UNHA VINTENA DE VECIÑAS DA COMARCA DE ORDES PARTICIPAN NO OBRADOIRO GRATUITO DE ECONOMÍA DOMÉSTICA ORGANIZADO POLA MANCOMUNIDADE
As veciñas recibiron e aportaron consellos para o aforro en materias como combustible, auga, electricidade, calefacción, telefonía, alimentación e gastos bancarios
8 de febreiro de 2012.- Unha vintena de veciñas da comarca de Ordes participaron esta mañá no Obradoiro de Economía Doméstica, organizado pola Mancomunidade de Municipios de Ordes e que terá continuidade o vindeiro mércores 15 de febreiro. Unha iniciativa, de participación libre e totalmente gratuita, que foi impartida no local cultural da rúa Reconciliación (Ordes).
Durante hora e media, a educadora familiar da Mancomunidade de Ordes, Begoña Lorenzo, explicoulles aos veciños a importancia de planificar e organizarse económicamente e propúxolles unha serie de consellos sinxelos para aforrar en materia de combustible, auga, electricidade, calefacción, telefonía, alimentación ou gastos bancarios. Un intercambio de consellos no que tamén participaron as propias veciñas, suxerindo os seus propios “trucos”.
Consellos
Por exemplo, cando Begoña Lorenzo explicou a importancia de “planificar con anterioridade as rutas en coche para evitar facer un maior percorrido e así poder aforrar en combustible”, unha das alumnas puntualizou que “se o nivel de aire das rodas é o correcto tamén se mellora moito o consumo”. Outro punto moi debatido foi o do aforro de auga, no que Begoña Lorenzo insistiu en que “non se trata de ir cronometrando senón de saber que as lavadoras e os lavavaixelas hai que usalos a carga completa, sen sobrecargalos que do contrario se estropean, ou que mentres lavamos os dentes non precisamos que corra a auga durante todo o tempo”.
Algúns dos consellos ofrecidos durante esta mañá sorprenderon ás presentes, como que “podemos apargar a vitrocerámica 5 minutos antes de rematar de cociñar, pois chega coa caor acumulada ou que cando ferve a auga dos alimentos que estamos cociñando podemos baixar a potencia da calor”. Así mesmo, fixo fincapé no aforro que supón mercar bombillas de aforro de enerxía, “pois aínda que son máis caras, o custe queda compensado co aforro enerxético que permiten”.
Este obradoiro está incluido dentro do Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Ordes. O vindeiro mércores 15 de febreiro impartirase unha segunda sesión no local cultural ubicado na rúa Reconciliación (Ordes), en horario de 10 a 11:30 horas. A participación é totalmente libre e de balde, puidendo acudir á sesión sen necesidade de inscrición previa. Máis información no departamento de Educación Familiar da Mancomunidade de Ordes (na rúa Xoxardo) ou no teléfono 981 680 002.
Ningún comentario:
Publicar un comentario