Numax novidades na carteleira

Tres novos títulos renovan a carteleira do Cinema NUMAX


Esta semana renovamos completamente a nosa programación coa incorporación de dúas novas estreas e a restauración recente dun clásico da filmografía española. Así, a partir do mércores 8 de xullo poderedes ver Hermosa juventud, o filme co que Jaime Rosales participou no Festival de Cannes de 2014. No mesmo marco estreábase outro título que chega agora á nosas pantallas, e que teredes en NUMAX desde o venres 10 de xullo: O pequeno Quinquín, unha miniserie de Bruno Dumont editada agora en bloque para a súa proxección en cinemas*, e que foi sinalada por Cahiers du Cinéma Francia como o mellor filme do pasado ano. Pero aínda hai máis:ese mesmo venres comezamos coas proxeccións de El mundo sigue, unha das obras máis emblemáticas de Fernando Fernán Gómez, filmada en 1963, estreada dous anos despois por mor da censura e practicamente esquecida até a súa recente restauración.

Se vos quedou por ver algún dos filmes que estivemos a proxectar, recordade que tedes os últimos pases de Phoenix e Sils Maria este martes 9 de xullo, e até o xoves 11 no caso de Stromboli. Pola súa banda A profesora de párvulos continúa unha semana máis en cartel.

(*) Debido á longa duración (200 minutos) de O pequeno Quinquín, e dado que o filme está dividido en catro capítulos, faremos unha breve pausa de 10 minutos de descanso entre o segundo e o terceiro.

Hermosa Juventud
(Jaime Rosales, 2014)

Natalia e Carlos son dous mozos namorados de 20 anos que pelexan por sobrevivir na España actual. Os seus recursos limitados non lles deixan avanzar como quererían. Non teñen ambicións grandes porque tampouco teñen grandes esperanzas. Deciden facer un filme porno amateur para sacar algo de diñeiro. O nacemento da súa filla Julia impulsaráos.

O pequeno Quinquín
(Bruno Dumont, 2014)

A historia dunha improbábel e excéntrica investigación policial ao redor dos estraños crimes nunha pequena vila da costa. A rexión de Boulounnais cae nas gadoupas do mal e dunha banda de pequenos bandidos liderada por Quinquiño e a súa amada Eva.

El mundo sigue
(Fernando Fernán Gómez, 1965)

Anos sesenta, barrio madrileño de Maravillas. Eloísa é esposa cumpridora e nai eficiente que vive co seu home, un garda municipal máis autoritario na casa que na rúa ao que adoito se lle vai a man. O seu fillo é un beato que abandonou o seminario pouco antes de se ordear e que pasa a vida no estudo e no rezo para expiar os pecados familiares. As fillas, dúas irmás que soñan coa riqueza, ódianse entre elas.

Programación

Martes 7 de xullo

12:00 A profesora de párvulos
16:00 Stromboli
18:15 A profesora de párvulos
20:30 Phoenix [Último pase]
22:15 Sils Maria [Último pase]
 

Mércores 8 de xullo

12:00 A profesora de párvulos
16:00 A profesora de párvulos
18:15 Stromboli
20:15 Hermosa juventud [Estrea]
22:00 Hermosa juventud
 

Xoves 9 de xullo

12:00 Hermosa juventud
16:00 A profesora de párvulos
18:15 A profesora de párvulos
20:30 Hermosa juventud
22:15 Stromboli [Último pase]

Ningún comentario: