Ames - Pacto de goberno (inclue audio e documentación)

Audio da rolda de prensa que deron os concelleiros que forman o novo equipo de goberno
O final da páxina podes descargar os documentos



O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes pola tarde a presentación do novo goberno municipal, tralo acordo alcanzado entre os grupo políticos do PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG. Na rolda de presa de presentación estiveron o alcalde e todos os concelleiros/as dos tres grupos políticos que forman o novo goberno municipal de Ames. Ademais, neste acto asináronse os decretos coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal. Tamén se deu conta do reparto das tenencias de Alcaldía e da nova composición da Xunta de Goberno Local. Este venres, 10 de xullo, celebrarase o pleno de organización no que se decidirán as dedicacións de cada grupo municipal, así como a periodicidade coa que se celebrarán os plenos e as xuntas de goberno local, entre outros asuntos. 

Esta tarde, as 18:30 horas, celebrouse unha rolda de prensa na que se anuncio o acordo de goberno ao que chegaron os grupos políticos do PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG. Trátase dun pacto de goberno que xira arredor dun programa para a lexislatura 2015-2019, que foi elaborado polas devanditas forzas políticas, e que está divido en cinco grandes áreas ou liñas programáticas que son: un goberno municipal transparente, aberto e participativo; un goberno comprometido co emprego e co desenvolvemento económico de Ames; que Ames sexa un concello para vivir apoiando o desenvolvemento territorial sustentable; un goberno comprometido coa igualdade e as políticas sociais por unha saída social á crise; e un goberno comprometido coa lingua e a cultura galega. 

Ademais da sinatura do devandito pacto, neste acto, tamén se dou conta e se asinaron os decretos mediante os cales se delegan en cada un dos concelleiros e concelleiras as diferentes áreas do goberno municipal. Deste xeito, o alcalde, José Miñones, leva as áreas de seguridade, emerxencias, persoal e reforma administrativa e deportes; Luísa Feijóo é a concelleira delegada de sanidade, servizos sociais e igualdade; Blas García é o encargado da concellaría de urbanismo, obras públicas, e servizos básicos; Isabel González leva a concellaría de participación e atención veciñal e promoción económica; Genma Otero é a concelleira de Economía e Facenda; Catuxa García dispón das competencias de medio ambiente e desenvolvemento sostible; Silvia Dapena é a concelleira de mocidade e transparencia; David Santomil é o encargado da concellaría de Educación e Cultura; e Isabel Vaquero leva as áreas de normalización lingüística e comunicación.

Tenencias de Alcaldía e composición da XGL

Por outra banda, deuse conta do reparto das tenencias de Alcaldía: Así a primeira tenente de alcalde é Genma Otero; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a David Santomil; o terceiro tenente de alcalde é Blas García; a cuarta tenencia de alcaldía é para Silvia Dapena; a quinta tenente de alcalde é Isabel Vaquero; e a sexta tenencia de alcaldía é para Luísa Feijóo. Por último, a Xunta de Goberno Local estará composta polo alcalde, José Miñones, Genma Otero, David Santomil, José Blas, Silvia Dapena, Isabel Vaquero e Luísa Feijóo.

Neste mesmo documento tamén se recolle o organigrama municipal de dedicacións; das áreas de xestión, do reparto de responsabilidades cos cargos de alcaldía, as tenencias de alcaldía, o nomeamento do persoal de confianza, as asignacións das dedicacións exclusivas e parciais, así como o programa de accións e a validez do mencionado documento. 

Sobre o reparto das dedicacións, o alcalde, José Miñones, adiantou que neste documento recóllese que o goberno municipal tería cinco dedicacións e media, repartidas entre sete membros do goberno municipal (4 persoas terían unha dedicación exclusiva e outras tres persoas terían unha dedicación parcial). De tódolos xeitos, estas cuestións teranse que tratar e aprobar, se procede, este venres, ás 10 de xullo, ás 16:30 horas, no pleno de organización que se celebrará na Casa do Concello.



Foto: L. Miguel Bugallo
Descarga os documentos que reflexan o acordo, as tenencias de alcaldía e as áreas de goberno pinchando na imaxen







Psoe Trazo - Despilfarro e abuso no pleno de organización

O Partido Socialista de Trazo cualifica de despilfarro e abuso o réxime de dedicacións exclusivas e parciais fixado unilateralmente polo alcalde Xosé Dafonte e o seu grupo para os próximos catro anos, que supoñen incrementar o gasto nun 10,49% con respecto á lexislatura anterior, cando xa se subiran os soldos outro 14%. “É unha vergoña que a primeira medida do señor Dafonte sexa incrementarlle o soldo aos seus nun 10,4% cando o PP leva catro anos de recortes baixo a bandeira do aforro e da contención do gasto nos municipios”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.

Os concelleiros socialistas votaron en contra da proposta do Partido Popular ao considerar que “é unha esaxeración, un malgasto e un abuso que nun concello de apenas 3.500 habitantes e na actual situación de crise económica os concelleiros do PP vaian cobrar por unha hora de traballo máis do dobre do que cobra un traballador co salario mínimo interprofesional por todo un día de traballo”, critica Domínguez Siaba. 

Así mesmo, consideran que os 40.000 euros brutos que cobrará Xosé Dafonte “non é aceptable, por moito que recoñecemos que é legal”. Os socialistas de Trazo preguntáronlle ao alcalde se era certo o que se incluía na documentación do pleno, que indicaba que o Concello de Trazo asumiría “o gasto polos conceptos sociais que correspondan á Corporación en tal réxime, continuando de alta no réxime xeral da Seguridade Social”. “Supoño que causaría baixa e agora cause alta”, preguntou a voceira municipal socialista quen, ante a ausencia de resposta anunciou que solicitará un informa expreso da legalidade desta medida.

Moitos cartos por pouco traballo
Os socialistas consideran desproporcionadas as dedicacións parciais de 350 euros mensuais, en 14 pagas, fixadas para os concelleiros do Partido Popular por traballar tan só 8 horas ao mes. É dicir, que os concelleiros do PP de Trazo cobrarán 43,3 euros por cada hora de traballo, xa que Dafonte decidiu subirlles a cada un 50 euros ao mes fronte á lexislatura anterior. Así mesmo, o alcalde fixou unha dedicación parcial de 650 euros para a concelleira de Servizos Sociais por unha dedicación de tan só 15 horas mensuais. 

“Esta concelleira cobrará por 15 horas de traballo máis que os dous grupos da oposición en todo un ano. É un agravio comparativo”, denuncia Beatriz Domínguez, quen critica “a falta de talante democrático dun alcalde que elimina sesións plenarias agochándose na escusa do aforro económico pero despois lles sube un 10% o soldo aos seus compañeiros de partido”. De feito, o custe do Goberno de Dafonte para esta lexislatura será o máis elevado da historia do Concello de Trazo: 298.400 euros 

Medidas antitransparencia
A voceira municipal socialista reiterou as súas críticas á decisión unilateral do PP de eliminar dúas sesións plenarias do ano. “O pleno é o órgano no que están representados todos os veciños, tanto os que votaron ao PP como os que optaron por outras opcións políticas. Cando Dafonte elimina dúas sesións plenarias ao ano está buscando dificultar aínda máis o noso labor como oposición, Gobernar por decreto e evitar dar conta da súa nefasta xestión”, sinala Beatriz Domínguez.

Os socialistas consideran unha hipocresía absoluta que Dafonte se escude na crise económica para eliminar estas sesións plenarias, nas que o pago por asistencia é de 50 euros por concelleiro. Unha medida legal pero que só suporá un aforro de 300 euros anuais cando a lei tamén permite a non constitución da Xunta de Goberno Local, como piden os socialistas. “Iso si suporía un verdadeiro aforro, pois nela os concelleiros do PP van cobrar 150 euros por cada sesión. Dúas, inicialmente, pero que moitas veces chegan a ser tres ou catro”, denuncia a voceira municipal socialista. Non constituir a Xunta de Goberno Local nas condicións nas que fixa Dafonte suporía un aforro mínimo de 43.200 euros esta lexislatura, fronte aos 1.200 euros de aforro que supón a eliminación das sesións plenarias.

Por último, os socialistas votaron en contra do nomeamento de José Liste Calviño como representante do Concello de Trazo no colexio de Viaño. “Pensamos que hai xente moito máis cualificada dentro do propio PP para desempeñar esa función, sobre todo cando se designa a unha persoa que apenas está polo municipio para ser quen leve algo tan importante como a educación dos nosos nenos e nenas”, advirte a concelleira socialista.

BNG Trazo - Sobre o leno de organización e a actitude do alcalde

Mediante este comunicado desde o BNG de Trazo queremos transmitir o esperpento que onte tivemos que vivir no Pleno extraordinario de Organización no que foi o noso primeiro Pleno con contido real (despois do de investidura) tras varias lexislaturas sen representación no Concello. A actitude do Alcalde deixou moito que desexar, aproveitándose da súa maioría absoluta (8 PP, 2 Psoe e 1 BNG) para aprobar todo sen responder nin valorar as preguntas e as propostas da oposición, chegando incluso a burlarse, e rematando co que foi un bo resumo de todo o Pleno:

- Non vai responder ás miñas preguntas? (Martín Rei ­ BNG)

- Por suposto que non! (José Dafonte ­ Alcalde ­ PP)

A proposta do Partido Popular foi moi clara, vetar o papel da oposición a 5 días por ano (4 Plenos e 1 Comisión) e sacar tallada a costa da veciñanza, tendo dedicacións que se pagan a 43€ por hora e Xuntas de Goberno cada 2 semanas a 150€ (fronte a Plenos e Comisións, onde tamén estamos a oposición, que se pagan a 50€).

Tal é o empeño en deixar sen voz á oposición que comete ilegalidades ao non aplicar a lei 5/97 de Administración Local de Galiza na periodicidade dos Plenos (que segundo indica a lei é como mínimo de 1 cada 2 meses e en Trazo o PP establece 1 cada 3 meses), lei que si menciona cando de crear a Xunta de Goberno se trata.

En moitas ocasións as peticións que fixemos do BNG foron fórmulas de publicidade (como a gravación dos Plenos) ou a igualdade de sexo nos distintos órganos como a Xunta de Goberno ou a Comisión Informativa, se ben como dicimos o Pleno veu marcado pola negativa mecánica do Alcalde, botando abaixo calquera proposta da oposición sen ningunha xustificación (aínda que se lle pediu que a dera) e limitándose unicamente a votar. Se ben cabe destacar 2 pequenos momentos de tensión e discusión no que o Alcalde nos retirou a palabra:

1º: no punto 3, sobre a periodicidade do Pleno, quixemos solicitarlle á Secretaria que constara na acta que xa citaramos a lei que estaban a incumprir e que estaban a facer caso omiso conscientemente, que non nos deixou expresar alegando que non había quenda de réplica.

2ª: tras no punto 9 (nomeamento de Tenentes de Alcalde e concellarías) rematar, unha vez máis, incidindo na importancia da paridade de sexos (xa que na Xunta de Goberno e nas Comisión só propuxeron homes) tivemos que soportar a burla do Alcalde ríndose da nosa proposta de buscar a igualdade entre sexos nos distintos órganos de goberno. En vista disto e de que non permite absolutamente ningunha réplica nin comentario agardamos ao seguinte punto no que ao final quixemos rematar transmitindo o noso malestar por burlarse ante un asunto tan grave como é o machismo e entre berros quitounos a palabra sen deixarnos rematar a nosa quenda.

Agardamos que o resumo deste acto que malamente pode levar o nome de “Pleno” sexa do seu interese e o recollan para que a veciñanza de Trazo poida coñecer esta situación, na que con todas as boas intencións de traballar por Trazo nos presentamos a unhas eleccións e agora nos atopamos practicamente amordazados. Poden ampliar información co resumo das propostas do Partido Popular así como con todas as nosas intervencións consultando a nosa páxina web http://bng.gal/trazo/2015/07/06/pleno­extraordinario­de­organizacion­do­concello­de­trazo/ e por suposto consultándonos.

USC - Deseñan unha molécula para desenvolver un tratamento máis efectivo para o cancro de mama

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago, en colaboración con científicos das Universidades da Coruña e Vigo, o Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo, o Sergas e o Hospital de Jove en Xixón descubriron un novo tratamento contra o cancro de mama baseado na combinación de novos análogos de vitamina D con quimioterapia. Este grupo formado por químicos, biólogos e médicos está moi esperanzado en poder desenvolver como fármaco o produto xa que podería ser de especial interese no tratamento de desordes hiperproliferativos como o cancro ou a psoriase.

Os resultados do traballo ‘Pit-1 inhibits BRCA1 and sensitizeshumanbreasttumors to cisplatin and vitamin D treatment’  acaban de ser publicados na revista estadounidense especializada en cancro Oncotarget. Nel, os investigadores describen que a combinación de novos análogos de vitamina D coa quimioterapia utilizada de forma habitual no tratamento do cancro de mama máis agresivo é máis efectiva que a administración de quimioterapia de forma illada. O traballo está asinado por Samuel Seoane, Efigenia Arias, Rita Sigueiro, Juan Sendón-Lago, Anxo Martínez-Ordóñez, Esteban Castelao, Noemí Eiró, TomásGarcía-Caballero, Manuel Macía, Rafael López-López, Miguel Maestro, Francisco Vizoso, Antonio Mouriño e Román Pérez-Fernández.

Os autores demostran que a administración combinada de análogos de vitamina D e cisplatino actúa sinerxicamente, inhibindo a proliferación celular, estimulando a apoptose (morte celular programada), aumentando o dano no ADN e reducindo o crecemento tumoral, tanto en liñas celulares de cancro de mama en ratos como en células illadas de tumores de pacientes con esa enfermidade.

Aínda que esta combinación foi xa utilizada previamente, neste caso faise cunha molécula deseñada polo grupo de Química Orgánica da USC dirixido polo profesor Antonio Mouriño, experto en síntese de análogos de vitamina D. Esta molécula posúe unha serie de modificacións na súa estrutura que fan que manteña as propiedades da vitamina D sintetizada no organismo pero evita efectos secundarios como o incremento de calcio en sangue, que a doses elevadas pode resultar tóxico. As súas propiedades fan que o novo composto sexa ademais potencialmente adecuado para outras patoloxías, como por exemplo a psoriase.


Este novo análogo de vitamina D está protexido a través dunha patente propiedade das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e do SERGAS. TantoSamuel Seoane, Efigenia Arias, Antonio Mouriño e Roman Perez-Fernandez (USC), como Miguel Maestro (UDC) eEsteban Castelao (Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo), todos autores, están xa en contacto con empresas farmacéuticas interesadas no seu desenvolvemento como fármaco para o seu futuro uso en pacientes. 

Oroso - Limpeza de áreas recreativas

A brigada de Obras do Concello de Oroso está a rematar estes días co programa de limpeza e acondicionamento das distintas áreas recreativas e zonas verdes do municipio. Uns traballos nos que, ademais de limpar toda a zona de maleza, tamén se realizan arranxos do mobiliario municipal (bancos,mesas, barbacoas...) das distintas áreas recreativas.

Ademais, o Concello de Oroso informa de que ao longo dos próximos días recuperarase o ritmo de limpeza de maleza nas distintas vías municipais, despois duns meses de baixa dun traballador que fixo que se resentise este servizo, xa que o Goberno Central non permite repoñer eses postos de traballo. Ademais, esa baixa coincidiu coa avaría dunha das máquinas, que xa está reparada.

A Baña - Pleno de organización

O Concello da Baña celebrou hoxe un pleno en sesión extraordinaria convocado tralas eleccións municipais do 24 de maio e a constitución da corporación municipal do pasado día 13 de xuño. Entre os puntos tratados na orde do día figura a periodicidade das sesións parlamentarias que serán cada dous meses. Celebraránse concretamente o último mércores do mes. Tamén se acordou a constitución da Xunta de Goberno Local e douse conta do nomeamento dos seus membros. Estará presidida polo alcalde, José Andrés García Cardeso, e por tres concelleiros do PP: Manuel Landeira, Manuel Tourís e Sandra López. Na sesión douse conta tamén do nomeamento dos tenentes de alcalde, que serán Manuel Landeira (primeiro tenente de alcalde), Manuel Tourís (segundo tenente de alcalde) e Sandra López (terceira tenente de alcalde).

O pleno, integrado por PP (seis concelleiros), PSOE (catro concelleiros) e Compromiso por Galicia (1 concelleiro); tamén abordou a creación das comisións informativas, que serán as seguintes: Patrimonio, Contas e Persoal; Obras, Infraestructuras e Urbanismo; Medio Rural e Medio Ambiente; Muller e Igualdade; Servizos Sociais, Educación, Cultura e Emprego; Promoción Económica e Relacións Veciñais e Xuventude e Deportes. 

Os representantes do Concello da Baña nos órganos colexiados serán os seguintes:

-Mancomunidade do Tambre: Andrés García Cardeso, Manuel Landeira e Roberto Rial.

-Consello Escolar (Colexio da Baña e Escola de Lañas): Alicia Blanco.

-GDR: José Manuel Landeira.

O Pleno tamén tratou os cargos con dedicación exclusiva ou parcial. O alcalde contara con dedicación exclusiva e unha retribución de 40.000 euros brutos ano ano, establecida en función do fixado na Lei de Reforma Local para os municipios de menos de 5.000 habitantes. Tambén haberá una dedicación exclusiva parcial, que lle corresponderá á concelleira Alicia Blanco, que terá unha retribución de 12.000 euros brutos ao ano.

Ames - A Policia Local detivo a un exhibicionista no Camiño Portugués

Os axentes da Policía Local de Ames identificaron a unha persoa que levaba días facendo xestos obscenos e actos de exhibicionismo ante diferentes peregrinas que realizaban o camiño de Santiago a Fisterra. Para identificar a este individuo o corpo de seguridade amesá montou un dispositivo especial, a través do cal unha axente vestida de peregrina localizou e identifico á devandita persoa. Trala identificación informouse a este individuo das posibles consecuencias que lle podían ocasionar os feitos ocorridos, segundo o especificado na Lei 4/2015. 

O pasado sábado, 4 de xullo, arredor das 10:00 horas un veciño chamou á Policía Local para alertar de que un home chegará ao camiño de Santiago a Fisterra, ao seu paso polo lugar de Augapesada, concretamente no camiño coñecido como Mar de Ovellas. Despois de estacionar o seu vehículo, púxose a camiñar cara arriba ata chegar a un lugar afastado do vehículo, pero próximo ao camiño de Santiago. Unha vez alí, comezou a realizar xestos obscenos e actos de exhibicionismo.

Tendo en conta que a descrición física deste individuo coincidía coa información proporcionada por varias peregrinas, que días atrás denunciaran estes mesmo feitos no camiño de Santiago a Fisterra, a Policía Local puxo en marcha un dispositivo especial no que participaron unha axente vestida de peregrina e outros dous axentes uniformados. 

A axente camuflada de peregrina comezou a percorrer o camiño de Mar de Ovellas. Detrás dela, a unha distancia prudencial, ían os outros dous axentes. Percorrido un quilómetro aproximadamente, a axente visualizou a un varón, que estaba separado uns 5 metros do camiño, facendo xestos obscenos e actos de exhibicionismo. De seguido, os axentes da Policía Local, tendo en conta o establecido na Lei 4/2015, identificaron a esta persoa como presunto autor dos feitos denunciados, xa que coincidía coas características achegadas anteriormente por varias peregrinas.

Deste xeito, informouse ao presunto autor dos feitos do motivo da súa identificación e das posibles consecuencias que poden ocasionar os feitos ocorridos en relación coa devandita lei. Tamén se lle advertiu das consecuencias que teñen eses mesmos feitos, no caso de que se realicen ante menores ou persoas con algún tipo de discapacidade.

Campaña de control da DGT
Por outra banda, como soe ser habitual, a Policía Local de Ames adheriuse á campaña especial de vixilancia e control das condicións nas que circulan os vehículos polas estradas. Esta campaña, promovida pola Dirección Xeral de Tráfico, estase desenvolvendo entre o 6 e o 12 de xullo.

Mancomunidade de Ordes - Programa de respiro familiar "balnearios"

O departamento de Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes pon en coñecemento de todas e todos o arranque do programa de respiro familiar en balnearios ‘Cuidarelax’, dirixido ás familias que teñan ao seu cargo persoas maiores en situación de dependencia. Trátase dun programa da Unión de Pensionistas (UDP) que conxuga o apoio a coidadores coa asistencia a unhas xornadas de fin de semana nun balneario con tratamentos termais e actividades de lecer e psicoeducativas. Unha convocatoria que tamén se estende ás parellas ou fillos e fillas dos coidadores principais de persoas maiores.

Os obxectivos do programa ‘Cuidarelax’ pasan por ofrecer un espazo de contacto entre familias que teñan persoas maiores en situación de dependencia. Todo isto achegando formación e axuda para afrontar os coidados da persoa maior dependente dunha forma equilibrada, intentando suavizar o impacto a nivel familiar e psicolóxico ao que con frecuencia se enfrontan as familias. Tamén se propician ferramentas para o desenvolvemento de condutas de autocoidado entre os coidadores, contribuíndo á conciliación da vida persoal, social e laboral. 

Daráselle prioridade á participación de persoas que realicen coidados considerados de longa duración (mínimo a partir de 1 ano, preferentemente máis de 2) ou con carga no coidado e que se realicen de forma continuada.


O dito programa está financiado polo IRPF e non ten custo para as familias participantes. O único gasto que deben asumir é o do desprazamento ata o balneario, que este ano será o de Laias en Ourense. Para garantir os coidados dos familiares durante as estadías no balneario, o programa asume o custo do recurso que as familias elixan durante a fin de semana, ben ingreso en residencia, ou ben SAF (12 horas en toda a fin de semana, repartidas como as familias prefiran) ou nun centro de día, nos casos nos que sexa posible.

As quendas que quedan dispoñibles son do 17 ao 20 de xullo, ou do 11 ao 14 e do 18 ao 21 de setembro. A estancia máxima no balneario é de tres noites, incluíndo o aloxamento (3 noites en habitación dobre), pensión completa e circuíto termal. A estancia require a participación no módulo de intervención e formación para o autocoidado, no que se impartirán desde metodoloxías de dinámica de grupo a técnicas de risoterapia.

Aquelas persoas que non dispoñan de recursos de apoio para o coidado do seu familiar en situación de dependencia poderán solicitar os servizos de residencia, centro de día ou SAD que elixan para poder acudir ás xornadas, tamén con cargo ao programa ‘Cuidarelax’.

Para solicitar a praza ou ben acadar máis información pódese chamar ao 982223379 ou ben facelo a través do correo electrónico cuidarelaxgalicia@gmail.com.

Brión - Festival de monicreques na Carballeira

Os monicreques regresan á Carballeira de Santa Minia da man do Festival Monecadas, cuxa segunda edición terá lugar os días 10, 11 e 12 de xullo. Un festival organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión, de asistencia totalmente libre e de balde e que traerá a Brión a prestixiosas compañías como Títeres Cachirulo, Títeres Alakrán e A Xanela do Maxín.

O festival comezará este venres 10 de xullo, ás 21:00 horas, coa obra “A guerra das Galicsias”, a cargo de Títeres Cachirulo. Trátase dunha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.

O sábado 11 de xullo, ás 20:00 horas, Títeres Alakrán presenta “Barrigaverde ataca de novo”, onde Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou José Silvent por todo o país e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.

O domingo 12 de xullo, ás 13:00 horas, A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas.

Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, están dirixidas a todos os públicos, especialmente os máis novos, e a entrada será libre e de balde.

Santiago Futsal - Jorge Basanta deixa o club

Jorge Basanta (Viveiro, 1988) pon punto e aparte á súa etapa como técnico das categorías base do Santiago Futsal e asina polo Poio Pescamar FS de Primeira División Feminina. O técnico viveirense, que este ano conquistou o Campionato Galego de Liga Nacional co equipo xuvenil, marcha do Santiago Futsal tras 8 anos de experiencia no club, tanto de xogador como posteriormente de técnico das categorías inferiores.

Basanta chegou ao Santiago Futsal procedente do Porto Celeiro Viveiro FS da man de Santi Valladares, co que coincidíu na Selección Galega. Despois de formar parte do equipo filial do Santiago Futsal durante 3 temporadas, Jorge cambiou a figura de xogador pola de adestrador e fíxose cargo de diferentes equipos da base do club. A temporada pasada formou parte do corpo técnico do primeiro equipo realizando os labores do scouting, así como tamén adestrou ao conxunto filial e ao equipo xuvenil de categoría nacional, co que asinou unha excelente temporda ao acadar o título do Campionato Galego de Liga Nacional.

O viveirense abandona deste xeito o Santiago Futsal e será adestrador do Poio Pescamar FS a próxima temporada, do que tamén realizará os labores de coordinación das categorías inferiores. Jorge declarou que "marcho moi agradecido ao club e ao corpo técnico, sobre todo a Santi e a Mon, polo trato recibido durante estes 8 anos e por axudarme na miña formación. Voume do Santiago Futsal para seguir crecendo a nivel deportivo e coa esperanza de volver a este club nun futuro. Santiago Futsal sempre será a miña casa e seguirei formando parte desta familia malia a distancia. "



David Rial, que actualmente exercía de delegado do equipo xuvenil de división de Honra e adestrador do cadete de división Autonómica, ocupará o cargo de adestrador do conxunto filial do Santiago Futsal.

Axenda e tempo do martes 7 de xullo - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Casa das Crechas - The Eskies

Santiago - Inauguración da exposición de Estalote

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Santiago - Sen acordo no pleno de organización

Non houbo acordo entre os catro grupos municipais no Pleno de organización para a asignación das dedicacións exclusivas, tal como xa anunciara esta mañá o alcalde compostelán, Martiño Noriega, á saída da xunta de voceiros previa a esta sesión plenaria.

O alcalde explicou no pleno que a proposta de Compostela Aberta situaba en nove as dedicacións para o Goberno municipal: o alcalde máis oito concelleiros. As catro dedicacións e media propostas para a oposición distribuíanse entre as dúas do PP, unha e media para o PSdeG-PSOE e unha para o BNG.

As dedicacións dos concelleiros correspondíanse salarialmente con grupos 1 e nivel 26. En canto á retribución do alcalde, o propio Noriega indicou que a proposta era de 36.000 euros netos (aproximadamente 51.000 euros brutos).

Esta proposta do grupo do Goberno sobre o réxime de indemnizacións e dedicacións exclusivas dos membros da Corporación recibiu o voto en contra dos tres grupos da oposición, polo que non saíu adiante. O mesmo aconteceu co punto tres da orde do día, relativo á fixación de número de representantes en Consorcio, Auditorio, Mancomunidade e consellos sectoriais de actuación municipal.

Plenos os primeiros luns de mes 
Na orde do día deste pleno extraordinario tamén figurou a fixación da periodicidade das sesións ordinarias, que quedou fixada para os primeiros luns de cada mes a partir das 17:00 horas. Este punto, ao igual que o relativo á creación e composición de comisións de carácter permanente e especial, foi aprobado por unanimidade.

Nesta sesión extraordinaria tamén se deu conta da constitución dos grupos municipais e das delegacións de competencias da Xunta de Goberno e das diferentes concellarías.

BNG Compostela - Sobre o pleno de organización

O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou no Pleno de Organización que “un goberno en minoría non só ten a obriga de dialogar, ten a obriga de consensuar e acordar para sacar adiante os asuntos importantes e non paralizar nin ralentizar o funcionamento da institución”, en referencia á falta de acordo de Compostela Aberta co resto dos grupos.

O Bloque Nacionalista Galego puxo “a máxima das vontades” para poder chegar a un acordo conxunto da corporación a respecto de como se debe de organizar o Concello nos vindeiros anos, explicou Rubén Cela, que acudiu ás reunións de negociación “sen liñas vermellas preestabelecidas nin esixencias irrenunciábeis para o grupo en aras de facilitar un posíbel acordo”.

Lembrou Rubén Cela que o BNG respectou “escrupulosamente a petición de manter o contido das reunións no ámbito destas até que rematase o proceso en aras de crear un clima de confianza mutuo que facilitase o achegamento de posicións” e que puxo enriba da mesa “propostas e suxestións que facilitarían chegar a un acordo asumíbel por todos os grupos e que fose bo para Santiago”.

Para Rubén Cela, o goberno debe ter “os recursos materiais e humanos suficientes para poder acometer as súas responsabilidades de goberno, ao tempo que a oposición debe contar con recursos materiais, humanos e acceso á información suficientes para levar a cabo o seu labor de fiscalización do goberno e tamén a función propositiva”.

O BNG cuestionou, ademais, que por primeira vez na historia deste Concello, CA pretenda aprobar en Xunta de Goberno, en vez de no Pleno, a fixación do número, retribucións e características do persoal eventual e o nomeamento de representantes en diferentes organismos. “Tomar esa decisión política é un tremendo erro, que non cometeu nin a maioría absoluta do Partido Popular”, engadiu Rubén Cela, máis tendo en conta que Compostela Aberta levaba no programa “recuperar a centralidade do Pleno como órgano de decisión”.

O grupo municipal do BNG requiriu no Pleno que o alcalde retirase da orde do día os puntos 3 e 4 e que convocase unha nova reunión da Xunta de Portavoces para proseguir coa negociación, posto que o prazo normativo para chegar a acordos aínda non concluíu.

Casa das Crechas - Hoxe concerto dos dublineses The Eskies

A Casa das Crechas acolle hoxe martes o concerto dos dublineses The Eskies, que están de xira por Galiza para presentar o seu primeiro disco, 'After The Sherry Went Round'. O martes 7 en Compostela, o mércores 8 na Pousada das Ánimas (Boiro) e o 9 no Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cabo da Cruz.

Despois de tocar ao longo en ancho de Irlanda, estes cinco músicos xuntan forzas e poñen dirección a Galiza, navegando un mar Atlántico compartido, irlandeses e galegos sempre entedemos o mar como fonte de comunicación e riqueza, nunca como obstáculo. 

Amantes da música popular irlandesa e influidos por músicas chegadas dos máis distantes portos, desde as marchas funerarias de New Orleans até a musica Klezmer, xúntanse para formar o que demos en chamar musica folk xitana empapada en auga do mar (Sea Soaked Gypsy Folk).

The Eskies garante baile e alegría, transportarannos a un porto irlandés e non nos deixaran marchar até rematar a ultima pinta de Guinness!

Santiago - Inauguración dunha exposición coa obra de Estalote

O Consorcio de Santiago inaugura hoxe martes unha exposición de imaxes do fotógrafo compostelán Ramón Sánchez Estalote, mostra que se repartirá entre a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) e o Museo do Pobo Galego.

Pola mañá, ás 11:00 horas, presentarase a mostra da Casa do Cabido aos medios de comunicación. Está prevista a asistencia da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; a comisaria da exposición, Mercedes Rozas; xunto con familiares do fotógrafo homenaxeado.

Pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a inauguración da mostra situada no Museo do Pobo Galego, cos mesmos asistentes que no acto da mañá, ademais do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, os membros da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego e o público interesado en coñecer a exposición.

Ambas mostras reúnen no seu conxunto un centenar de fotografías de Estalote, que ilustran a Compostela dos anos 50 do pasado século.

Psoe Teo - Preguntas parlamentarias sobre o incendio de Teo

O pasado luns 29 de xuño produciuse un incendio forestal no Concello de Teo, na parroquia de Calo, que puxo en risco varias vivendas e onde os veciños e veciñas unha vez máis tiveron que facer fronte por eles mesmos ás lapas en determinados momentos. 

O balance, segundo datos da propia Consellería, foron 55 hectáreas calcinadas, pero sobre todo a sensación de perigo tanto de bens materiais e vivendas que durante largas horas existiu. Cando menos o tempo de reacción dos servizos de extinción non foi todo o rápido que debería tendo en conta que de inmediato se declarou o nivel de alerta dada a proximidade das casas. 

Ante un incendio de situación 2, porque o lume podía afectar á poboación e a bens non forestais e requiría a adopción inmediata de medidas de protección e socorro, e ante as numerosas queixas da veciñanza da zona pola tardanza dos medios aéreos, a Xunta respondeu intentando “criminalizar” aos propios veciños e ao Concello, que foron os que nun primeiro momento responderon ao avance do lume, acusándoos dun suposto abandono do monte, pero sen dar resposta á tardanza na resposta da Xunta ante un incendio de tal calibre.

Para dar una resposta completa ante as queixas veciñais, os parlamentarios socialistas acaban de presentar no Parlamento de Galicia dúas preguntas, en Pleno e en Comisión, na que se solicita resposta a diversas cuestións, como a concreción de medios humanos e aéreos cos que se contaron, ou o tempo de resposta destes medios, obxecto principal das queixas dos veciños, e na que solicita así mesmo unha valoración da propia Xunta do dispositivo despregado.

Uxía Lemus, portavoz socialista no Concello de Teo, sinala que “Agardamos que a resposta no Parlamento de Galicia dos responsables da loita contra os incendios sexa o máis completa posible. É indignante que tras ver os propios veciños atacando as lapas pegadas as súas casas, desde Medio Rural “se defendan” atacando a estes mesmos veciños, cando desde o propio comité de empresa da Consellería alertouse que o servizo de extinción tan só contou, para o incendio de Teo e o de Boborás do mesmo día, co 35% dos efectivos.”

Festigal - campaña de inscrición de voluntariado

O Festigal 2015 inicia a campaña de inscrición de voluntariado que, nun compromiso decidido, pon parte do seu tempo da fin de semana ao servizo do que constitúe unha das maiores manifestacións culturais do noso país neste evento con máis de 100 actividades programadas que se celebra o 24 e 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.

"O Festigal é xa un evento de referencia na axenda do nacionalismo galego e de todas as persoas que aman a música e que teñen interese pola nosa cultura", explícase nunha carta enviada pola comisión organizadora a centos de mozos e mozas para animalos a participar, "porque o pobo participa así na creación da Galiza que quere, cun Festigal que promociona artistas que tocan en galego, con maxia, obradoiros infantís, deportes tradicionais, galería de ideas, presentacións de libros, artesanía, asociacións..."

A dinámica do voluntariado no Festigal "enriquece a convivencia e a participación grazas ao valor social e as sinerxías que se crean ao traballar en equipo de xeito solidario, con rebeldía e con alegría, coa satisfacción de axudar a construír unha Galiza con entidade de seu", expón a carta. Por iso poñen a disposición do voluntariado a zona de acampada, identificacións e outras facilidades que ofrecen cando se inscriben.

Deste xeito, a comisión organizadora convida a visitar a web festi.gal/voluntariado para ver as áreas de colaboración e as quendas do Festigal 2015, para que o voluntariado indique as súas preferencias e comece a compartir "esta edición que camiña co horizonte de abrir un novo tempo para Galiza".

Numax novidades na carteleira

Tres novos títulos renovan a carteleira do Cinema NUMAX


Esta semana renovamos completamente a nosa programación coa incorporación de dúas novas estreas e a restauración recente dun clásico da filmografía española. Así, a partir do mércores 8 de xullo poderedes ver Hermosa juventud, o filme co que Jaime Rosales participou no Festival de Cannes de 2014. No mesmo marco estreábase outro título que chega agora á nosas pantallas, e que teredes en NUMAX desde o venres 10 de xullo: O pequeno Quinquín, unha miniserie de Bruno Dumont editada agora en bloque para a súa proxección en cinemas*, e que foi sinalada por Cahiers du Cinéma Francia como o mellor filme do pasado ano. Pero aínda hai máis:ese mesmo venres comezamos coas proxeccións de El mundo sigue, unha das obras máis emblemáticas de Fernando Fernán Gómez, filmada en 1963, estreada dous anos despois por mor da censura e practicamente esquecida até a súa recente restauración.

Se vos quedou por ver algún dos filmes que estivemos a proxectar, recordade que tedes os últimos pases de Phoenix e Sils Maria este martes 9 de xullo, e até o xoves 11 no caso de Stromboli. Pola súa banda A profesora de párvulos continúa unha semana máis en cartel.

(*) Debido á longa duración (200 minutos) de O pequeno Quinquín, e dado que o filme está dividido en catro capítulos, faremos unha breve pausa de 10 minutos de descanso entre o segundo e o terceiro.

Hermosa Juventud
(Jaime Rosales, 2014)

Natalia e Carlos son dous mozos namorados de 20 anos que pelexan por sobrevivir na España actual. Os seus recursos limitados non lles deixan avanzar como quererían. Non teñen ambicións grandes porque tampouco teñen grandes esperanzas. Deciden facer un filme porno amateur para sacar algo de diñeiro. O nacemento da súa filla Julia impulsaráos.

O pequeno Quinquín
(Bruno Dumont, 2014)

A historia dunha improbábel e excéntrica investigación policial ao redor dos estraños crimes nunha pequena vila da costa. A rexión de Boulounnais cae nas gadoupas do mal e dunha banda de pequenos bandidos liderada por Quinquiño e a súa amada Eva.

El mundo sigue
(Fernando Fernán Gómez, 1965)

Anos sesenta, barrio madrileño de Maravillas. Eloísa é esposa cumpridora e nai eficiente que vive co seu home, un garda municipal máis autoritario na casa que na rúa ao que adoito se lle vai a man. O seu fillo é un beato que abandonou o seminario pouco antes de se ordear e que pasa a vida no estudo e no rezo para expiar os pecados familiares. As fillas, dúas irmás que soñan coa riqueza, ódianse entre elas.

Programación

Martes 7 de xullo

12:00 A profesora de párvulos
16:00 Stromboli
18:15 A profesora de párvulos
20:30 Phoenix [Último pase]
22:15 Sils Maria [Último pase]
 

Mércores 8 de xullo

12:00 A profesora de párvulos
16:00 A profesora de párvulos
18:15 Stromboli
20:15 Hermosa juventud [Estrea]
22:00 Hermosa juventud
 

Xoves 9 de xullo

12:00 Hermosa juventud
16:00 A profesora de párvulos
18:15 A profesora de párvulos
20:30 Hermosa juventud
22:15 Stromboli [Último pase]

Ames - Xuntanzas cos directores dos centros educativos

O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Educación, Luísa Feijóo, mantiveron varias xuntanzas con algúns dos directores/as dos centros de ensino amesás. As autoridades municipais estiveron co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, no CEIP de Barouta, co obxectivo de ver as necesidades que presenta este centro de ensino. Nesta visita tamén estivo o director do centro de ensino e representante da ANPA. Ademais, o alcalde e a concelleira acudiron ata o CEIP de Ventín e á escola unitaria de Covas, para comprobar as necesidades que presentan estes colexios. 

O goberno municipal tivo esta mañá unha primeira toma de contacto con algúns dos directores/as dos centros e escolas de Ames. Tanto o rexedor municipal como a edila de Educación estiveron nas instalacións do CEIP de Barouta, onde se reunión co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, co director do centro, Jesús Seage, e con representantes da ANPA deste colexio. O obxectivo desta visita era determinar as obras que son necesarias realizar neste centro de cara ao vindeiro curso escolar.

Segundo se desprende desta xuntanza será necesario executar obras na cuberta do pavillón para impermeabilizalo mellorando o illamento térmico e poñendo solución ao problema das filtracións de auga por condensación. Para iso haberá que meter unha capa de illamento encima da actual cuberta, e posteriormente, cubrila con outra nova cuberta. Ademais, estanse buscando novos espazos dentro do colexio, para habilitar unha aula de usos múltiples, e deste xeito, deixar o espazo que está actualmente dedicado a comedor para impartir clase. 

Por outra banda, o alcalde e a concelleira de Educación estiveron nas instalación do CEP de Ventín, co director do centro, Alfredo Rodríguez, para ver de primeira man as necesidades deste centro educativo. Despois da visita a este colexio decidiuse elaborar un plan de actuación, para que a brigada municipal realice traballos de acondicionamento de cara ao inicio do próximo curso en setembro. Por último, as autoridades municipais visitaron a escola unitaria de Covas e reuníronse coa mestra que imparte clase neste centro. Neste caso, foi a propia mestra da escola a que lle explicou aos membros do goberno as necesidades que presenta esta instalación.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “as xuntanzas mantidas esta mañá con algúns dos directores dos centros de ensino amesás serviron para que dende o goberno municipal coñezamos de primeira man a situación destes colexios e escolas unitarias de cara o comezo do curso escolar 2015-2016”. Miñones tamén apuntou que “apostamos pola educación pública e en consecuencia intentaremos dar resposta ás necesidades existentes e ás que poidan xurdir no futuro no eido educativo amesá”.

Santiago - Obras en San Paio de Sabugueira

No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de San Paio de Sabugueira, situada na Lavacolla. Os traballos, cuxo orzamento global ascende aos 18.554,44 euros, centraranse en particular na cuberta do templo e está previsto que rematen no prazo de dous meses. 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que “a finalidade desta intervención é reparar a cubrición do templo, eliminando, así mesmo, as plantas superiores dos encontros entre o tellado e a torre-campanario”.

A arquitecta sinala que a torre-campanario e os remates superiores da fachada amosan algunha invasión de plantas que enraizan nas xuntas e tamén nos encontros entre elementos construtivos. Ademais, a cuberta atópase en mal estado, xa que ten moitas tellas desprendidas, co risco que supón para o normal uso do adro e do cemiterio. A pesar disto, non hai filtracións de auga no interior do edificio pola existencia de placas de fibrocemento debaixo das tellas.

Substituirase a tella
Na cuberta do templo substituirase a tella. “Prevese a colocación dunha peza especial de cinc-chumbo de remate no cumio do tellado, baixo a tella, para asegurar a ventilación da cámara baixo o fibrocemento” -indica Camiruaga-. Por outro lado, efectuarase unha revisión dos encontros entre o tellado e o remate da fachada principal, coa colocación de babeiros de chumbo ou de cinc-chumbo, na medida en que sexan necesarios.

Ordes - As actividades de conciliación permitirán aos nenos facer un paseo pola Historia

Preto de medio cento de nenos e nenas da vila de Ordes así como doutras parroquias do municipio participan xa nas actividades de conciliación. 

Unha medida coa que o Concello de Ordes pretende contribuír coas familias da zona para poder conciliar a vida laboral e familiar durante os meses de xullo e agosto. Ademais tamén supón unha boa maneira para que os máis pequenos e pequenas aumenten o seu círculo de amizades, á par que adquiren novos coñecementos e viven novas experiencias dun xeito moi divertido. 

Para tales fins nesta ocasión a liña argumental e temática elixida será a Historia, facendo un percorrido por diversos momentos destacados dos períodos da Prehistoria, Idade Antiga e Idade Media.

Axenda e tempo do luns 6 de xullo - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ordes - O club de patinaxe Galia rematou a tempada

O Club de Patinaxe Galia rematou a súa tempada de competicións dentro da categoría Grupos Show. 
A despedida non puido ser mellor xa que quedaron como primeiros clasificados no trofeo Concello de Arteixo, celebrado onte. 

Agora toca desfrutar do verán e esperar a volta aos adestramentos xa de cara a setembro. Será entón cando empezen a traballar arreo e a organizar o novo grupo benxamin e o cuarteto, pasando así de dous a catro grupos show.

Axenda e tempo do domingo 5 de xullo - música, festas, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Casa das Crechas - Festa Grega

Santiago - Festas en Angrois

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ames - Clausurado o IV Campus de fútbol 8 organizado polo Bertamiráns

O campo municipal de Bertamiráns acolleu desde o 22 de xuño ata o 3 de xullo o IV campus de fútbol 8 Bertamiráns FC. Este evento estivo dirixido aos nenos e nenas de 6 a 14 anos, correspondentes ás categorías de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Os rapaces e rapazas participaron en diversas accións formativas e de lecer durante estas dúas semanas. No acto de clausura deste campus estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. 

Na última xornada do campus os rapaces e rapazas levaron a cabo distintas competicións sobre todos os principios técnicos que desenvolveron os días previos: condución, control,

pase e caneos. A media mañá tocou gozar da piscina, para combater as altas temperaturas, e tras repor forzas co pícnic das 12:30, continuouse avanzando neste IV campus, dando paso ao aspecto táctico, onde as competicións foron sobre desmarques, entradas e marcaxes .

Tras os ensinos técnicos tocou poñer en práctica o aprendido durante a mañá mediante distintas competicións referenciadas nos principios técnicos anteriormente desenvolvidos: os caneos e as conducións. Deste xeito, púxose o colofón a esta quinta e última xornada da segunda semana do IV campus de fútbol 8, que organiza o Bertamiráns FC.

Cómpre salientar que durante estas dúas semanas pasaron por este campus xogadores profesionais como Fernando Seoane (CD Lugo), Pedro Mosquera (Elxe CF) e Pablo Insua (RC Deportivo), que lle ensinaron aos rapaces e rapazas diversos aspectos técnicos e tácticos do xogo. Ademais, responderon ás preguntas e curiosidades dos nenos e nenas.

Casa das Crechas - Hoxe dominfo Festa Grega

A Casa das Crechas acolle mañá unha festa para apoiar a democracia e a dignidade grega na que convida a todas e a todos os composteláns a participar nela. Haberá souvlaki (plato típico grego de carne), ouzo (o licor máis popular), música helénica e tamén seguiremos os resultados do referendo. 

Ademais, contaremos coa presenza de Xavier Belho, membro do equipo de Casa das Crechas e promotor do proxecto Crisis What Crisis, unha viaxe polos PIGS en moto desde Galiza ata o Pireo (Atenas) que está a plasmar nun documental. Xavier contaranos a súa experiencia no país heleno e proxectará imaxes do que alí gravou.

Frades - 50 veciños no primeiro "xoves de praia"

O Concello de Frades vén de iniciar o seu programa “Xoves de Praia”, que inclúe un total de 9 excursións á praia de Boiro. Unha iniciativa que este xoves reuniu aos primeiros cincuenta veciños e veciñas, que gozaron dunha xornada de lecer no areal barbantino.

As viaxes terán lugar todos os xoves de xullo (9, 16, 23 e 30) e agosto (6, 13, 20 e 27). Os prezos non varían con respecto a anos anteriores, de xeito que os veciños empadroados poden optar por un prezo de 7 euros por día ou 25 euros polo mes completo. Os menores de 12 anos terán un prezo especial de 5 euros por día. No caso dos veciños non empadroados, a cota increméntase ata os 10 euros/día e os 40 euros/mes. 

Os veciños e veciñas interesados en participar poden optar por reservar por días ou por meses, sempre que o fagan cunha anterioridade mínima de dous días antes da data da excursión. Para anotarse hai que dirixirse ao Concello de Frades ou ao teléfono 981 69 55 67. O abono deberá facerse antes da viaxe xa que, para evitar esperas innecesarias, non se cobrará no autobús

Itinerario
Os autobuses recolleran a quen reservara praza nun percorrido polas diferentes parroquias. Están establecidas paradas, a partir das dez da mañá, na Garabanxa, Vista Alegre (Galegos), Cardama (Moar), estrada de Aiazo, A Coviña (Pontecarreira), Campoduro (Céltigos), Campo (Vitre) e nas igrexas de Papucín e Abellá.

Como nos últimos anos, o lugar escollido para estas saídas á praia é Boiro, pois ademais de praia dispón dun amplo espazo onde os veciños poden xantar á sombra e a proximidade da vila permite tamén que, quen o desexen, poidan xantar nalgún establecemento hostaleiro do lugar ou dar unha volta pola vila no caso de que a meteoroloxía non invite ao baño.

Ordes - O 6ºC do Castelao recolle o seu premio accésit Cooperativismo no ensino

Os alumnos e alumnas de 6ºC do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Ordes recolleron esta mañá na Cidade da Cultura o premio accésit Cooperativismo no ensino. O acto formaba parte das celebracións organizadas co gallo do Día do Cooperativismo, organizado pola Xunta de Galicia. Nunha gala conducida por David Amor e coa presenza da conselleira Beatriz Mato e da directora de xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso os de Ordes recolleron o seu premio concedido polo traballo ‘A nosa música ilusiona’. Este baseouse nos instrumentos musicais tradicionais galegos e incluíu tamén un cantar de cego sobre a actividade cotiá na tradición cooperativista labrega de Galicia. A composición quedou plasmada nun vídeo no que participaron todos os alumnos e alumnas, interpretando e cantando cada unha das estrofas que compoñen o dito cantar.

Encabezados pola súa titura, María Noya, tanto o alumnado como os pais, nais e familiares que os acompañaron desfrutaron dunha xornada con degustacións gastronómicas, xogos, visitas guiadas á cidade da Cultura e moito máis. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, a través da realización de actividades variadas. Nesta ocasión os de Ordes ven traducido o seu esforzo nun cheque de mil euros, cantidade que se investirá en material de debuxo, pintura, audiovisual e informático. 

Dentro da categoría D, apartado no que participaron os estudantes de 6ºC do CEIP ordense, resultou gañador o colexio lucense San Miguel de Reinante Barreiros, grazas ao seu traballo ‘Cooperativa, unha carreira de obstáculos’.