PROTECCIÓN CIVIL DE TEO REALIZARÁ UNHA CABALGATA SOLIDARIA QUE VISITARÁ AS RESIDENCIAS DO CONCELLO
· Esta actividade organízase por segundo ano consecutivo e conta coa colaboración do departamento de Servizos Sociais
· A “comitiva real” visitará un total de seis centros e a case 300 persoas
30 de decembro de 2011. O servizo de Protección Civil de Teo organiza unha cabalgata de reis solidaria, en colaboración co departamento de Servizos Sociais, que visitará na tarde do 5 de xaneiro as residencias da terceira idade do Concello e o centro de día de Aspamite. En paralelo a esta realizarase a cabalgata para os máis pequenos que visitará tamén varias zonas de Teo para rematar no pavillón Ezequiel Mosquera.
A cabalgata solidaria organízase por segundo ano consecutivo e nela están implicados sobre todo Protección Civil e Benestar. Durante a tarde do 5 de xaneiro, dende as 16:00 horas a “comitiva real” visitará o centro de día de Aspamite, a residencia O Castro, a residencia de Pontevea, a residencia Os Arcángeles, a residencia San Simón e o complexo residencial Victoria. En total case 300 persoas desfrutarán da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar nesa máxica tarde.
Aínda que a tarde de reis se reserva como unha tarde de ilusión para os máis pequenos dende o Concello de Teo acordouse que o colectivo das persoas maiores que viven en residencias agradecen e necesitan estes xestos. Cabe destacar tamén a colaboración que se ten amosado dende os centros residenciais con esta iniciativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario