Santiago, 02/07/2016
- O programa de voluntariado dos Chaquetas Vermellas, logo de
cancelarse nos últimos anos, volve ás rúas e prazas de Santiago para informar
directamente ás persoas que visitan a cidade.
Este ano o grupo de Chaquetas Vermellas está composto por 16 persoas voluntarias, que se distribuirán en oito parellas, e que terán así un primeiro achegamento á atención turística, de interese para o seu currículo no futuro.
O obxectivo
dos Chaquetas Vermellas é a mellora da calidade da información e da
atención a turistas, visitantes e persoas que fan o Camiño de Santiago,
especialmente durante o mes das festas do Apóstolo, no que se produce unha
grande afluencia turística a Santiago. Este ano, ademais, é previsible que
aumente esta afluencia pola Ano Santo da Misericordia, que favorecerá un maior
número de visitas á Catedral de Santiago e a súa contorna. Así, o programa de
voluntariado de Chaquetas Vermellas funcionará durante o mes de
xullo.
As persoas voluntarias prestarán información turística básica nos principais
puntos turísticos da cidade, como as prazas do Obradoiro, Praterías e Quintana,
e principais rúas da cidade histórica: Carretas, rúa Nova, rúa do Vilar...; e
tamén informarán sobre o programa de festas do Apóstolo 2016.
O grupo de Chaquetas Vermellas tamén colaborará na xestión de fluxos
nas rúas, para evitar a masificación e colapso do contorno da Catedral,
suxerindo outros lugares a visitar, indicando onde se atopan os recursos
turísticos, establecementos de hostalería, medios de transporte...
Turismo de Santiago dotará ás persoas voluntarias cunha cantidade en concepto
de dietas destinadas aos gastos de manutención por un valor de 23 euros
diarios. Esta dieta outórgase ao abeiro do previsto na Lei de acción voluntaria
de Galicia, como unha compensación dos gastos nos que incorran as persoas
voluntarias no desenvolvemento do seu voluntariado. Cada persoa recibirá a
cantidade de 23 euros multiplicada polo número exacto de días de colaboración.
Todas as persoas voluntarias obterán un certificado ao remate da súa
colaboración. Nel constarán as tarefas realizadas así como o número de horas de
colaboración, o que pode ser interesante de cara ó seu CV, segundo se recolle
na Lei de acción voluntaria de Galicia. Os certificados de colaboración serán
expedidos pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de
Participación e Integración Universitaria, previo informe favorable de Turismo
de Santiago.
Esta acción, promovida por Turismo de Santiago, é posible grazas á colaboración
da Axencia de Turismo de Galicia, dentro da liña de subvencións para as Festas
de Interese Turístico Internacional de Galicia, que conta ademais co apoio de
Abanca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario