Mancomunidade de Ordes - Programa de respiro familiar "balnearios"

O departamento de Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes pon en coñecemento de todas e todos o arranque do programa de respiro familiar en balnearios ‘Cuidarelax’, dirixido ás familias que teñan ao seu cargo persoas maiores en situación de dependencia. Trátase dun programa da Unión de Pensionistas (UDP) que conxuga o apoio a coidadores coa asistencia a unhas xornadas de fin de semana nun balneario con tratamentos termais e actividades de lecer e psicoeducativas. Unha convocatoria que tamén se estende ás parellas ou fillos e fillas dos coidadores principais de persoas maiores.

Os obxectivos do programa ‘Cuidarelax’ pasan por ofrecer un espazo de contacto entre familias que teñan persoas maiores en situación de dependencia. Todo isto achegando formación e axuda para afrontar os coidados da persoa maior dependente dunha forma equilibrada, intentando suavizar o impacto a nivel familiar e psicolóxico ao que con frecuencia se enfrontan as familias. Tamén se propician ferramentas para o desenvolvemento de condutas de autocoidado entre os coidadores, contribuíndo á conciliación da vida persoal, social e laboral. 

Daráselle prioridade á participación de persoas que realicen coidados considerados de longa duración (mínimo a partir de 1 ano, preferentemente máis de 2) ou con carga no coidado e que se realicen de forma continuada.


O dito programa está financiado polo IRPF e non ten custo para as familias participantes. O único gasto que deben asumir é o do desprazamento ata o balneario, que este ano será o de Laias en Ourense. Para garantir os coidados dos familiares durante as estadías no balneario, o programa asume o custo do recurso que as familias elixan durante a fin de semana, ben ingreso en residencia, ou ben SAF (12 horas en toda a fin de semana, repartidas como as familias prefiran) ou nun centro de día, nos casos nos que sexa posible.

As quendas que quedan dispoñibles son do 17 ao 20 de xullo, ou do 11 ao 14 e do 18 ao 21 de setembro. A estancia máxima no balneario é de tres noites, incluíndo o aloxamento (3 noites en habitación dobre), pensión completa e circuíto termal. A estancia require a participación no módulo de intervención e formación para o autocoidado, no que se impartirán desde metodoloxías de dinámica de grupo a técnicas de risoterapia.

Aquelas persoas que non dispoñan de recursos de apoio para o coidado do seu familiar en situación de dependencia poderán solicitar os servizos de residencia, centro de día ou SAD que elixan para poder acudir ás xornadas, tamén con cargo ao programa ‘Cuidarelax’.

Para solicitar a praza ou ben acadar máis información pódese chamar ao 982223379 ou ben facelo a través do correo electrónico cuidarelaxgalicia@gmail.com.

Ningún comentario: