O Concello de Silleda colabora co Pub Vinilo no ciclo cómico “Sábados culturais”
Silleda, 8 de febreiro de 2012. O Pub Vinilo de Silleda, rexentado por Miguel Valdés e Iván Cibeira, prepara unhas xornadas chamadas “Sábados culturais” que consistirán na actuación de tres monologuistas galegos de renome ao longo do mes de febreiro e marzo. Nesta iniciativa colaborará a Concellería de Cultura do Concello de Silleda mediante a difusión das actuacións e apoio loxístico.
A presentación de “Sábados culturais” tivo lugar hoxe ás 11.30 horas na Biblioteca Pública Municipal Castelao, e acudiron un dos socios do local de copas, Miguel Valdés, e o Concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre. Informaron de que o primeiro contador en actuar na vila será Cándido Pazó o 18 de febreiro mentres que no mes de marzo estarán Quico Cadaval o día 17 e Carlos Blanco o 31. As entradas poranse á venda no Pub Vinilo, propio local organizador, e nos establecementos de Silleda Bar Novo Alaska e A Arrancadeira; custarán para as dúas primeiras actuacións, cinco euros, mentres que para desfrutar do espectáculo de Blanco haberá que aboar seis euros por entrada anticipada e 7 se se mercan o mesmo día, “intentamos poñelas a un prezo razonable para que todo o mundo poida vir” di Valdés; segundo o previsto, as noties dos “Sábados culturais” darán comezo ás 23.30 horas en todos os casos.
Asemade, Valdés informou de que tentarán que este ciclo non sexa un feito aillado, senon que forme parte dunha oferta cultural continuada que dende o Pub Vinilo tentarán manter, como o fixeron ata o de agora, a través de concertos, contacontos e espectáculos alternativos. Tamén quixo dar as grazas aos artistas “polo trato tan fácil e pola súa amabilidade e dispoñibilidade” e ao Concello de Silleda “pola a súa axuda”. O socio do local rematou convidando a todo o mundo a asistir ao espectáculo.
O Concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre afirmou hoxe durante a presentación da iniciativa na Biblioteca Pública Municipal Castelao, que “é unha iniciativa privada que se apoia decididamente dende a administración pública municipal por ser de grande interese e alta calidade cultural”. Con esta iniciativa preténdese organizar noites diferentes para tentar que a marcha nocturna non sexa só os venres, senón que os sábados, este municipio poida ser un lugar de referencia para e non só para os máis novos. “Esta iniciativa é moi estimable pola nosa parte por apostar polos mellores monologuistas do País, grandes contadores de historias en Lingua Galega” finaliza o Concelleiro da Torre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario