Amosando publicacións coa etiqueta FEGAMP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FEGAMP. Amosar todas as publicacións

Brión - José Luis García representará a FEGAMP na Comisión de Urbanismo de Galicia

O alcalde de Brión, José Luís García, será o representante titular da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia. Así llo comunicou esta maña o secretario xeral da FEGAMP, Eduardo Ramonde Rodríguez, quen indicou que a designación se realiza a proposta do grupo político socialista. 

Así mesmo, José Luís García foi elixido onte luns como deputado provincial do PSOE polo partido xudicial de Compostela. Uns nomeamentos que García asume “con toda humildade” e co obxectivo de “traballar con lealdade para os veciños e veciñas de todos os municipios, independentemente da súa cor política”. Neste sentido, augura que “será unha lexislatura na que haberá que gobernar con outros grupos políticos, polo que espero que a miña experiencia a nivel municipal poida ser útil á hora de chegar a acordos”.

Xunta - Colaboración coa Fegamp para respostar os afectados por execucións hipotecarias

O Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaron hoxe poñer en marcha medidas para axilizar a resposta aos afectados por procedementos de execución hipotecaria a través dos distintos programas públicos de vivenda.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde unha reunión de traballo co presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, e cos voceiros da entidade para abordar a nova Lei do Solo e o Plan rehaVIta, o primeiro plan autonómico de vivenda.

Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos iniciada onte co Valedor do Pobo, para achegar a institucións e colectivos sociais a información necesaria para que colaboren na difusión dos programas públicos de vivenda e poder así chegar ao maior número de persoas posible.

A conselleira trasladou á Fegamp as medidas que se recollen no Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020, Plan rehaVIta, para facilitar o acceso á vivenda ás familias que máis o necesitan. 

En concreto, durante a reunión a conselleira detallou o programa de apoio a situacións de emerxencia residencial, orientado a ofrecer solucións a situacións de imposibilidade de acceso a unha vivenda. Instruméntase a través do programa de realoxos xa existente para afectados por execucións hipotecarias, ou de medidas novidosas como o Bono Alugueiro, de apoio urxente para familias que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda. As situacións de necesidade serán avaliadas polos concellos, como entidades máis próximas ao cidadán. 

Este programa inclúe tamén unha liña de axudas para a reparación de infravivendas rurais en concellos de menos de 5.000 habitantes. Dirixidas a persoas do ámbito rural sen recursos e que posúen unha vivenda que non dispón das condicións mínimas de habitabilidade ou están en situación de semirruína. 

Durante a reunión a conselleira sinalou que a implicación dos concellos é fundamental para o funcionamento eficaz de medidas como o Bono Alugueiro, o programa de vivendas baleiras ou as axudas para reparacións de infravivendas rurais.

Reforzo da autonomía local en materia urbanística

Durante a xuntanza, a conselleira trasladoulle tamén á Fegamp que a nova Lei do solo incorporará todas as achegas dos concellos ao anteproxecto que son compatibles coa lexislación estatal, co obxectivo de reforzar a súa aposta pola autonomía local en materia urbanística.

Ethel Vázquez e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladaron aos representantes da Fegamp o resultado da análise das achegas da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tal e como explicaron, a Xunta acordou incorporar a necesidade de que os concellos implicados na elaboración ben do plan básico autonómico ou ben dos plans básicos municipais –que a Xunta elaborará para os municipios cunha poboación inferior a 5.000 habitantes que carezan de planeamento municipal- emitan un informe determinante no trámite de información pública dos plans. 

Tamén á suxerencia da Fegamp, o anteproxecto suprime a delimitación obrigatoria dos núcleos rurais tradicionais como máximo a 50 metros das edificacións tradicionais existentes. Na liña do incremento da autonomía municipal, facúltase ao concello a realizar un estudo pormenorizado do modelo de asentamento atendendo a criterios de consolidación edificatoria para fixar a delimitación do núcleo.

Outro dos aspectos incorporados ao anteproxecto da Lei do Solo ten que ver coa ampliación das edificacións tradicionais (as de máis de 40 anos) existentes en núcleo rural ata nun 50%, aumentando así unha posibilidade restrinxida ata o de agora ao solo rústico. En concreto a lei permitirá a rehabilitación, reconstrución e por razóns xustificadas a ampliación ata o 50% sempre que non se desvirtúe a tipoloxía e se adapte á contorna preexistente e se destine a usos residenciais, terciarios, produtivos, actividades turísticas, artesanais, pequenos talleres e equipamentos. 

Nas súas achegas, a Fegamp tamén fai unha especial énfase na necesaria axilización da tramitación, un aspecto que o anteproxecto soluciona coa unificación da petición dos informes sectoriais autonómicos, que se deben emitir nun prazo de 3 meses, operando o silencio administrativo. Estes informes serán recabados pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Ademais, a nova lei integra a tramitación ambiental na urbanística, facendo un importante esforzo na simplificación do trámite.

Actualmente, o anteproxecto da Lei do Solo atópanse recibindo os diferentes informes solicitados, previos á súa aprobación como Proxecto de Lei polo Consello da Xunta nos vindeiros meses. 

Silleda - O concello estará na directiva dos concellos con interés turístico

Silleda estará no comité de dirección dos Concellos con Intereses Turísticos da Fegamp
-A sesión constitutiva desta sección tivo lugar onte

O Concello de Silleda formará parte do comité de dirección dos Concellos con Intereses Turísticos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O alcalde, Manuel Cuíña, asistiu hoxe en Santiago á sesión constitutiva desta sección do organismo, na que se aprobaron as normas de funcionamento, entre outros.

Na directiva, ademais de Silleda, figuran os municipios de Ourense, Oroso, Rianxo, Cambados, Verín, Sober, Melide e Allariz. 

O Concello de Silleda acordou integrarse nesta sección o pasado mes de marzo, propoñendo ademais que á hora de crear subseccións se tiveran en conta monumentos declados como Bens Culturais, ou de outras catalagacións superiores.

Silleda conta xa con tres festas de interese turístico galego: Empanada da Bandeira, Tortilla de Laro e o Entroido do Ulla, ademais de importantes monumentos coma o Mosteiro de Carboeiro, declarado Ben de Interese Cultural dende 1931 ou a Fervenza do Toxa. 

Festur

Por outra banda, Silleda estará presente na 37 Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que comeza hoxe con varias destas celebracións. Así, participa na sección Festur, de Festas de Interese Turístico, con unha haima no paseo central do recinto, na que se promocionarán distintos aspectos turísticos do municipio, ademais das oito celebracións gastronómicas. Así, ademais das dúas declaradas de interese turístico-a Festa da Empanada da Bandeira e a Romaría da Tortilla de Laro- tamén se publicitarán a Festa da Paella de Cortegada, a Festa do Lacón de Silleda, Romaría da Rosquilla de Abades, Festa do Chourizo ao Viño de Ponte, Festa dos Callos de Ansemil-Martixe e Festa da Castaña de Breixa. Ademais, vanse ofertar degustacións dalgúns destes produtos embaixadores de Trasdeza. 

Así mesmo, Silleda tamén estará presente no stand compartido dos Museos do Rural, con Carboeiro e a promoción da mostra “Silleda no Seculo XIX” como principais reclamos.

Brión - o concelleiro José Cambón representante suplente na FEGAMP

A FEGAMP NOMEA AO CONCELLEIRO JOSÉ CAMBÓN FERNÁNDEZ COMO REPRESENTANTE SUPLENTE NO COMITÉ TERRITORIAL DE EMPREGO (SANTIAGO-ORDES)

Fondo Galego de cooperación + Fegamp – comisión permanente de relacións exteriores

O Fondo Galego e a Fegamp reforzan a súa colaboración a prol da cooperación internacional

- A asemblea da Federación de Municipios e Provincias aprobou por unanimidade unha resolución para promover a solidariedade do municipalismo pese á crise

- No seo da Fegamp crearase unha Comisión Permanente de Relacións Exteriores onde o Fondo Galego de Cooperación terá un papel protagónico

Illa de San Simón, 29 de novembro de 2011. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais a Federación Galega de Municipios e Provincias reforzarán os seus lazos de colaboración a prol da solidariedade internacional. A asemblea xeral da Fegamp aprobou por unanimidade a pasada fin de semana unha proposta de resolución neste sentido que foi presentada pola presidenta do Fondo, Teresa París, e que recibiu unha exitosa acollida por parte dos asistentes.

Perante o novo ciclo dos gobernos locais, o texto aprobado propoñía a creación, no seo da Fegamp, dunha Comisión Permanente de Relacións Exteriores na que o Fondo Galego teña un papel protagónico, inseríndose dentro da propia vida institucional da Federación, como auténtica axencia para a cooperación internacional das entidades locais galegas. Ademais das catro Deputacións, na actualidade son socios do Fondo 94 Concellos, que representan máis do 70% da poboación galega.

Esta rede cumprirá en 2012 quince anos de traballo conxunto fronte aos inxustos desequilibrios da realidade internacional, tanto apoiando procesos de desenvolvemento nos países do Sur como promovendo actividades de sensibilización entre a cidadanía do Norte. Proponse agora consolidar este proxecto, exemplo de traballo cooperativo superador das diverxencias, axuntando esforzos e sen que o contexto de crise supoña dar pasos atrás.

O Fondo Galego aposta por enraizar a capacidade de traballo conxunta coa Fegamp, que segundo recolle a resolución presentada debe sentir como propio o éxito desta experiencia en rede solidaria, asimilando e estimulando o sentido da cooperación xerada ata o momento. O obxectivo é xerar sinerxías favorecedoras do compromiso solidario e do municipalismo galego.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití e mantén aberta unha conta de emerxencia para contribuír a paliar a crise alimentaria no Corno de África.

Silleda - Paula Fernández Pena formará parte da comisión executiva da Fegamp

Paula Fernández Pena formará parte da comisión executiva da Fegamp

A alcaldesa de Silleda foi tamén a vicepresidenta nunha das ponencias da oitava asamblea da federación celebrada hoxe en Santiago

Silleda, 26 de novembro de 2011. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, formará parte da executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A rexedora socialista resultou elexida xunto con outros alcaldes galegos na sesión celebrada esta tarde no Pazo de Congresos de Santiago, no marco da oitava asamblea da Fegamp.

Ademais, Paula Fernández exerceu como vicepresidenta nunha dos relatorios que formaron parte da xuntanza, concretamente na de Cohesión e Ordenación Territorial. Baixo o título “Por un novo marco normativo en materia de ordenación do territorio e do urbanismo”, nesta sesión abordaron cuestións relacionadas sobre todo co urbanismo, ademais doutros asuntos coma o o transporte ou o medio ambiente como factor de sostibilidade.