Ames, 02/07/2016 - A
primeira consecuencia da nova Relación de postos de traballo (RPT) de Ames é a
posibilidade da marcha do "señor Casas" do colexio de Ventín. O
actual conserxe podería comezar setembro cun novo posto na brigada de obras,
esta posibilidade movilizou a comunidade educativa que non quere a súa marcha.
A asociación de nais
e pais ven de publicar unha nota nas redes sociais na que explica todo o
sucedido
Texto publicado pola ANPA
Boas tardes a tod@s.
Aínda que a estas alturas a maioría de vós seguro que xa estades informados do
que está a pasar en Ventín, cremos que desde a Anpa As Brañas nos corresponde
explicar un pouco cal é a situación e os pasos que se están a dar para tratar
de solucionar o problema. A comezos desta semana o alcalde e máis o concelleiro
de Educación reuníronse con Alfredo e co señor Casas para comunicarlles
persoalmente que Pepe tería que deixar o seu posto de conserxe no colexio para
asumir novas tarefas dentro da brigada de Vías e Obras. Tan pronto tivemos
coñecemento da noticia, representantes da Anpa e un grupo de pais e nais, que
tamén souberon do problema, solicitamos unha reunión urxente co concelleiro de
Educación, David Santomil. Nese encontro, o edil confirmounos que o Goberno
local ten tomada a decisión de mover ao señor Casas e buscar un substituto na
actual bolsa de conserxes creada coa nova relación de postos de traballo,
aprobada precisamente en pleno.
Ante o sorprendente e repentino desta decisión, pedímoslle ao concelleiro unha
solución transitoria e excepcional que lle permita a Pepe continuar en Ventín o
próximo curso, máxime tendo en conta que a súa xubilación estaba prevista para
maio de 2017. El, pola súa parte, comprometeuse a encargar diversos informes
internos para analizar se sería posible alongar un pouco máis o seu traballo en
Ventín, pero non nos ofreceu ningunha garantía, insistindo en que a decisión
está tomada.
En todo caso, cómpre aclarar tamén que a notificación realizada por parte do
Goberno municipal non ten carácter inmediato e, de feito, o señor Casas segue a
desenvolver o seu traballo en Ventín con normalidade. Pero si se cumpren os
prazos que baralla o Concello, o seu traslado faríase efectivo a comezos de
setembro, o que nos deixaría ademais sen conserxe temporalmente.
O futuro do señor Casas tamén foi obxecto dun longo e intenso debate na reunión
do Consello Escolar. Todos os presentes (profesorado, dirección, Anpa e pais)
coincidiron en reclamar que poida seguir no colexio desenvolvendo as súas
actuais funcións o curso que vén, unha demanda ante a cal David Santomil
propuxo reunir a todas as partes implicadas e afectadas pola situación nos
vindeiros días.
Chegados a este punto a Anpa, apoiada por un grupo de pais e nais do colexio,
decidiu emprender unha serie de iniciativas para, por un lado, informar á xente
de cal é a situación e polo outro, escenificar o respaldo do conxunto da
comunidade educativa ao señor Casas e á súa continuidade en Ventín. Na nosa
opinión, el é o noso conserxe e ninguén mellor ca nós para defender o seu
labor, a súa valía como persoa e o seu posto de traballo no centro.
Nesta liña rexistraremos un escrito no Concello expoñendo os nosos argumentos e
pedindo ao equipo de Goberno e a todos os grupos municipais que se impliquen nunha
solución satisfactoria que permita a continuidade do señor Casas na conserxería
de Ventín.
Así mesmo, e ante as numerosas chamadas, mensaxes e whatsapps recibidos para
preguntar que se pode facer ou como poden axudar, pegamos e compartimos a
continuación unha petición aberta esta mesma tarde en change.org sobre o tema.
Aproveitamos tamén para agradecer desde aquí todas as mostras de cariño e
preocupación recibidas nos últimos dous días e pedimos desculpas por adiantado
por non ter sido capaces de facer este escrito informativo un pouco antes.
Agardamos que entendades que foron días de moito axetreo e que por momentos nos
vimos un tanto desbordados polo devenir dos acontecementos. Moitas gracias.#Casaseventin
Ningún comentario:
Publicar un comentario