Frades - 50 veciños no primeiro "xoves de praia"

O Concello de Frades vén de iniciar o seu programa “Xoves de Praia”, que inclúe un total de 9 excursións á praia de Boiro. Unha iniciativa que este xoves reuniu aos primeiros cincuenta veciños e veciñas, que gozaron dunha xornada de lecer no areal barbantino.

As viaxes terán lugar todos os xoves de xullo (9, 16, 23 e 30) e agosto (6, 13, 20 e 27). Os prezos non varían con respecto a anos anteriores, de xeito que os veciños empadroados poden optar por un prezo de 7 euros por día ou 25 euros polo mes completo. Os menores de 12 anos terán un prezo especial de 5 euros por día. No caso dos veciños non empadroados, a cota increméntase ata os 10 euros/día e os 40 euros/mes. 

Os veciños e veciñas interesados en participar poden optar por reservar por días ou por meses, sempre que o fagan cunha anterioridade mínima de dous días antes da data da excursión. Para anotarse hai que dirixirse ao Concello de Frades ou ao teléfono 981 69 55 67. O abono deberá facerse antes da viaxe xa que, para evitar esperas innecesarias, non se cobrará no autobús

Itinerario
Os autobuses recolleran a quen reservara praza nun percorrido polas diferentes parroquias. Están establecidas paradas, a partir das dez da mañá, na Garabanxa, Vista Alegre (Galegos), Cardama (Moar), estrada de Aiazo, A Coviña (Pontecarreira), Campoduro (Céltigos), Campo (Vitre) e nas igrexas de Papucín e Abellá.

Como nos últimos anos, o lugar escollido para estas saídas á praia é Boiro, pois ademais de praia dispón dun amplo espazo onde os veciños poden xantar á sombra e a proximidade da vila permite tamén que, quen o desexen, poidan xantar nalgún establecemento hostaleiro do lugar ou dar unha volta pola vila no caso de que a meteoroloxía non invite ao baño.

Ningún comentario: