Brión – XV festival de títeres

O FESTIVAL DE TÍTERES DE BRIÓN CELEBRA O SEU QUINCE ANIVERSARIO CON TRES SESIÓNS GRATUÍTAS PARA OS MÁIS PEQUENOS DA CASA

Este ano participarán os arxentinos El Abrojito e os galegos Títeres Cachirulo e A Xanela do Maxín

27 de decembro de 2011.- O Festival de Títeres de Brión cumpre o seu decimoquinto aniversario manténdose fiel á súa filosofía inicial: difundir o teatro de marionetas que se fai en Galicia e fóra dela para divertir a toda a familia. Consolidado como un dos eventos máis agardados da programación cultural do Nadal brionés, este ano participarán dúas compañías galegas (Títeres Cachirulo e A Xanela do Maxín) e unha arxentina (El Abrojito).

As tres actuacións do festival de monicreques terán lugar no centro social polivalente os días 2, 3 e 4 de xaneiro. Cunha duración aproximada de 50 minutos, todas elas celebraranse ás 17:30 horas e a entrada, como sempre, será libre e de balde.

Así, o luns 2 de xaneiro os composteláns Títeres Cachirulo contarannos “A historia do apalpador”, un personaxe do Nadal galego que coñeceremos un pouco máis grazas aos monicreques deste popular grupo. O martes 3, a compañía El Abrojito, emocionaranos coa historia de “El lobo Rodrigo”, unha representación que achega a Brión o teatro de títeres que se fai na Arxentina. Finalmente, o mércores 4 de xaneiro os galegos de A Xanela do Maxín pecharán o festival coa representación de “A pequena lúa”.

Ningún comentario: