O CONCELLO DE BRIÓN ABRE HOXE MARTES O PRAZO DE INSCRICIÓN NA SÚA EXCURSIÓN DOS MAIORES, QUE ESTE ANO TERÁ COMO DESTINO TORREMOLINOS
Durante a xornada só se admitirán inscricións en persoa e cada participante só poderá anotar ao seu acompañante
6 de febreiro de 2012. O Concello de Brión abre mañá martes o prazo de inscrición nunha das actividades máis agardadas do ano: a excursión dos maiores, que este ano terá como destino Torremolinos e incluirá excursións a localidades como Málaga, Marbella ou Gibraltar. Unha viaxe dirixida a veciños e veciñas maiores de 55 e as súas parellas e que terá lugar do 25 ao 30 de marzo.
O prazo de inscrición estará aberto no centro social polivalente do 7 de febreiro ao 16 de marzo, ambos incluidos, en horario de 8:30 a 14:00 horas. Os veciños interesados tamén poderán anotarse por teléfono chamando ao 981 50 9910, coa única excepción de mañá martes 7 de febreiro, dia no que non se admitirán anotacións telefónicas.
O Concello de Brión lembra que as prazas de autocar outorgaranse por rigorosa orde de inscrición e que durante o día 7 de febreiro só se admitirán anotacións en persoa, onde cada persoa poderá anotar unicamente ao seu acompañante. Unhas puntualizacións importantes, pois no primeiro día de inscrición adóitanse cubrir case a metade das prazas dispoñibles para poder escoller os mellore lugares no autobús. De feito, o interese este ano por esta viaxe foi tal que o Concello de Brión mesmo tivo que sacar un bando hai un par de semanas para indicar que estaba a rematar cos preparativos da excursión dos maiores.
Viaxe a Torremolinos
A escursión dos maiores terá un prezo de 390 euros por persoa. Unha cuota que inclúe o desprazamento en autobús ata Torremolinos e a participación en todas as excursións previstas: Ronda, Marbella, Puerto Banús, Málaga, Mijas, Nerja e Gibraltar. Os brioneses hospedaranse durante seis días no Hotel Cervantes en pensión completa. Un hotel de catro estrelas con piscina cuberta, animación nocturna cada día e bufete libre.
O Concello de Brión lembra que aquelas persoas que anulen as súas reservas despois do 29 de febreiro sen causa xustificada terán unha penalización do 50% do custe da viaxe. Unha penalización que será do 100% no caso de que a anulación inxustificada teña lugar a partir do 21 de marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario