Amosando publicacións coa etiqueta PARLAMENTO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PARLAMENTO. Amosar todas as publicacións

O Psoe esixe no Parlamento coñecer o proxecto da EDAR de o souto

O responsable da Área do Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, esixiulle á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que faga público o proxecto final da Edar de O Souto. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno de hoxe na que desafiou á conselleira a “fixar data e hora” para unha visita dos deputados socialistas ao seu Departamento.

Sánchez Bugallo acusou á conselleira de agochar un proxecto que debera ser público polos cambios que sufriu dende a súa exposición ao público e que suporía de facto aumentar o seu custe nun 50 por cento e “destrozar completamente unha zona virxe de arbolado”.

A construción da EDAR tería un custe de 89,84 millóns de euros (IVE incluído) en lugar dos 59 anunciados orixinalmente, cargando a diferenza ao Concello de Santiago, xa que en virtude do convenio orixinal de 2013 o goberno central asumiría un máximo de 41,8 millóns, a Xunta ata 8,99 millóns e o Concello o resto.

Ademais, suporá construír unha estrada asfaltada de un quilómetro, un colector de mais de un quilómetro de longo e 1,8 metros de diámetro, levantar unha liña de media tensión e construír nesta zona unha explanada de 110.000 metros cadrados, o equivalente a quince campos de fútbol regulamentarios.

Sánchez Bugallo sinalou que o emprazamento final afastaríase de Silvouta pero achegaríase aos núcleos de Quintáns de Villestro, Costolla e Quintilláns, situándose a 17 metros do Concello de Ames, que a día de hoxe descoñece o proxecto. 

Contos chinos

O responsable socialista esixiulle á conselleira que “non participe da tarefa de engano e ocultación” do proxecto e emprazouna a “poñer día e hora” porque, rematou, “o resto son contos chinos”. 

Lembrou así que os socialistas galegos reclamaron formalmente por tres veces, dende o pasado mes de novembro, coñecer o proxecto da EDAR, sen que a Consellería teña respondido, nin permitido o acceso aos deputados “nin sequera ten feito unha chamada de teléfono”.

Sánchez Bugallo alertou contra unha “grave falla de respecto” cara aos deputados e deputadas do Parlamento que solicitaron unha información “que debera ser pública” xa que “non se trata dun documento reservado”, co que a Xunta incumpre a Lei de Transparencia e Bo Goberno e mesmo ignora ao conxunto da cidadanía que permanece igual de desinformada.

Psoe Parlamento - Iniciativa para reclamar solución as eivas dos centros educativos de Ordes

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, levou á Comisión de Educación celebrada onte unha iniciativa parlamentaria a petición das diferentes ANPAS de Ordes en relación a diversas eivas dos centros educativos desa localidade coruñesa. Criticou que a “a falla de recursos humanos e materiais” destes centros ordenses pode poñer en perigo o acceso a uns servizos públicos de calidade.

O deputado socialista reclamoulle en concreto ao goberno galego a separación dos alumnos de quinto e sexto de Primaria do CEIP “Mesón do Vento”, hoxe agrupados nun só curso “xusto nun momento en que o alumnado de sexto ten que afrontar unha reválida na parte final do curso”.

Tamén reclamou Vicente Docasar frear o recorte de profesorado sufrido no IES “Maruxa Mallo” nos últimos anos, adaptar a súa plantilla ás necesidades reais dos tempos de hoxe e mellorar a ventilación e confortabilidade dunhas aulas francamente moi masificadas, unha demanda que a comunidade educativa deste instituto ordense leva moito tempo pedindo.

Docasar sinalou que estas propostas “non son grandes investimentos, senón pequenas necesidades que poden e deben ser atendidas”, e lembrou que as demandas da comunidade educativa foron recollidas nun acordo unánime do Pleno do Concello a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo municipal socialista.

Explicou que a situación destes centros é unha proba máis precisamente das consecuencias da “grande chapuza” provocada por un goberno empeñado en impoñer de forma acelerada a Lomce.

Criticou ademais a xestión “caótica e precipitada na elaboración das programacións didácticas” e da política de libros de texto, e por seguir adiante cunhas “políticas austericidas” que poñen en risco a equidade do propio sistema educativo, a salvo tan só polo empeño persoal dos profesionais do ensino.

Psoe Teo - Preguntas parlamentarias sobre o incendio de Teo

O pasado luns 29 de xuño produciuse un incendio forestal no Concello de Teo, na parroquia de Calo, que puxo en risco varias vivendas e onde os veciños e veciñas unha vez máis tiveron que facer fronte por eles mesmos ás lapas en determinados momentos. 

O balance, segundo datos da propia Consellería, foron 55 hectáreas calcinadas, pero sobre todo a sensación de perigo tanto de bens materiais e vivendas que durante largas horas existiu. Cando menos o tempo de reacción dos servizos de extinción non foi todo o rápido que debería tendo en conta que de inmediato se declarou o nivel de alerta dada a proximidade das casas. 

Ante un incendio de situación 2, porque o lume podía afectar á poboación e a bens non forestais e requiría a adopción inmediata de medidas de protección e socorro, e ante as numerosas queixas da veciñanza da zona pola tardanza dos medios aéreos, a Xunta respondeu intentando “criminalizar” aos propios veciños e ao Concello, que foron os que nun primeiro momento responderon ao avance do lume, acusándoos dun suposto abandono do monte, pero sen dar resposta á tardanza na resposta da Xunta ante un incendio de tal calibre.

Para dar una resposta completa ante as queixas veciñais, os parlamentarios socialistas acaban de presentar no Parlamento de Galicia dúas preguntas, en Pleno e en Comisión, na que se solicita resposta a diversas cuestións, como a concreción de medios humanos e aéreos cos que se contaron, ou o tempo de resposta destes medios, obxecto principal das queixas dos veciños, e na que solicita así mesmo unha valoración da propia Xunta do dispositivo despregado.

Uxía Lemus, portavoz socialista no Concello de Teo, sinala que “Agardamos que a resposta no Parlamento de Galicia dos responsables da loita contra os incendios sexa o máis completa posible. É indignante que tras ver os propios veciños atacando as lapas pegadas as súas casas, desde Medio Rural “se defendan” atacando a estes mesmos veciños, cando desde o propio comité de empresa da Consellería alertouse que o servizo de extinción tan só contou, para o incendio de Teo e o de Boborás do mesmo día, co 35% dos efectivos.”

BNG Rois, As demandas dos país do CPI lévanse o Parlamento

Durante a noite de onte a deputada do BNG, Ana Pontón, e o portavoz municipal do BNG no concello de Rois, Xan Cabo, mantiveron un encontro coas nais e pais do CPI de Dices (Rois). Esta ANPA leva anos reclamando un horario que respecte a normativa, é dicir que sexa legal, e que favoreza unha aprendizaxe axeitada así como a conciliación da vida persoal e laboral.

Para a deputada do BNG a reclamación desta ANPA é “totalmente xusta” e pensa que o “irracional é a cerrazón da Consellaría de Educación”. Para Pontón “ a actitude da Xunta é irrespectuosa e non se entende a falta de diálogo e vontade de solucionar este asunto”. A nacionalista destacou “que o dereito a unha educación de calidade debe estar por riba dos problemas das empresas de transporte” e “que este caso supón unha discriminación para os nenos e nenas que viven no rural, algo absolutamente intolerábel”

A deputada do BNG rexistrou no día de hoxe diversas iniciativas que reclaman unha solución a este problema. Para Pontón non é de recibo que “se priorice o beneficio das empresas do transporte fronte a dereito a educación”. A negativa da Xunta de Galiza a atender esta petición da ANPA residenciase nos problemas que xera na organización do transporte. Mais unha vez, afirman no BNG, “compróbase como os intereses particulares das empresas teñen máis peso que uns horarios racionais, que fomenten a aprendizaxe e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.” 

Desde o Grupo Parlamentar do BNG apoian esta demanda e a necesidade de avanzar cara horarios que realmente prioricen os intereses da comunidade educativa fronte ás empresas do sector do transporte. 

Nese sentido trasladarase unha pregunta ao Conselleiro de educación e unha proposición non de lei na que se solicita á Xunta de Galiza que “presente unha modificación do horario do CPI de Dices (Rois), contando coa participación e opinión de nais e pais, co obxectivo de garantir que se cumpra a normativa vixente que regula os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias e que se favoreza a conciliación da vida laboral e familiar.”

BNG Negreira - O BNG leva os roubos o parlamento

O voceiro do BNG, Antonio Ponte, leva ao Parlamento de Galiza o caso da vaga de roubos en Negreira, para exixir directamente ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, solucións inmediatas ante a alarma da poboación ao producirse seis roubos en só dúas semanas.

Antonio Ponte presenta a solicitude mediante o grupo parlamentar do BNG, para atopar solucións ante a incapacidade do Goberno de Negreira, “que se limita a culpar aos propios ladróns por non actuar dentro do horario de traballo da Policía Local.”

Ponte lembra que “os diferentes gobernos de Pp e Psoe, adicáronse a malgastar os cartos en festas electoralistas, mentres recurtaron orzamento dos servizos públicos, e agora quen as paga son os comerciantes e veciños de Negreira.” 

Ademáis, afirma Ponte, que “o colmo da incompetencia do Goberno de Negreira é que sexan diversas asociacións locais recollendo firmas, os propios afectados e o BNG (sen representación municipal), os que estean a buscar solucións, mentres os do Pp siguen en precampaña electoral con Blanco Pazos promentendo churrascadas.”

Psoe Ames - Iniciativa parlamentaria sobre o viaducto de Cobas

O PSdeG ven de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que sexa debatida en Comisión sobre as inundacións que se producen na estrada de Bertamiráns a Covas.

Esta é unha reclamación que levan tempo realizando os veciños e veciñas da parroquia de Covas, na que se queixan de que desde a construción da autovía Santiago-Brión se veñen producindo anegamentos na estrada de comunicación da localidade con Bertamiráns. Os socialistas de Ames, pola súa banda, e facéndose eco destas proptestas xa teñen realizado varias preguntas no pleno da Corporación, ademais de presentar xa unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para este ano na que pedían 500.000 euros para o arranxo destas deficiencias na canalización.

Visita co parlamentario autonómico Xosé Sánchez Bugallo
O pasado sábado o portavoz e candidato á alcaldía de Ames, José Miñones, e o concelleiro Blas García acudiron ao viaducto de Covas acompañados do parlamentario autonómico Xosé Sánchez Bugallo e de varios membros da asociación de veciños para comprobar “in situ” as deficiencias existentes, concluíndo que o problema son os desniveis existentes e a deficiente canalización.

Tal e como afirman os socialistas na Proposición non de Lei presentada “os desniveis e a amplitude de espazos existentes a cantidade de augas pluviais recollidas en tempos de choiva é moi importante, especialmente no lateral esquerdo en dirección a Brión. Durante a construción da autovía conectáronse as augas recollidas a un pequeno regato dunhas dimensións aproximadas de metro e medio na embocadura  e un metro de profundidade.

Os problemas xorden a consecuencia de que este regato cruza a estrada Bertamiráns-Cobas a través dun tubo instalado pola empresa concesionaria dunhas dimensións aproximadas de 30/40 cm de diámetro. Polo tanto, suficiente cando non chove pero que cando o fai con intensidade e sobre todo durante varios días consecutivos a auga reborda por riba da  estrada facendo moi perigosa a circulación  e incluso contándoa, obrigando aos veciños destas parroquias a dar unha volta de varios quilómetros para ir á capital municipal onde están radicados colexios, institutos, centros de saúde, postos de traballo, etc.”

A proposición que se levará ao Parlamento de Galicia e que elaborou o parlamentario Xosé Sánchez Bugallo solicita que sexa o Goberno galego o que lle requira á entidade concesionaria da autovía Santiago-Brión  que proceda a subsanar con carácter urxente estas deficiencias.

Pola súa banda e dado, ademais, que a estrada afectada é municipal os socialistas amesáns presentarán tamén un escrito no concello reiterando os problemas que sofre esta vía de comunicación e as dificultades que lle ocasiona aos veciños e veciños de Covas, e solicitará que desde o Goberno municipal se inste á Xunta de Galicia para que se arranxen estas deficiencias.

Esquerda Unida santiago - Demanda no parlamento de información sobre os investimentos en Santiago Norte

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa Iniciativa Urbana. 

Atendendo precisamente a unha demanda de membros da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando especialmente o seu estado de execución, o seu mantemento e o custo real dos investimentos.

Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados, contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria do Proxecto, ou non se construíu o Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir. 

Por estas cuestións esiximos desde EU Compostela, uníndonos ás demandas veciñais, sabermos de forma clara onde foi o diñeiro público comprometido nas obras do Proxecto “Santiago Norte” destinadas a resolver as “carencias e baixa calidade da urbanización” dos barrios da Almáciga e Basquiños. 

Dentro das preocupacións de EU Compostela está tamén a defensa e preservación do noso patrimonio histórico e cultural. Un aspecto que o propio Proxecto “Santiago Norte” considera un eixo prioritario de acción. Pois ben, as obras realizadas na contorna da capela da Pastoriza, no barrio de Basquiños, demostran que dito eixo foi desatendido. De aí que AGE reclame unha resposta oral á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a destrución da vella escalinata de acceso á capela da Patoriza asi como sobre a vulneración do equilibrio arquitectónico e patrimonial das obras que se realizan na contorna coa fachada neoclásica.

Psoe Teo - O PP rexeita a iniciativa de transporte escolar para a urbanización Campos de Mirabel

O martes día 9 o deputado socialista Vicente Docasardefendeu na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia a necesidade dunha solución urxente as demandas da comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria A Igrexa, de Calo, relativas á creación dunha nova parada ou creación dunha nova ruta do servizo de transporte escolar para dar servizo á veciñanza da urbanización Campos de Mirabel.

O responsable socialista levou á Comisión de Educación esta demanda de nais e pais destes escolares, apoiada de forma decidida pola ANPA deste centro, e que foi trasladada polo PSOE de Teo ao grupo parlamentario socialista. 

Docasar sinalou que actualmente dita urbanización conta cun total de 67 nenos e nenas en idade escolar, entre 0 e 12 anos, abocados a un desprazamento ata a súa escola a través dunha estrada sen beirarrúas e un centro educativo que non está habilitado para acoller a un número elevado de vehículos privados nos horarios de entrada e saída.

Instou ao goberno galego a “gobernar escoitando con atención o que nos están a dicir os cidadáns e cidadás”, “antes de que teñamos que lamentar algún accidente precisamente pola perigosidade do traxecto entre a urbanización e o colexio”, veciños que presentan unha proposta “razoada e razoable”,ata o punto de que unha iniciativa neste sentido presentada polos Socialistas de Teo foi aprobada hai uns días por unanimidade no pleno do Concello, incluíndo aos representantes do PP.

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación e Cultura, JesúsOitavén, recoñeceu que a reivindicación era razoable, e o seu carácter reiterado desde o ano 2010, pero rexeitouna apoiándose tanto na normativa que marca a distancia de 2 km para a creación dunha nova ruta como no “elevado coste” do reforzamento da liña xa existente. Ante a argumentación da perigosidade do traxecto a pé, Oitavén responsabilizou á administración municipal da falta de beirarrúas.

Ante a negativa da Consellería, Uxía Lemus, concelleira do PSdeG-PSOE de Teo, sinalou que “seguiremos buscando solucións a este problema.A total unanimidade na Corporación neste tema, incluídos os votos dos concelleiros populares, debe servir como medida de presión ante unha Consellería xordaás demandas veciñais teenses.

A Consellería amosa unha total desconexión coa realidade deste veciñanza, xa que incluso Oitavén, na súa intervención no Parlamento de Galicia, comparou este problema, cun traxecto de gran perigosidade incluso recoñecido pola Policía Local, e o existente entre a Praza de Galicia e o colexio Pío XII, en Santiago de Compostela.

Desde o PSOE de Teo recomendamos ao señor Oitavén que veña ata Teo e que chame a un dos concelleiros do PP no noso concello, para que de primeira man lle amose o traxecto diario a pé dos escolares desde a Urbanización Campos de Mirabel ata o CEIP da Igrexa, e así poda coñecer as diferencias entre unha zona urbana e unha estrada sen beirarrúas nin pasos de peóns ”.

Psoe Parlamento - A Xunta renuncia a poñer dous coidadores no Qiroga Palacios

Xosé Sánchez Bugallo acusa ao conselleiro de Educación de “agocharse detrás de catálogos e regulamentos para non resolver o problema”

O deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo criticou hoxe a renuncia expresa do conselleiro de Educación a repoñer un dos dous coidadores para os catro rapaces con necesidades especiais do CEIP Quiroga Palacios, de Santiago de Compostela. 

Sánchez Bugallo presentou unha pregunta ao conselleiro no Pleno do Parlamento diante da situación destes rapaces, en cursos e aulas diferentes que fai “imposible” a súa atención por un só coidador. Sinalou que ata principios de outubro o centro contaba con dous coidadores para atender a estes nenos e nenas, dous deles co maior grao de discapacidade recoñecida, unha xordo – cega e outro deles con problemas de mobilidade. 

A situación, dixo, resulta “grave” pola repercusión que ten na vida dos nenos e nenas, que viron cómo estiveron unha semana sen coidador ata que foi comunicada a baixa do único co que contan, tendo que ser atendidos polo labor e o esforzo do resto dos profesionais “que non o teñen previsto nin encomendado entre as súas funcións”.

O deputado socialista sinalou que “o certo é que non vai resolver un problema” logo de acusar ao conselleiro de “agocharse detrás de catálogos e regulamentos” e de que este declinara a proposta de reunirse cos pais e nais presentes no Pleno para “coñecer a natureza do problema”. 

Censurou que o conselleiro respondera cun suposto aumento dun docente na plantilla do centro para un aumento de 42 alumnos dende o curso pasado ao actual. Explicou que a ratio de alumnos “empeorou” malia a nova contratación, xa que pasaron de ter 27 docentes para 372 alumnos a ter 28 para 413 alumnos, é dicir, pasaron de 13,7 a 14,75 alumnos por cada profesor.

Psoe - Preguntas parlamentarias sobre a supresión de coidadores no Quiroga Palacios

Os socialistas levan ao parlamento a supresión de un dos dous coidadores para rapaces con necesidades especiais do ceip Quiroga Palacios de Santiago de Compostela

Carmen Gallego explica que un só coidador ten que atender a catro nenos en nenas con discapacidade motriz e sensorial en distintas aulas

Considera o caso como a “evidencia dunha forma inhumana de facer política que deixa abandonadas ás familias e ás persoas que precisan axuda”

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, vén de presentar unha serie de preguntas parlamentarias sobre a supresión dunha das dúas prazas de coidadores para nenos e nenas con necesidades especiais no CEIP Quiroga Palacios de Santiago de Compostela.

Gallego advirte que dende o mes de outubro deste ano, cando foi comunicado o recorte, unha soa persoa ten que atender a catro neno e nenas de infantil e primaria con distintos graos de discapacidade motriz e sensorial separados en diferentes aulas xa de por si masificadas ata o máximo recomendable. Isto fai imposible prestar unha atención acaída a estes nenos e nenas, provocando situacións realmente difíciles para os rapaces.

A responsable socialista lembra que a escolarización destes nenos e nenas “ten que producirse baixo a premisa dunha atención especial con persoal de apoio” que o goberno galego non está garantindo por mor duns recortes “que se demostran absolutamente insensibles” para a cidadanía que mais o necesita.

Carmen Gallego explica que esta situación “non é mais que a evidencia dunha forma inhumana de facer política”, que “se preocupa unicamente de axudar aos seus amigos, ás persoas con mais diñeiro, pero que deixa de lado, totalmente abandonados, á inmensa maioría das familias e das persoas que necesitan axuda”.

BNG - Demanda rebaixa do IVE nos salóns de peiteado

O BNG defenderá no Pleno unha moción para demandar a rebaixa do IVE nos salóns de peiteado
Trasladará esta reivindicación do persoal afectado en Santiago porque a suba do IVE do 8% ao 21% provoca a destrución de numerosos postos de traballo 

BNG Ames - O BNG pregunta polo centro de saude do Milladoiro no parlamento

O BNG lamenta que a Xunta de Galiza non se comprometa a iniciar as obras do Centro de Saúde do Milladoiro neste ano
A deputada Ana Pontón preguntoulle onte ao director de asistencia Sanitaria, Félix Rubial, quen non foi capaz de concretar nada sobre esta necesaria infraestrutura 

BNG A Estrada - O BNG leva ao Parlamento Galego o vertedoiro de San Xiao de Vea

O concello pasa olimpicamente dun vertedoiro ilegal onde hai máis de vinte e cinco coches, un camión, unha furgoneta, latas e recipientes de líquidos inflamábeis, metais e ferros de todo tipo amoreados a escasos vinte metros do río Vea e ao pé da Ruta do Salmón de bicicleta de montaña