Santiago, 1/07/2016 - Spin2016, o maior evento dedicado ao
emprendemento universitario, convoca os estudantes de todos os países da rexión
iberoamericana a participar en The Spin Way, unha experiencia única coa que
poderán desenvolver unha idea de negocio mentres percorren o Camiño de
Santiago.
The Spin Way promove a cooperación, o esforzo e o
espírito emprendedor dos mozos e mozas, combinando o talento de universitarios
de diferentes nacionalidades cun obxectivo común: dar forma a un proxecto
emprendedor e presentalo en Spin2016, na Cidade da Cultura de Galicia, ante
máis de 2.000 asistentes do mundo da universidade, os negocios, a ciencia e a
cultura.
Os participantes percorrerán durante catro días os
últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago, acompañados de expertos e
mentores que lles brindarán apoio á hora de desenvolver as súas ideas de
negocio. Unha auténtica aventura emprendedora coa que porán a proba as súas
capacidades e vivirán unha experiencia internacional seguindo unha das rutas de
peregrinación máis importantes de Europa e do mundo. Só no ano 2015 máis de
260.000 persoas de 179 nacionalidades fixeron o Camiño a Santiago de
Compostela.
Os universitarios interesados en formar parte de The Spin
Way teñen ata o día 12 de xullo para inscribirse a través do formulario
dispoñible na web http://www.spin2016.org/thespinway.
Serán seleccionados un máximo de 30, que terán todos os gastos pagos durante a
súa participación no programa. Ademais, os universitarios de América Latina e
do Caribe que teñan que vir a España contarán cunha axuda de 500 euros para a
súa viaxe.
Os estudantes seleccionados en The Spin Way poderán
formar parte tamén dunha delegación de 22 mozos e mozas, representantes de
todos os países da rexión iberoamericana, que traballarán na elaboración do
manifesto ‘Iberoamérica Emprende desde a Universidade’, iniciativa coordinada
pola Fundación Cotec.
A meta: Spin2016
Xa en Spin2016, os trinta seleccionados terán a
oportunidade de presentar os proxectos resultado da súa experiencia. Do 29 de
setembro ao 1 de outubro, Spin2016 reunirá en Compostela un completo programa
que inclúe conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios, networking...
ademais dun un foro de investimento para startups e spin-off con xen
universitario e premios para os mellores proxectos emprendedores.
Un evento que converterá a Cidade da Cultura de Galicia
no epicentro do talento emprendedor da Universidade, e que conta co compromiso
de RedEmprendia –a rede iberoamericana das universidades emprendedoras-, a
Xunta de Galicia, a USC, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Banco
Santander, a través de Santander Universidades.
Nesta edición Spin2016 mobilizou tamén as universidades
de Vigo e A Coruña e as 28 universidades de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia,
España, México, Portugal e Perú que forman parte de RedEmprendia. O evento ten
ademais o patrocinio de entidades e empresas como a Fundación EY, Google, Indra
ou Iberia, e a colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e
privadas.
Sobre RedEmprendia
RedEmprendia (www.redemprendia.org)
é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para apoiar a
creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento
xerado na Universidade. Integrada por 28 universidades de 8 países, ten a Banco
Santander, a través de Santander Universidades, e a Universia como aliados
estratéxicos para desenvolver a súas iniciativas. Entre as actividades de
RedEmprendia sobresae especialmente o evento Spin2016, o encontro máis
importante dedicado ao emprendemento universitario, e BoosterWE, programa de
bolsas internacionais para mellorar as competencias en liderado e xestión
empresarial dos novos emprendedores, realizado co apoio do Fondo Multilateral
de Inversiones do Banco Interamericano de Desarrollo (FOMIN-BID).
Ningún comentario:
Publicar un comentario