Ordes,
30/06/2016 - O Pleno ordense rexeitou na sesión correspondente ao mes de xuño o
expediente de modificación de crédito proposto polo Goberno Local. En total
habería que falar de 358.000 euros, dos cales
218.000 € destinaríanse á amortización de débeda e 140.000 € para a
ampliación do aparcamento do tanatorio do Valado.
Unha obra, esta última, que
paradoxalmente foi aprobada no pasado mes de marzo en sesión plenaria. “Con
esta decisión bótase por terra a redución de déficit prevista e na que levamos
traballando dende a nosa investidura”, asegura José Luis Martínez Sanjurjo,
alcalde de Ordes. “A día de hoxe vémonos na tesitura de ter que rexeitar unha
decisión moi positiva para a economía local, a cal contaba co beneplácito da
Deputación da Coruña”, explica o rexedor. De feito esta englobábase dentro do
Plan de Aforro e Investimento do ente provincial. Finalmente todas as
formacións da oposición votaron en contra (5 Unión por Ordes, 2 BNG e 1 PSOE),
fronte aos 7 favorables do PP.
O que si contou co respaldo de todos foi o
Plan Provincial de Medio Ambiente 2016 (PMA), cun importe total de case 50.000
€. Desta cantidade 26.000 € destinaranse á mellora de sete fosas sépticas nas
parroquias de Leira, Montaos, Ordes, Vilamaior e Ardemil. Outros 19.000 €
investiranse nas fontes das Cortellas (Ardemil), Esmorís (Buscás) e Mañufe
(Mercurín). Por último investiranse outros 4.600 € para o programa de formación
e educación ambiental e posta en valor no río Mercurín, especialmente dirixido
aos nenos e nenas do lugar. Este inclúe anelamento de aves, colocación de
caixas-niño e inventarios de fauna e flora, entre outros.
Tratamento en comisión
No apartado
das mocións acordouse, en base ás presentadas polo grupo socialista, dirixirse
a Gas Natural Fenosa para solucionar a situación de deterioración e falta de
limpeza da área natural de Vilagudín, cuxa titularidade pertence á empresa
eléctrica. Por outra banda, quedou posposta para ser tratada en comisión a
petición de cambios na ordenanza que regula o pago na zona azul e na que atinxe ao tráfico e á
circulación de vehículos a motor e seguridade viaria, co fin de beneficiar ás persoas con mobilidade reducida ou algún
tipo de discapacidade.
Ademais, atendeuse a solicitude do BNG
para solicitarlle explicacións a Gas Natural Fenosa sobre os cortes de luz
rexistrados en Ordes hai escasas semanas. Os nacionalistas advertiron dos
riscos que este tipo de incidentes poden supoñer para “a competitividade do
tecido comercial e industrial do municipio”. Ante a solicitude para explotar a
cafetería do centro comarcal, o alcalde insistiu unha vez máis no seu obxectivo
de abrir todo o inmoble de maneira conxunta, unha vez que se analice
pormenorizadamente a súa viabilidade e a redución de custos de mantemento ante
a futura instalación dun viveiro de empresas no inmoble. Finalmente o equipo de
Goberno abstívose na votación, mentres que os demais grupos votaron a favor.
Resumo do pleno do Bloque Nacionalista Galego
O BNG vota en
contra da modificación de créditos proposta polo pp
Logo de que
no anterior pleno, o BNG votase en contra dos presupostos presentados polo PP,
nesta sesión os nacionalistas votaron novamente en contra da modificación de
créditos que pretendía sacar adiante o alcalde.
Segundo o
voceiro nacionalista, Pablo Vidal “non nos parece axeitada nin operativa a
pretensión do alcalde de que a administración local funcione presentando
durante o ano continuas modificacións de crédito sobre uns presupostos prorrogados”.
Vidal indica
que “o alcalde ten a potestade de aprobar os presupostos mediante a súa
vinculación a unha cuestión de confianza, procedemento polo cal os presupostos
quedarían automaticamente aprobados si no prazo dun mes non se presenta unha moción
de censura”.
O edil
nacionalista acusa ao alcalde de “botar balóns fora culpando á oposición. Na
vez de laiarse, terá que explicarlle á veciñanza os motivos polos cales non
quere aprobar os presupostos cando ten a solución na súa propia man”.
o BNG contra
os cortes no subministro eléctrico
O BNG
presentou unha moción dirixida a Gas Natural Fenosa en protesta polos últimos
cortes no subministro eléctrico, xa que tiveron en varias ocasións unha
duración superior a unha hora, e sucederon en días cunhas condicións
climatolóxicas aparentemente boas.
Os
nacionalistas destacan que Ordes se atopa nunha zona privilexiada dende o punto
de vista enerxético, preto de varias fontes de enerxía e tendo o seu territorio
atravesado por infinidade de liñas eléctricas, polo que son inadmisibles os
continuos cortes sufridos nas últimas datas.
A moción
recibiu o apoio unánime da corporación.
Moción para
sacar a concurso a xestión da cafetería do centro comarcal
En Abril de
2014 levouse a cabo a reversión das instalacións do centro comarcal ao concello
de Ordes. Desde aquel entón o edificio nunca foi utilizado e se atopa
completamente abandonado.
En novembro
do ano pasado aprobouse unha moción dos nacionalistas para que o edificio
acollese un viveiro de empresas.
Nesta ocasión
o que se solicitaba era que se sacase a concurso a xestión do servizo de
cafetería das citadas instalacións, xa que segundo indican desde o propio BNG,
existe demanda veciñal para explotar dita actividade, o cal permitiría xerar
uns pequenos ingresos nas arcas municipais, que contribuirían ao mantemento das
instalacións.
A moción
ficou aprobada coa abstención do PP.
Resumo do pleno do Psoe
O PSOE de
Ordes sacou adiante a súa moción para que o Concello poña en marcha medidas de
restauración e conservación da área de lecer a carón do encoro de Vilagudín,
aínda que se aceptou solicitar por escrito a Gas Natural Fenosa información
sobre a titularidade da zona. Así mesmo, unha vez que a zona se atope en
condicións de ser utilizada pola veciñanza, a área será incluida na páxina web
municipal como punto de interese turístico no Concello de Ordes.
A voceira
municipal socialista, Verónica Gómez, pídelle ao alcalde de Ordes un exercicio
de responsabilidade e que se retracte das acusacións de falta de rigor e
irresponsabilidade verquidas polo Concello sobre o PSOE. “En ningún momento
afirmamos que esa área de lecer sexa de titularidade municipal, o que si
sabemos é que esa zona fora cedida ao Concello por Gas Natural Fenosa e que o
Concello é o responsable do mantemento, conservación e restauración desa zona,
aínda que non sexa o titular”, apunta Verónica Gómez. Unha afirmación que foi
corroborada no propio pleno polo anterior Goberno municipal.
Así mesmo, e
co gallo da aprobación do Plan de Medio Ambiente da Deputación, a voceira
municipal socialista instou ao alcalde ordense a ser moito máis rigoroso coas
súas afirmacións, sobre todo nas sesións plenarias, e a recoñecer que faltou á
verdade cando asegurou que as achegas da Deputación da Coruña ao Concello de
Ordes se reduciran significativamente con respecto á anterior etapa do Partido
Popular. “Hoxe aprobamos unha achega de 50.000 euros para a mellora e
acondicionamento de varias fontes e fosas sépticas, pero no que vai de ano a
Deputación achegou 95.886,16 euros para cultura, deportes, servizos sociais e
promoción económica, un 40% máis ca no exercicio anterior”, apunta Verónica
Gómez.
Modificación
de crédito
Por último,
os socialistas xustificaron o seu voto en contra do expediente de modificación
de crédito presentado polo Concello en que “non vemos axeitado que o Goberno non
amose ningunha capacidade negociadora para sacar adiante os prespupostos
municipais e logo pretenda gobernar a base de modificacións de crédito”, apunta
Verónica Gómez. A voceira municipal puntualiza que “a obra parécenos ben pero,
se temos en conta as palabras do actual rexedor que sempre se laia da elevada
débeda municipal, ao mellor debería plantexarse destinar ese importe a
amortizar débeda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario