Lalín aproba o proxecto de urbanización da AR-MP12

Lalín, 26/06/2016 - O Goberno de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o proxecto definitivo de urbanización da denominada Área de Reparto MP-12, logo de que finalizase o prazo de 20 días de exposición pública para a presentación de alegacións, sen que se producise ningunha reclamación. O proxecto de urbanización da AR-MP12, de iniciativa particular, promovido pola firma Portas y Acuña Inmobiliaria, S. L, fora aprobado polo anterior goberno de Lalín de xeito inicial no mes de maio de 2013. En marzo de 2015 procedeuse á corrección de erros por parte dos técnicos promotores, rexistrándose o novo proxecto refundido de urbanización o 29 de decembro do pasado ano. Este supuxo a solventación de deficiencias, tales como a adaptación de espazos libres, a instalación dun depósito de auga contra incendios ou a necesidade de dispor un muro de contención.

O proxecto de urbanización aprobado afecta a unha área de 38.892 metros cadrados e conleva a reurbanización dunha franxa de viario público lindeiro coa zona de Porto do Alle, de 729 metros cadrados. Desenvolverase en dúas etapas, a primeira cun prazo de execución de 3 meses e a segunda de 9, sendo o seu orzamento total de 393.511 euros.

A Área de Reparto MP-12 foi proxectada para urbanizar a zona da parroquia de Filgueira na que se atopa a nave industrial da empresa Iberiaglass. Como apuntou o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, “con esta aprobación definitiva e coas obras realizadas, consolídase a situación da fábrica nesta localización”. Segundo sostén, “isto favorece que unha das industrias punteiras de Lalín continúe na nosa vila, ademais de conseguir que se dote esa zona da parroquia dos servizos adecuados”. 

Así mesmo, sinala que con esta aprobación “se remata un proxecto que leva un longuísimo período de tramitación e execución, dando por finalizado”, continúa, “un dos grandes asuntos pendentes en materia de Urbanismo que deixou o goberno do PP, e que se suman ao remate do SUE-4, da AR-7 e da AR-16”, da cal explicou que pronto habería novidades con respecto á súa finalización definitiva.

Ningún comentario: