Brión,
02/07/2016 - O alcalde de Brión, José
Luís García, recolleu de mans do conselleiro de Cultura e Educación, Román
Rodríguez, o XXII Premio Lois Peña Novo pola súa utilización, dende 1979 e de
xeito ininterrumpido, e realización de accións en defensa da lingua galega.
Uns galardóns entregados na noite de onte no Castelo de Soutomaior pola Fundación Lois Peña Novo como recoñecemento do uso do idioma galego no ámbito profesional e que este ano foron concedidos ao Concello de Brión e aos profesores Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé Manuel Cid Fernández.
José Luís
García explicou que considera que este galardón “é un premio a toda a veciñanza
de Brión, a todos os veciños e veciñas de cada unha das súas nove parroquias”.
O alcalde brionés, que salientou o feito de que este galardón coincida co
centenario das Irmandades da Fala, apuntou “certo paralelismo entre o que fixo
Lois Peña Novo, cando empregou o galego na súa toma de posesión como
concelleiro electo no Concello da Coruña; e o que fixemos nós o 28 de abril de
1979, cando fomos o primeiro Concello de Galicia que escribiu as súas actas no
noso idioma”.
“As
casualidades da vida quixeron que hoxe estea eu aquí lembrando eses dous feitos
históricos, cando precisamente o próximo xoves se cumpren 96 anos daquela
histórica toma de posesión de Peña Novo”, lembrou José Luís García, quen
asegurou que “aquel 7 de xullo de 1920 é unha data histórica no seo das
Irmandades da Fala, pois significou que o noso idioma se escoitase por vez
primeira nun salón de plenos. Imaxinades o rebumbio que se debeu montar? Todo
un concelleiro usando o galego nun discurso oficial, a lingua da xente, dese
barrio obreiro de Monte Alto polo que foi elixido. Por primeira vez púñase de
manifesto que o galego non só valía para compor versos ou para falar na aldea,
senón que se podía empregar a cotío na vida administrativa e institucional.
Pero fixádevos qué triste: terían que pasar case 59 anos máis para que ese
mesmo idioma se trasladara á escrita”.
Neste
sentido, o alcalde brionés explicou que “esa acta do Concello de Brión do 28 de
abril de 1979 é a primeira redactada en galego dende o século XVI. Por unha
banda, supuxo un feito histórico para a nosa lingua. Por outra, foi tamén unha
declaración de intencións dun grupo de veciños e veciñas que chegabamos ao
mundo da política con gañas de facer cousas pola nosa veciñanza. E aló seguimos
37 anos despois, polo que supoño que non o debemos de ter feito moi mal”.
Agradecementos
García
agradeceu a distinción concedida pola Fundación Lois Peña Novo e felicitou aos
outros dous galardoados este ano. Así mesmo, tivo un recoñecemento especial
para Luciano Pena Andrade, “unha persoa que estivo ao meu lado dende o
principio e que penso que merecería estar aquí comigo recibindo este premio.
Pero iso non vai pasar, pois a súa modestia é tan grande como o traballo que
fixo, fai e espero que seguirá facendo por Brión por moitos anos”. Cofundador
da revista “Altamira”, onde segue a escribir as súas “Historias de Brión”,
Luciano Pena “acutou como normalizador lingüístico do Concello de Brión, cando
aínda nin existía esa figura. Así era o corrector de todos cantos bandos,
escritos e actas se facían e, por certo, aínda que hoxe está xubilado, segue a
ser o corrector lingüístico da revista Altamira”.
Ademais,
García aplaudiu as palabras do historiador Clodio González, encargado de facer
a laudo inicial do Concello de Brión. De feito, Clodio González fixo un repaso
pola historia e actividades realizadas polo Concello na defensa e promoción do
noso idioma: dende a acta do 28 de abril de 1979, “un atrevemento inusitado, xa
que mentres non se demostre o contrario, polo de agora é a primeira redactada
en galego por un dos nosos concellos quizais dende o século século XVI”, ata as
iniciativas culturais, edición de libros ou publicación de “Altamira”, a
revista municipal en activo máis antiga de Galicia e redactada integramente en
Galego.
“Por esta
traxectoria ininterrompida a prol da nosa lingua e cultura ao longo de case
corenta anos, o concello de Brión, repetindo as verbas dos homes das Irmandades
da Fala, das que se cumpriu hai uns días un século da súa constitución, ben
merece figurar entre os bos e xenerosos”, apuntou Clodio González.
Fallo do xurado
O xurado
decidiu premiar ao Concello de Brión “pola utilización desde 1979 e de xeito
ininterrompido da lingua galega como lingua de uso no Concello, tanto para as
tarefas administrativas como para desenvolvemento de accións dirixidas ao
pobo”. Un xurado que estivo composto por Ángel Carracedo Álvarez (catedrático
de Medicina Legal da USC premiado na edición anterior), Rosa Castro Legazpi
(guionista e asesora lingüista da TVG), Soledad Ríos Santomé (filóloga e
presidenta da Lonxa Literaria), Xosé Ramón Paz Antón (músico, pintor e
historiador), Héitor Picallo Fuentes (escritor e ilustrador) e Carmen Pérez
Vaquero (secretaria da Fundación Lois Peña Novo).
O xurado
salienta “a organización no ano 1988 do primeiro Equipo de Animación Cultural
existente en Galicia, constituído por mozos e mozas que serviron de nexo entre
a cidadanía e a administración” e destaca “a preocupación do Concello ao longo
dos anos pola defensa da identidade como pobo, fomentando obradoiros que
recollen experiencias herdadas dos devanceiros para que sirvan de exemplo ás
novas xeracións”. Finalmente, o xurado recoñece a importancia de que ten que ao
longo destes anos se teñan continuado co proceso de normalización do uso da
lingua galega, “que provocou que siga sendo o idioma de comunicación habitual
entre os seus habitantes”.
A secretaria
da Fundación Lois Peña Novo, Carmen Pérez Vaquero, felicitou ao alcalde
brionés, José Luís García, “polo esforzo feito en manter encesa a lingua e a
cultura de Galicia entre a mocidade. Actitudes como esta son as que se necesitan
para ter un apoio real á lingua e que se convirta na lingua vehicular de uso
entre a sociedade”. Pola súa banda, José Luís García agradeceu a distinción
porque “é un recoñecemento ao labor que levamos facendo en Brión dende hai
moitos anos en defensa da nosa lingua, pois non podemos esquencer que fomos o
primeiro Concello de toda Galicia en escribir as súas actas plenarias en
galego”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario