Psoe Trazo - Despilfarro e abuso no pleno de organización

O Partido Socialista de Trazo cualifica de despilfarro e abuso o réxime de dedicacións exclusivas e parciais fixado unilateralmente polo alcalde Xosé Dafonte e o seu grupo para os próximos catro anos, que supoñen incrementar o gasto nun 10,49% con respecto á lexislatura anterior, cando xa se subiran os soldos outro 14%. “É unha vergoña que a primeira medida do señor Dafonte sexa incrementarlle o soldo aos seus nun 10,4% cando o PP leva catro anos de recortes baixo a bandeira do aforro e da contención do gasto nos municipios”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.

Os concelleiros socialistas votaron en contra da proposta do Partido Popular ao considerar que “é unha esaxeración, un malgasto e un abuso que nun concello de apenas 3.500 habitantes e na actual situación de crise económica os concelleiros do PP vaian cobrar por unha hora de traballo máis do dobre do que cobra un traballador co salario mínimo interprofesional por todo un día de traballo”, critica Domínguez Siaba. 

Así mesmo, consideran que os 40.000 euros brutos que cobrará Xosé Dafonte “non é aceptable, por moito que recoñecemos que é legal”. Os socialistas de Trazo preguntáronlle ao alcalde se era certo o que se incluía na documentación do pleno, que indicaba que o Concello de Trazo asumiría “o gasto polos conceptos sociais que correspondan á Corporación en tal réxime, continuando de alta no réxime xeral da Seguridade Social”. “Supoño que causaría baixa e agora cause alta”, preguntou a voceira municipal socialista quen, ante a ausencia de resposta anunciou que solicitará un informa expreso da legalidade desta medida.

Moitos cartos por pouco traballo
Os socialistas consideran desproporcionadas as dedicacións parciais de 350 euros mensuais, en 14 pagas, fixadas para os concelleiros do Partido Popular por traballar tan só 8 horas ao mes. É dicir, que os concelleiros do PP de Trazo cobrarán 43,3 euros por cada hora de traballo, xa que Dafonte decidiu subirlles a cada un 50 euros ao mes fronte á lexislatura anterior. Así mesmo, o alcalde fixou unha dedicación parcial de 650 euros para a concelleira de Servizos Sociais por unha dedicación de tan só 15 horas mensuais. 

“Esta concelleira cobrará por 15 horas de traballo máis que os dous grupos da oposición en todo un ano. É un agravio comparativo”, denuncia Beatriz Domínguez, quen critica “a falta de talante democrático dun alcalde que elimina sesións plenarias agochándose na escusa do aforro económico pero despois lles sube un 10% o soldo aos seus compañeiros de partido”. De feito, o custe do Goberno de Dafonte para esta lexislatura será o máis elevado da historia do Concello de Trazo: 298.400 euros 

Medidas antitransparencia
A voceira municipal socialista reiterou as súas críticas á decisión unilateral do PP de eliminar dúas sesións plenarias do ano. “O pleno é o órgano no que están representados todos os veciños, tanto os que votaron ao PP como os que optaron por outras opcións políticas. Cando Dafonte elimina dúas sesións plenarias ao ano está buscando dificultar aínda máis o noso labor como oposición, Gobernar por decreto e evitar dar conta da súa nefasta xestión”, sinala Beatriz Domínguez.

Os socialistas consideran unha hipocresía absoluta que Dafonte se escude na crise económica para eliminar estas sesións plenarias, nas que o pago por asistencia é de 50 euros por concelleiro. Unha medida legal pero que só suporá un aforro de 300 euros anuais cando a lei tamén permite a non constitución da Xunta de Goberno Local, como piden os socialistas. “Iso si suporía un verdadeiro aforro, pois nela os concelleiros do PP van cobrar 150 euros por cada sesión. Dúas, inicialmente, pero que moitas veces chegan a ser tres ou catro”, denuncia a voceira municipal socialista. Non constituir a Xunta de Goberno Local nas condicións nas que fixa Dafonte suporía un aforro mínimo de 43.200 euros esta lexislatura, fronte aos 1.200 euros de aforro que supón a eliminación das sesións plenarias.

Por último, os socialistas votaron en contra do nomeamento de José Liste Calviño como representante do Concello de Trazo no colexio de Viaño. “Pensamos que hai xente moito máis cualificada dentro do propio PP para desempeñar esa función, sobre todo cando se designa a unha persoa que apenas está polo municipio para ser quen leve algo tan importante como a educación dos nosos nenos e nenas”, advirte a concelleira socialista.

Ningún comentario: