| PSOE Os socialistas piden que non se cubran dous dos tres postos de confianza como mostra de austeridade e coherencia
A bicefalia Amor-Argibay estalla e pon ao Concello nunha situación de vacío de poder
O grupo municipal Socialista de Ames valora como MOI NEGATIVO todo o conflito interno de loita de poder no que está inmerso o grupo de Goberno popular, situación que pola súa gravidade merece urxentemente as oportunas explicacións por parte do Alcalde de Ames, o Sr. Amor. Dende o pasado mes de xullo, no que o Grupo de Goberno designou aos seus cargos de confianza, ata o pasado fin de semana, día no que se anunciou o cese dos últimos dous postos de confianza, pasaron menos de sete meses no que o Goberno popular non foi quen de estabilizar os seus conflitos internos sumindo ao Concello nun vacío de poder e un completo descontrol no que nin os propios traballadores saben a quen dirixirse para solventar os asuntos municipais, tal e como xa denunciou o Grupo socialista no seu balance dos 100 días. O grupo socialista considera precipitada, unha vez máis, as decisións tomadas polo grupo de goberno no último mes, dende que o pasado 10 de Xaneiro produciuse o cese do primeiro cargo de confianza correspondente à Administrativa de Gabinete de Alcaldía, ata o día de hoxe no que se anuncian os ceses das outras dúas persoas administrativas de confianza do grupo popular e todo iso en menos de sete meses de Goberno maioritario.
O pasado 10 de Xaneiro e aos 6 meses da súa designación, o Alcalde mediante decretazo cesaba à primeira Administrativa de Alcaldía sen xustificación algunha, e o pasado venres anúnciase o cese dos outros dous cargos de confianza correspondentes á secretaria de Alcaldía que asistía ao primeiro tenente de Alcalde, o Sr. Argibay, e a auxiliar administrativa que estaba a exercer funcións de xefa de prensa. O pasado 11 de xullo de 2011 o Goberno popular acordou en solitario a creación de dous postos de Administrativas e un de Auxiliar administrativa de Gabinete de Alcaldía, cun custo total de preto de 72.000€ brutos anuais. Esta decisión proposta dende a Alcaldía do Sr. Amor contou coa oposición frontal do Grupo Socialista e o voto contrario à aplicación da mesma, por considerala contraria aos tempos e os axustes que o PP amiense aplica à cidadanía, así como incoherente co discurso e o sentir das mesmas persoas catro anos antes cando estaban na oposición e votaban en contra da incorporación dun posto de confianza de Alcaldía para o entón goberno socialista minoritario. Na entrevista que o pasado venres ofreceu o novo voceiro Socialista José Miñones a Radio Obradoiro, advertíase da parálise á que estaba avocado o Concello, sen que dende o Grupo de Goberno se estivese facendo nada para solucionalo, Miñones dicía “Os feitos acontecidos nos últimos meses, e que agora saen á luz, explican en gran medida o denunciado polo voceiro socialista. Entendemos os Socialistas de Ames que o reflexo desta loita interna do PP amiense xa se fai notar no día a día da vida municipal e na falta de asuntos para deliberación e acordo que se propoñen dende o grupo de Goberno, tal e como se fai patente nos últimos plenos celebrados na corporación con tan só asuntos de puro trámite administrativo ”. A bicefalia existente no Concello de Ames é xa unha realidade e innegable para ninguén, e o custo que está a supoñer para o Concello de Ames e os Amienses é intolerable para o Grupo Socialista que entende que non debe ser asumida polos veciños e veciñas de Ames. O dobre custo desta bicefalia se traduce en dúas dedicacións exclusivas que gozan o Alcalde de Ames e o primeiro tenente de alcalde, o Sr. Argibay, ademais do dobre custo en persoal de confianza (administrativas de alcaldía) para cada un deles e que agora se anuncia o seu cese de maneira unilateral e fulminante por parte do Alcalde de Ames e sen o visto bo do Sr. Argibay, tal e como se recolle na prensa do fin de semana, así como do resto dos concelleiros. O grupo socialista solicita ao Alcalde e ao Grupo de goberno que “reconsideren a posibilidade de renunciar a cubrir cando menos dúas desas tres prazas de persoal de confianza. Con este aforro, entendemos que o goberno popular podería cubrir os postos que pretenden eliminar evitando así que non se produza ningún despido e cumprir co sentir do grupo socialista de “despidos cero” ”. Con esta medida, “o grupo de goberno cumpriría co exemplo de austeridade nos mesmos termos que lle está a esixir aos veciños e veciñas de Ames coa constante suba das taxas”. Ademáis, existe unha razón máis ética e profesional, máis importante se cabe, que fai referencia a que a información institucional do concello non estea en mans dun posto de confianza do goberno, senón en mans de profesionais pertencentes á institución e alleos a intereses partidistas, tal e como veñen demandando as asociacións profesionais de periodistas. Por todo o exposto o grupo municipal socialista solicita: 1) Información do goberno popular sobre todo o acontecido antes de solicitar a comparecencia do alcalde. O goberno ha de explicar as causas polas que en menos de 7 meses se cesou a unha persoa de confianza do goberno e o pasado venres se anunciou o cese dos outros dous postos de confianza. 2) Que o grupo de goberno deixe a un lado a súa loita de poder e se centre na xestión diaria do Concello e desapareza dunha vez a bicefalia existente. 3) O goberno está mais centrado en solucionar os problemas propios que en sacar novas iniciativas. É necesario que comece xa a plantexar novos proxectos e ideas que vaian mais aló do mantemento dos servizos desarrollados nos últimos 8 anos polos Socialistas ou o bipartito 4) Que se eliminen cando menos dous dos tres postos de persoal de confianza que foron aprobados no mes de xullo e se cubra, co excedente económico xerado, os postos que o goberno popular pretende eliminar. | BNG O BNG propón que o alcalde se someta a unha cuestión de confianza para superar a crise de goberno e coñecer quen goberna Ames Pilar Candocia: “O PP está dando un espectáculo bochornoso, esta loita descarnada polo poder mostra ás claras quen nos goberna. Ao BNG non lle interesan as súas guerras e as súas miserias, pero a cidadanía de Ames merece saber quen manda no Concello e ter un goberno á altura das circunstancias” (Ames 6-2-2012) Ames está padecendo unha crise de goberno por culpa das intrigas intestinas do Partido Popular que afectan de forma grave ao funcionamento do Concello. Este espectáculo de loita descarnada polo poder entre faccións enfrontadas deixa ao goberno nunha situación de quebra da confianza interna e de enorme debilidade, que é moi prexudicial para o Concello e para a cidadanía. A sociedade de Ames precisa saber quen goberna e por iso o BNG solicita unha cuestión de confianza para despexar a crise de goberno. Este conflito dentro do goberno Popular xa fora advertido polo BNG, cando no Pleno de setembro Pilar Candocia dixo “Santiago Amor é o Relacións públicas do goberno e Ramón Argibay é o auténtico alcalde na sombra”. Agora esta guerra aflora a superficie e deixa en evidencia a auténtica realidade dos Populares de Ames: primeiro, a forma de comprender o goberno por parte do PP é a loita polo poder persoal sen que haxa ningún proxecto para Ames en positivo; segundo, a bicefalia como esquizofrenia política, existen varios galos nun galiñeiro que non son capaces de convivir. Dentro das potestades do alcalde está nomear ao seu persoal de confianza, pero o cese das 3 persoas contratadas como persoal eventual de gabinete no prazo dun mes, demostra que hai varios gobernos en Ames, unha cara amable cara o público e un goberno na sombra que ten o mando efectivo. Estes día saíu á luz que unha parte do PP de Ames quere a Argibay como alcalde e pide a cabeza de Amor, o que evidencia a quebra da confianza dentro do goberno. Hai unha guerra aberta por controlar a alcaldía que imposibilita unha cohabitación pacífica do grupo de goberno e unha actuación normalizada no Concello e coa cidadanía, o problema non é a pluralidade senón a incapacidade para convivir e actuar conxuntamente. Non podemos permitir que o Concello sexa un campo de batalla de loitas cainitas, na que os odios e as miserias ocultan a incapacidade do goberno e a falta de proxecto. Nunha situación de crise na que os poderes públicos lle están pedindo esforzos á sociedade para que todo o mundo arrime o ombro, non é de recibo que os gobernantes malgasten as súas enerxías en guerras estériles. O medre persoal, os odios cruzados e as miserias de cadaquén non poden marcar a axenda do Concello de Ames. Estes conflitos son un atranco para a acción construtiva do goberno e para que o Concello sexa un instrumento útil para o avance da sociedade amesán. Gañe quen gañe, perde Ames. Nesta disputa tamén está en xogo o reparto de cargos e soldos por parte dos concelleiros e o alcalde. Debemos lembrar que Ames ten o goberno máis caro da súa historia, que lle custa á facenda municipal máis de 250.000 € entre dedicacións dos concelleiros e persoal de gabinete. O propio alcalde ten unha retribución bruta próxima aos 50.000 € anuais, que sumada ás retribucións percibidas por parte da Deputación superaría os 70.000 € anuais -o salario de Núñez Feijóo como presidente da Xunta é de 71.960,28 €-. No anexo detallamos recollemos as retribucións aprobadas cando o gabinete estaba ao completo. Nos últimos tempos o noso Concello ten temas moi graves aos que atender. O goberno propuxo o peche de servizos clave para o benestar de Ames e botar a rúa a 9 traballadoras/es sen ningún de xustificación. Que debe pensar a cidadanía nesta situación: era un capricho de Argibay ou de Amor?, unha arroutada e un golpe de autoritarismo dun alcalde (ou tenente alcalde) pode levarnos a prescindir de servizos e persoas de enorme valor para Ames? Hai moitas preguntas sen resposta e a cidadanía precisa unha explicación do que está sucedendo, o goberno debe dar conta da situación e aclarar cal é o horizonte que nos espera. O BNG solicítalle ao alcalde que presente unha cuestión de confianza para que a cidadanía coñeza quen goberna Ames e cal é o seu respaldo. |
BNG Ames / PSOE Ames – notas sobre a crisis no goberno municipal
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario