Principal de martes a sábado e de 18.00 a 21.00h.
Compostela Rock, novo ciclo da concellaría
Dentro das novidades na programación para 2012 que pon en marcha a concellaría de Cultura, unha das apostas firmes é o Compostela Rock, ciclo que se alongará durante todo o ano e se celebrará en diversos espazos da cidade. Abranguerá concertos de rock, pop e xéneros próximos en todos os seus estilos e variantes intentando así achegarse ao maior rango de idades entre o público ao que vai dirixido. O que se busca é dar estabilidade na programación da concellaría a un tipo de música que ata o de agora non o tiña e materializar unha realidade da programación da cidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario