Teatro del Arte presenta ‘Luciérnagas’, sobre un texto de Carolina Román

 Santiago, 30/06/2016 - Despois da exitosa ‘En construcción’, escrita e protagonizada por Carolina Román e Nelson Dante e dirixida por Tristán Ulloa, e que puidemos ver en Compostela, Carolina Román presenta agora un novo texto: ‘Luciérnagas’. Da man de Teatro del Arte e protagonizado por Carmen Gutiérrez, Fede Rey e Jaime Reynolds,
poderemos velo hoxe xoves 30 de xuño e de novo mañá venres 1 de xullo, ás 20.30 h no Teatro Principal. As entradas, teñen un prezo de 14 euros (12 euros entrada xeral se se paga con tarxeta Abanca e 10 € no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18.00 a 21.00 h), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

‘Luciérnagas’ nace coa  necesidade de asomarnos ao universo dos vínculos afectivos  e ver dentro del como nos relacionamos desde a carencia. Como tecemos lazos fundamentais que nos fan familia a pesar de non selo; relacións que se nos volven de primeira necesidade nesta carreira de supervivencias, neste afán de aferrarnos aos afectos para non ser “un deses cans que ladran nas rúas baleiras”.

‘Luciérnagas’ describe esa metade bicho e esa metade seres de luz que todos somos. Unha dualidade que non por sabida nos fai máis capaces de vernos e aceptarnos. Os personaxes que aquí dentro viven e conviven, móvense nesa delgada liña entre a soidade máis medular e a necesidade do outro, da entrega ao outro.

Que prezo pagamos cando decidimos fuxir cara a adiante e deixamos de lado o amor? Que prezo pagamos cando nos aferramos á persoa que temos á beira polo simple feito de non estar sós? “Sabes o medo que dá que alguén te queira?”

Son algunhas das preguntas que expón este entretecido de relacións que van alimentando Alex, Yiyi  e Julio e o resto de integrantes  dun pobo atemporal, sen nome no mapa. Un lugar emocional, que non queda en ningunha xeografía pero vive dentro de nós como zona común, como abismo.

Así é como chega Yiyi a esa comarca perdida onde por fin atopa o seu lugar no mundo, onde se fan familia con Julio e Alex, dous irmáns orfos e criados nunha contorna hostil.

SINOPSE
Luciérnagas é a historia de Julio e Alex, dous irmáns orfos que viven nun pobo apartado de todo. A chegada de Lucía espértaos á vida, dálles o voo e o aire fresco que necesitan sen sabelo, e Lucía atopa a terra que lle permite pousar por un momento ese voo incesante. Algo tan casual como o anuncio da apertura dun hostal, fai que estas vidas se atopen. Lucía chega a ese lugar recóndito porque cre nas sinais e este anuncio é unha delas. A partir de aquí, a vida é a que dispón dos fíos destes seres, que serán transformados para sempre.



FICHA
Texto: Carolina Román
Dirección: Teatro del Arte
Escenografía: Alexandra Alonso-Santocildes
Iluminación: Luis Perdiguero
Espazo Sonoro: Nelson Dante
Fotografía: Jesús Mayorga
Deseño Gráfico: Sito Recuero
Produción: Teatro del Arte
Produción Executiva: Luis Caballero



Ningún comentario: