Ames,
28/06/2016 - O campus da Fundación Celta de Vigo arrancou onte no campo do
Milladoiro SD. Un grupo de 52 rapaces e unha rapaza traballarán baixo a
supervisión de catro adestradores chegados das instalacións do Celta de Vigo na
Madroa. Ao longo de cinco días os rapaces e rapazas, de idades comprendidas
entre os 4 e os 14 anos, xogarán, farán novos compañeiros e aprenderán un pouco
máis dun dos seus deportes preferidos.
Un
total de 52 rapaces e unha rapaza pasarán as mañás desta semana nas
instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Saltan ao campo coas
camisetas do club organizador deste Campus de verán: o Celta de Vigo. Da man de
catro dos seus adestradores os rapaces, divididos en grupos por idades, rótanse
nas catro áreas nas que se dividiu o terreo. Cada área ou estación,
explica o técnico Adrián Abalo, “está
adicada a un aspecto do adestramento: coordinación, competición, multideporte
ou técnico-táctica”.
Un
destes días, explica, adícase a organizar pequenas competicións, mesturando aos
rapaces que xogaban en grupos distintos, botando partidos e facendo pequenos torneos. Engade que para el é un pracer volver por
terceira vez a Ames como adestrador deste Campus: “é xenial ver a ilusión que
teñen os rapaces por adestrar en verán e por pasalo ben”. Incide na importancia
que ten a dimensión lúdica destes campus na súa organización “que os rapaces
desfruten é o importante”.
Todos
os adestradores traballaron ou traballan nas instalacións da Madroa. Entre
eles, este ano, atópase Salva, a quen os afeccionados/as do Celta de Vigo
identificarán como un dos xogadores do equipo que estivo a piques de gañar unha
Copa del Rei no ano 1994. Seguen de preto o traballo dos rapaces e rapazas
durante estes cinco días, nalgúns casos este seguimento por parte da Fundación
Celta de Vigo pode continuar.
No
campo de fútbol do Milladoiro mestúranse as voces dos catro adestradores
ditando instrucións e as dos nenos, competindo amistosamente entre eles. Dun
grupo a outro móvese Brais Alonso, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro,
que acude esta semana para botar unha man “aí onde se me precisa”. Explica que
para a Peña foi un “gran orgullo que o Celta de Vigo accedese a incluír Ames
como localización dun dos seus campus de verán”. Moitos dos rapaces xa o
coñecen de anos anteriores; e Brais explica que ademais “unha gran parte deles
xogan no Milladoiro, aínda que tamén veñen xogadores doutros clubs”. “Moitos
deles repiten”, expresa satisfeito, “e á Peña chaman as familias a medida que
se achega o verán para preguntar cando terá lugar o Campus de fútbol”.
Siro,
un dos rapaces que viste a camiseta azul celeste, deixa o xogo uns intres para
que explicar que el é un deses nenos que decidiron apuntarse máis dunha vez a
esta actividade. “Adestramos, xuntámonos con outros grupos, o que gaña é o que
celebra”, sorrí ao ser preguntado polo que máis lle gusta do Campus: “todo”.
Este venres, despois de cinco xornadas de deporte, pecharase esta terceira
edición do campus cun xantar. A el asistirán directivos da Fundación Celta de
Vigo, e están convidados a participar amigos, amigas e familiares dos rapaces
participantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario