Silleda – solicitude de curso sobre instalacións solares

O Concello de Silleda solicitou á Consellería de Traballo o curso de “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas” para desempregados

- Ven a completar os cursos de “Instalacións de paneis solares térmicos” e “Instalación de paneis fotovoltaicos” impartido neste municipio en 2008

- “Estamos levando a cabo os trámites necesarios para a solicitude de máis cursos deste tipo para persoas traballadoras desempregadas, relacionados con varios sectores, polo que este é o primeiro de moitos” di a Concelleira de Emprego, Margarita Campos

Silleda, 8 de febreiro de 2012. O Concello de Silleda ven de solicitar á Consellería de Traballo en colaboración co Fondo Social Europeo un curso de “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas” para desempregados, como continuación dos xa impartidos en 2008, durante a primeira lexislatura da actual Alcaldesa, Paula Fernández Pena, de “Instalacións de paneis solares térmicos” e “Instalación de paneis fotovoltaicos” na casa do Caminero, en O Castro.

A solicitude do curso, que foi feita ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2011 por convocatoria pública, pertence á programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas, e está integrada dentro da política de emprego do Concello de Silleda. Ten como obxectivo formar a traballadores do sector da construcción, un dos máis afectados pola crise, e segundo a Concelleira de Emprego, Margarita Campos foi pedido “pola necesidade que ten a comarca de Deza en formar e especializar neste ámbito aos desempregados da zona, xa que así se crearía un banco de persoal especializado para poder desempeñar postos de traballo en empresas trasdezás que se adican a este sector, ademais de concienciar á poboación da necesidade do emprego destas enerxías renovables”.

Está previsto que o Concello de Silleda e a Fundación Laboral da Construcción firmen un convenio de colaboración polo cal o primeiro cede as instalacións para poder levar a cabo esta acción formativa, mentres que a FLC se encargará de impartir o programa da mesma. O edificio cedido polo goberno local sería a Nave do Obradoiro de Emprego situada en O Ullleiro, en A Bandeira, e nel impartiríanse tanto os contidos teóricos como os prácticos do programa que durará 628 horas e contempla prazas para 15 alumnos.

Cabe destacar que os dous primeiros cursos, que se nomearon ao comezo desta nota, permitiron, como prácticas dos alumnos, a instalación de tres paneis solares que hoxe en día abastecen de auga quente ás piscinas e ao pabillón de A Bandeira, algo que, no caso do polideportivo, agradeceron encarecidamente os peregrinos que empregaron estas instalacións como albergue.

A Concelleira de Emprego, Margarita Campos, informa que “esta só é unha acción máis integrada na política de emprego que estamos a levar a cabo dende o Concello de Silleda” e continúa dicindo eu “estamos levando a cabo os trámites necesarios para a solicitude de máis cursos deste tipo para persoas traballadoras desempregadas, relacionados con varios sectores, polo que este é o primeiro de moitos”.

Ningún comentario: