Frades – éxito de participación nas actividades dos locáis sociais

UN TOTAL DE 135 VECIÑOS E VECIÑAS DE FRADES PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES DE OCIO GRATUITAS ORGANIZADAS NOS LOCAIS SOCIAIS DAS PARROQUIAS

O Concello de Frades ofreceu dúas actividades a elixir: manualidades ou ximnasia a través do xogo

28 decembro de 2011.- Un total de 135 veciños e veciñas de Frades participaron durante os últimos tres meses nunha serie de actividades de ocio gratuítas programadas polo Concello de Frades nos locais sociais das distintas parroquias. Unha iniciativa organizada polo Concello de Frades para poñer en valor estes centros de ocio como lugar de encontro da veciñanza de cada parroquia e logo dos traballos de rehabilitación e dotación de mobiliario realizados durante os anos 2010 e 2011 nestes centros de ocio, que supuxeron un investimento de máis de 100.000 euros.

Así, o Concello de Frades deu a elixir aos veciños e veciñas de cada parroquia entre ximnasia de mantemento a través do xogo ou manualidades. Así, 75 veciños optaron pola ximnasia mentres que 45 veciños elixiron as manualidades (os 15 participantes de Gafoi escolleron unha solución intermedia, de xeito que unha semana tiñan manualidades e outra ximnasia).

Aparellos de ximnasia

Deste xeito, os veciños de Mesos, Papucín, Aiazo, Moar e Céltigos asistiron a unha serie de clases de ximnasia de mantemento, nas que a súa monitora tirou de inxenio para que o tomaran como un xogo e utilizaran as máquinas de ximnasia que o Concello de Frades instalou en todos os locais sociais do municipio. Cintas andadoras e bicicletas estáticas “cuxa utilización é moi beneficiosa para a saúde dos nosos veciños, en especial dos maís maiores, polo que estas actividades serviron tamén para fomentar a súa utilización”, apunta o alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño.

Pola súa banda, os 45 veciños de Vitre, Ledoira e do centro da terceira idade de Pontecarreira ocuparon as tardes dos últimos tres meses na realización de todo tipo de manualidades, dende a pintura ata a decoración en vidro.

Ningún comentario: