
Silleda, 02/07/2016 - O Concello de Silleda rematou as
obras de construción da caseta que albergará os depósitos veciñais de auga do lugar de A Laxe, na parroquia de
Oleiros.
Esta obra, que viñan demandando dende hai tempo os
veciños residentes da localidade, iniciouse
fai agora case un ano, coa escavación pertinente para a realización da
base e onde se asentarán as novas dotacións, que darán servizo a 12 vivendas.
“O lugar onde se atopaban os vellos depósitos estaba moi
deteriorado, por iso se facía necesario realizar esta nova construción para que
os veciños dispuxesen dun lugar axeitado no que albergar esta instalación de
auga potable”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Estas pasadas semanas os operarios municipais do
departamento de Obras e Servizos remataron de levantar a caseta onde se
ubicarán os depósitos, que aportarán os veciños, “co que terán un servizo para
o seu consumo en mellores condicións”, engade Cuiña.
O alcalde, Manuel Cuíña, e o concelleiro de Obras e
Servizos, Klaus Brey, xunto con numerosos veciños da parroquia, visitaron as
novas instalacións cunhas dimensións moito maiores que as anteriores.
Esta actuación súmase a outras obras realizadas nos
últimos meses en distintos puntos do rural para mellorar a dotación dun servizo
tan básico como a traída de augas.
Así dende o goberno local
de Silleda lémbrase que ademais de estender a rede da traída municipal a
localidades próximas aos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira, “unha liña
que queremos continuar con novas iniciativas”, tamén se colaborou cos veciños na mellora de distintas
conducións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario