Teo,
01/07/2016 - O Concello de Teo rexeita
os novos recortes de horario no servizo de transporte metropolitano na liña
entre Pontevea e Santiago, tanto o que a empresa pretende aplicar
unilateralmente nunha expedición de tarde como a supresión de dúas frecuencias
autorizada pola Xunta de Galicia os sábados pola mañá.
Ademais,
tamén se comunica que si se aprobou por parte da administración autonómica a
eliminación de dúas frecuencias os sábados pola mañá. Deste xeito, os servizos
que ata agora saen desde Pontevea ás 8:50 horas e ás 10:20 horas unifícanse nun
só ás 9:20 horas. E á vez suprímese o que sae desde a estación de Santiago ás
9:15 horas. Este cambio efectúase mediante unha autorización de contrato o ano
pasado, se ben para o Concello resultou visible agora ao recibir a notificación
expresa.
A concelleira
de Transportes de Teo, Conchi García, asegura que a supresión da frecuencia de
tarde “sería contraria ao contido da harmonización do corredor
Pontevea-Santiago aprobada pola Dirección Xeral de Mobilidade”. E os recortes
no servizo do sábado “contrastan co plan de optimización que desde o Concello
presentamos en Mobilidade o pasado 29 de abril, solicitando o aumento no número
de expedicións na fin de semana e o aumento da franxa horaria na que se presta
o servizo durante os días laborais, entre outras melloras”.
García
explica ademais que as melloras propostas polo Concello e proxectos como a
posta en marcha da liña circular interior no municipio están supeditadas a que
se solucione a situación actual dos contratos de transporte, vencidos tras unha
sentenza do Tribunal Supremo que invalidou a prórroga de numerosas concesións
de transporte en autobús. “Esta situación administrativa non permite as
modificacións dos servizos para a súa mellora, pero tampouco para a súa
deterioración”, argumenta a concelleira de Teo.
Tanto o
recorte que quere introducir a empresa como o autorizado pola Xunta supoñen un
considerable prexuízo para a poboación do corredor da AC-841, con núcleos tan
importantes como os da Ramallosa, Cacheiras ou Montouto. O Concello de Teo insistirá
en defender o aumento de expedicións nun servizo que considera necesario para
garantir a mobilidade da poboación, en especial das persoas que o precisan para
a súa actividade laboral.
Horarios de verán
Por outra
parte, desde hoxe, 1 de xullo, ata o 31 de agosto, a liña entre Pontevea e a
estación de Santiago deixa de prestar os servizos considerados lectivos no
cadro de harmonización da Xunta aprobado a finais de 2014. Por iso, suspéndense
temporalmente as expedicións que saen de Pontevea ás 7:45, ás 17:00 e ás 20:30
horas, así como as que saen de Santiago ás 13:30 e ás 21.15 horas. Estes
servizos estarán de novo operativos o 1 de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario