O programa de Nadal de Silleda continúa mañá coa sesión de contacontos e as festas de fin de ano para nenos e maiores
Silleda, 29 de decembro de 2011. A programación de Nadal do Concello de Silleda continúa mañá venres día 30 con outra intensa xornada de actividades. Na bibilioteca municipal Daniel Castelao dará comezo ás 16.00 horas o espectáculo de narración oral que leva por título Burromaquia, a cargo de Inacio Contacontos, da compañía Fantoches BAJ. Cunha selección de cancións, poemas, fábulas e contos fálaselle ao público infantil do burro, un animal entrañable, dende unha perspectiva simpática, facendo partícipes das historias aos cativos e cativas, que descubrirán a este animal a tra´ves da figura do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas. O espectáculo está indicado para nenos/as a partir dos 5 anos.
Logo, ás 17.00 horas, séguello o ciclo de cine infantil no centro Vista Alegre da Bandeira. E a partir das 17.30 horas terá lugar na Casa da Xuventude de Silleda a festa de fin de ano infantil, con animación, talleres de maquillaxe, cotillón, e outras moitas actividades que veñen sendo habituais nos últimos anos nesta cita para os máis cativos.
Por último, ás 20.00 horas, tocaralle o turno aos maiores, que tamén veñen adiantandose ás badaladas de Noitevella e ás uvas o día 30 de decembro. A cita será no Centro Social con música, baile e cotillón para despedir o 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario