PP / PSOE Ames – notas de prensa sobre a polémica dos cargos de confianza

PP Ames

O PP DE AMES LAMENTA QUE MENTRES O SEU GOBERNO MUNICIPAL CONTINÚA A TRABALLAR PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS REAIS DOS VECIÑOS A OPOSICIÓN ESTEA A DEMOSTRAR UNHA VEZ MÁIS A SÚA FALTA DE ALTERNATIVA

O PP ratifica o seu compromiso cos veciños de Ames, garantindo a estabilidade do seu goberno para seguir traballando polo Concello e para sacalo da grave situación económica á que foi dirixido.

Todas as decisións do actual Goberno Municipal enmárcanse nunha clara política de axuste orzamentario e control do gasto público. Os acordos aprobados no Pleno de Organización do día 8 de xullo de 2011, a proposta do grupo municipal popular, supoñen un aforro de 109.000 euros respecto ao sistema anterior.

Ames, 8 de febreiro.

O Grupo Municipal do Partido Popular considera que a mellora da calidade de vida dos veciños de Ames debe ser a prioridade absoluta dos responsables políticos que resultaron elixidos nas pasadas eleccións locais. En consecuencia, o grupo popular, co respaldo maioritario obtido nas urnas, está a traballar con fortaleza e unidade para sacar adiante os seus proxectos de goberno, centrándose en resolver a crítica situación económica herdada dos anteriores responsables municipais.

Neste contexto, o Partido Popular lamenta que mentres o seu goberno municipal continúa a avanzar sen fisuras para solucionar os problemas reais dos veciños, a oposición estea a demostrar unha vez máis a súa falta de ideas e de alternativa. Empregar a remodelación do persoal de gabinete da Alcaldía de Ames como argumento fácil para sacar algún rédito político só deixa ben as claras que a oposición non está en condicións de ofrecer ningún proxecto para o Concello de Ames e debe limitarse a facer ruído sen ningún tipo de fundamento.

Ante a actitude demostrada pola oposición, o PP ratifica o seu compromiso cos veciños de Ames, garantindo a estabilidade do seu goberno para seguir traballando polo Concello e para sacalo da grave situación económica á que foi dirixido.

Proceso transparente

O cambio organizativo realizado na Alcaldía procura a maior eficacia nos asuntos que son da competencia do persoal eventual de confianza do alcalde e non afecta á xestión do Goberno municipal por parte do grupo maioritario no Concello de Ames. O debate interno e a confrontación de opinións que pode xerar unha remodelación como a citada anteriormente non ten maior transcendencia que o lóxico contraste de pareceres nunha organización que fomenta o diálogo con ánimo construtivo.

A remodelación do persoal eventual de gabinete seguiu o procedemento establecido para a designación dos cargos de confianza da Alcaldía e foron resoltos por decreto, asinado polo alcalde Santiago Amor con data 3 de febreiro de 2012. Desde ese mesmo día, a documentación pode ser consultada polos interesados sen máis trámite que a súa solicitude polos cauces oficiais. Para o grupo municipal popular, non existe outro interese que a transparencia nos novos nomeamentos.

Do mesmo xeito, o PP de Ames lembra que todas as decisións do actual Goberno Municipal enmárcanse nunha clara política de axuste orzamentario e control do gasto público. Os acordos aprobados no Pleno de Organización do día 8 de xullo de 2011, a proposta do grupo municipal popular, supoñen un aforro de 109.000 euros respecto ao sistema establecido polos anteriores responsables do goberno de Ames.

De xeito detallado, cómpre sinalar que nese Pleno de Organización determinouse unha redución do 5 por cento no salario do alcalde e dos concelleiros. No mesmo sentido, decidiuse limitar a celebración das Xuntas de Goberno Local a un máximo de 2 por mes (en lugar das 4 que se viñan celebrando no anterior goberno), reducindo á metade o seu custo para as arcas municipais. Só nos cen primeiros días de goberno popular no Concello de Ames, o aforro cifrouse en 1.000 euros diarios.

PSOE Ames

O Alcalde de Ames cesa e nomea no mesmo día os novos postos de confianza

A decisión do goberno é precipitada e incoherente co discurso practicado na oposición e a austeridade anunciada

Para o Grupo Socialista perdeuse unha gran oportunidade de aforro para garantir postos e servizos do Concello e cumprir con “despidos cero”

O grupo de Goberno Amiense fixo onte efectivo os ceses dos últimos dous postos de confianza que tiña e que desencadearon a crise actual do Goberno Amiense. Os postos de confianza que se cesaron no día de onte son os que corresponden a Administrativa de Gabinete de Alcaldía e a que viña desempeñando a labor de xefa de prensa e súmanse ao xa coñecido da outra Administrativa de confianza que foi cesada mediante decreto o pasado 11 de Xaneiro.

No mesmo día destes ceses nomeábanse as tres novas persoas que pasarán a desempeñar estas funcións. O grupo Socialista de Ames solicitou información relativa a estes postos de confianza o pasado luns 6 de Febreiro mediante un escrito con rexistro de entrada 1549 e dirixido á Alcaldía. Nese escrito se pedía coñecer de primeira man e de forma oficial os anuncios que se estaban a filtrar à prensa sobre os ceses dos dous últimos postos de confianza, así como saber se o Goberno tiña previsto cubrir ditos postos a curto ou medio prazo. Tamén pedíase, no mesmo escrito, os motivos dos ceses e saber si había persoas desenvolvendo as funcións dalgún dos postos cesados no Gabinete de Alcaldía. A día de hoxe este grupo segue sen ter ningunha contestación oficial por parte do Alcalde a pesares da designación dos novos postos de confianza.

Para o Grupo municipal Socialista estase actuando con precipitación e mutismo absoluto nun problema que atañe o Grupo de Goberno e ao Concello en xeral, intentando dar unha sensación de normalidade. Resulta cando menos extraño que en tan pouco espazo de tempo, no mesmo día do cese das outras compañeiras, se cubran estes postos de confianza coa designación das novas persoas. Ademáis consideramos un novo e grave erro o que está a cometer a Alcaldía e todo o Grupo de Goberno coa desiganción destes postos e que se perdeu unha moi boa oportunidade de resarcir os erros cometidos xa no mes de xullo coa designación dos tres postos de confianza.

Entende o Grupo Socialista, e así o solicitou nas súas intervencións nos medios de comunicación por medio do seu voceiro, que dous destes tres postos de confianza non deberían ter sido cubertos, e así co aforro xenerado garantir os postos de traballo e os servizos que o Goberno amiense pretende eliminar co despido de 9 traballador@s do Concello.

Para o grupo municipal as accións deste Goberno son incoherentes co seu discurso dende que chegou ao Goberno e co practicado cando estaban na oposición. Hai catro anos o PP amiense votou en contra da creación dun posto de persoal de confianza para desempeñar traballos en Gabinete de Alcaldía e agora eles desígnanse, non só 1, senón ata tres postos de confianza, sendo dous deles para o mesmo fin. Ademáis o Goberno popular é incoherente tamén co discurso de “austeridade” que está a practicar, tanto coa oposición, sen deixar dedicación algunha, como sobre todo e mais importante, cos veciños e veciñas de Ames coa continua suba de taxas para case que todos os servizos (comedores escolares, tardes divertidas, bos días cole, actividades deportivas e culturais, aproveitamento de espazos, piscina, cursos, etc). O grupo socialista considera que cubrindo estes postos non se aplica o Goberno a mesma austeridade que sí aplica aos demais e deixa ben clara a súa prioridade fronte aos traballadores e traballadoras do Concello que están nunha situación crítica e à espera da resolución dos seus despidos anunciados polo Goberno.

Finalmente, o Grupo Socialista cree que deixar en mans dunha persoa de confianza e partidista a información institucional do Concello é pouco “ético e profesional”, como así tamén o denuncia a Asociación de Profesionais de Periodistas. Este posto debería estar en mans de profesionais pertencentes à institución e alleos a intereses de partido, tal e como está a facer e seguirá facendo o Goberno amiense coa designación deste posto de confianza para o desempeño das funcións de Xefe de prensa como xa se viña realizando ata o de agora.

Esta decisión de goberno provoca que o Concello de Ames sexa o mais caro da historia, con un custe anual de cerca de 250.000€, o que suporá o final do seu mandato un gasto superior a 1.000.000 € en dedicacións e postos de confianza.

Ningún comentario: