Santiago, 01/07/2016 - Máis de cen pemes galegas participaron esta tarde na Cámara de Comercio de Santiago no taller presencial de Activa o teu Negocio, o proxecto impulsado por Google co obxectivo de optimizar a presenza e participación online das pemes a través de formación en competencias dixitais e no que participan como socios a Fundación Incyde das Cámaras de Comercio, BBVA e CEPYME.
No taller presencial de cinco horas de duración, que tivo lugar na sede da Cámara, os participantes aprenderon os pasos que deben seguir para definir a estratexia dixital da súa empresa. Esta formación compleméntase con 23 módulos dixitais con contidos creados por especialistas sobre presenza online, comercio electrónico, redes sociais ou buscadores, froito da colaboración de máis de 100 expertos en tecnoloxía e competencias dixitais de Europa e avalada por IAB Europe e IAB Spain.
O secretario Xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros, indicou que, actualmente nun mundo globalizado, é fundamental para as pequenas e medianas empresas adquirir os coñecementos básicos necesarios para "dixitalizar" o seu negocio e iniciar o seu camiño cara ao éxito online. "As pemes do sector comercial deben especializarse na venda online para poder competir coas grandes multinacionais que desde hai anos están a competir na rede". Ademais, manifestou que a presenza en redes sociais é imprescindible para dar a coñecer a empresa e chegar a un público máis amplo.
Pola súa banda, Cristina Hernández, coordinadora do proxecto Activa o teu Negocio de Google, comentou que "tras os bos resultados alcanzados co programa Actívache, grazas ao que formamos ata agora a máis de 118.000 mozos en competencias dixitais e emprendemento, puxemos en marcha Activa o teu Negocio para axudar ás pequenas e medianas empresas a optimizar a súa presenza e participación online. A través desta plataforma ofrecemos formación gratuíta presencial e online e ensinamos as ferramentas que axudarán aos negocios no seu camiño cara ao éxito dixital".
Ningún comentario:
Publicar un comentario