Un grupo de
investigación da Universidade de Santiago, en colaboración con científicos das
Universidades da Coruña e Vigo, o Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo,
o Sergas e o Hospital de Jove en Xixón descubriron un novo tratamento contra o
cancro de mama baseado na combinación de novos análogos de vitamina D con
quimioterapia. Este grupo formado por químicos, biólogos e médicos está moi
esperanzado en poder desenvolver como fármaco o produto xa que podería ser de
especial interese no tratamento de desordes hiperproliferativos como o cancro
ou a psoriase.
Os resultados do
traballo ‘Pit-1 inhibits BRCA1 and sensitizeshumanbreasttumors to cisplatin and
vitamin D treatment’ acaban de ser
publicados na revista estadounidense especializada en cancro Oncotarget. Nel, os investigadores
describen que a combinación de novos análogos de vitamina D coa quimioterapia
utilizada de forma habitual no tratamento do cancro de mama máis agresivo é
máis efectiva que a administración de quimioterapia de forma illada. O traballo
está asinado por Samuel Seoane, Efigenia Arias, Rita Sigueiro, Juan
Sendón-Lago, Anxo Martínez-Ordóñez, Esteban Castelao, Noemí Eiró, TomásGarcía-Caballero,
Manuel Macía, Rafael López-López, Miguel Maestro, Francisco Vizoso, Antonio
Mouriño e Román Pérez-Fernández.
Os autores
demostran que a administración combinada de análogos de vitamina D e cisplatino
actúa sinerxicamente, inhibindo a proliferación celular, estimulando a apoptose
(morte celular programada), aumentando o dano no ADN e reducindo o crecemento
tumoral, tanto en liñas celulares de cancro de mama en ratos como en células
illadas de tumores de pacientes con esa enfermidade.
Aínda que esta
combinación foi xa utilizada previamente, neste caso faise cunha molécula
deseñada polo grupo de Química Orgánica da USC dirixido polo profesor Antonio
Mouriño, experto en síntese de análogos de vitamina D. Esta molécula posúe unha
serie de modificacións na súa estrutura que fan que manteña as propiedades da
vitamina D sintetizada no organismo pero evita efectos secundarios como o
incremento de calcio en sangue, que a doses elevadas pode resultar tóxico. As
súas propiedades fan que o novo composto sexa ademais potencialmente adecuado
para outras patoloxías, como por exemplo a psoriase.
Este novo análogo
de vitamina D está protexido a través dunha patente propiedade das
universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e do SERGAS. TantoSamuel
Seoane, Efigenia Arias, Antonio Mouriño e Roman Perez-Fernandez (USC), como
Miguel Maestro (UDC) eEsteban Castelao (Instituto de Investigación Biomédica
Ourense-Pontevedra-Vigo), todos autores, están xa en contacto con empresas
farmacéuticas interesadas no seu desenvolvemento como fármaco para o seu futuro
uso en pacientes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario