Ames,
2/07/2016 - Un dos programas de
conciliación de verán do Concello de Ames remataba onte, o Xuño Lúdico, e hoxe
comeza outro que se estende ao longo dos meses de xullo e agosto, a Escola de
Verán. Un total de 364 nenas e nenos, repartidos entre O Milladoiro e
Bertamiráns, participan nesta edición. Este servizo está dirixido a alumnado de
segundo ciclo de infantil e educación primaria que estean empadroados no
Concello de Ames. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil,
achegouse esta mañá ata o CEIP da Maía para saudar a algúns dos rapaces e
rapazas que participan neste programa.
A
primeira quincena de xullo é a máis solicitada polas familias que inscriben aos
seus fillos ou fillas na Escola de Verán. Este programa de conciliación ofrece
inscribir aos nenos e nenas por quincenas nos meses de xullo ou agosto,
solicitar a súa participación un mes completo ou empregar o servizo durante
ambos meses. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca “a
boa resposta que tivo este ano o programa da Escola de Verán, xa que
incrementáronse o número de inscricións respecto a edicións anteriores”.
O
lema desta edición da Escola de Verán é Ames desde a mirada dos nenos e nenas.
Cada unha das quincenas de xullo e agosto contará cunha serie de actividades
distintas con esta mesma temática. Construímos o noso cole, As cidades son para
xogar, A cidade dos nenos e as nenas e Expresamos as nosas necesidades: o noso
pleno infantil, son os nomes das temáticas de cada quincena.
Nesta
primeira quincena de xullo as nenas e os nenos que participan na Escola de
Verán crearán o seu propio colexio. Desta forma aprenderán a resolver e falar
dos conflitos que se atopan nas aulas e idear formas de resolvelos. Crearán un
plano do colexio, falarán daquilo que botan en falta na súa escola, do que se
pode mellorar, do que é necesario nun centro escolar e de como facelo. Os
distintos grupos de Bertamiráns e do Milladoiro montarán ademais unha maqueta
do colexio que deseñen.
Dentro
desta primeira quincena de xullo o alumnado mergullarase no universo da
arquitectura. Baixo outra actividade co nome, Somos arquitectos, as nenas e
nenos aprenderán a imaxinar, deseñar, investigar..., pero tamén a construír,
medir e resolver problemas. Explorarán as medidas de torres e rañaceos e
intentarán construílos. Todas estas actividades intercalaranse con excursións
ás piscinas municipais, xogos con auga, actividades na natureza, xogos
cooperativos ou diverciencia.
Remata do Xuño Lúdico
Onte
rematou o Xuño Lúdico, outro dos servizos de conciliación que organiza o
Concello de Ames. Desenvolveuse no Milladoiro e en Bertamiráns os días 23, 27,
28, 29 e 30 de xuño, de 7:30 a 16:00 horas. Nel podían participar, coma na
Escola de Verán, nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de infantil e
educación primaria. Este ano apuntáronse en total 179 participantes.
As
actividades deste programa lúdico desenvolvéronse baixo a temática: Esta viaxe
vai de lendas. Deste xeito, rapazas e rapaces coñeceron, a través de distintos
xogos, historias reais ou ficticias de persoeiros que ocuparon unha parte
importante da historia de Galicia e tamén do concello de Ames. Por exemplo
falouse dos adeo -nome que se lles daba aos contadores de xestas na Antiga Grecia
que recitaban acompañados dun instrumento-. Ademais, Euloxio foi o encargado de
achegar ao público infantil a vidas de Breogán, historias dos Condes de
Altamira, as lendas que arrodean ás meigas ou as aventuras de Hércules.
Ningún comentario:
Publicar un comentario