Brión – títeres Cachirulo este luns no destival

TÍTERES CACHIRULO ABRE ESTE LUNS O XV FESTIVAL DE TÍTERES DE BRIÓN

A actuación terá lugar ás 17:30 horas no centro social polivalente

30 de decembro de 2011.- Títeres Cachirulo abrirá este luns 2 de xaneiro a decimoquinta edición do Festival de Títeres de Brión. A compañía compostelán representará “A historia do apalpador” no centro social polivalente de Pedrouzos ás 17:30 horas. A representación está recomendade especialmente para os máis pequenos e terá unha duración de 50 minutos. A entrada é libre e de balde.

“A historia do apalpador” narra as aventuras desta personaxe da tradición popular galega nado no Courel e que está ligado ás festas do Nadal. Trátase dun pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira. Durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolle mel e fai aparecer, coas pólas dos bosques e fragas, os xoguetes que as madeiras agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos casa por casa e déixalles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.

O martes 3, a compañía El Abrojito, emocionaranos coa historia de “El lobo Rodrigo”, unha representación que achega a Brión o teatro de títeres que se fai na Arxentina. Finalmente, o mércores 4 de xaneiro os galegos de A Xanela do Maxín pecharán o festival coa representación de “A pequena lúa”.

Ningún comentario: