Remata a primeira fase do programa Aurora para a inserción laboral das mulleres rurais
-O módulo de motivación abriu en novembro a iniciativa promovida polo Concello e o Instituto da Muller, coa participación dun total de 24 veciñas do municipio
-Xa se chegou a acordo cunha empresa para dar formación específica a algunha das participantes que podería ser contratada es estase a negociar con outra
Silleda, 25 de decembro de 2011. A primeira fase do programa Aurora, para a empregabilidade das mulleres do rural, vén de rematar en Silleda cun notable éxito. Esta primeira etapa do ciclo, que continuará ao longo do vindeiro ano 2012, comezou o pasado mes de novembro coa impartición do chamado módulo de motivación, que perseguía entre outros obxectivos, mellorar a autoestima das participantes.
En total, foron seleccionadas 24 veciñas de distintas localidades do municipio silledense. O ciclo, impartido pola Federación de Mulleres Rurais (Fademur), utilizou nesta primeira fase unha metodoloxía participativa e dinámica, fuxindo de sesións puramente teóricas, e utilizando ferramentas coma as novas tecnoloxías. A alta participación e implicación das alumnas é un dos puntos a destacar neste primeiro nivel.
En canto ao perfil das usuarias do programa Aurora, que chega logo do convenio entre o Concello de Silleda e o Instituto da Muller, das 24 participantes, 7 teñen entre 26 e 35 anos; outras 5 son menores de 25; 5 teñen entre 36 e 45; 4 entre 45 e 54 e hai só 3 maiores de 54 anos. Así mesmo, en canto á formación, nove das participantes teñen títulos de educación de educación secundaria; 6 contan só co graduado escolar e só 3 con estudios universitarios. Sete das 24 levan máis de dous anos en situación de desemprego; outras 5 entre 1 e 2 anos; tamén hai 7 das participantes que levan menos dun ano; outras dúas que son paradas de longa duración, e 3 sen ningunha experiencia laboral. Outro dato significativo é que a maioría das usuarias do programa (20 das 24) están adicadas á vida familiar, sendo a súa principal actividade o coidado e a atención do fogar e de familiares que non reciben remuneración. Para a selección das participantes, dende o Concello recurriuse á bolsa municipal de emprego, do programa Silleda Emprega, buscando o perfil prioritario do programa: residentes no rural e sen unha formación específica.
A iniciativa, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, busca mellorar o acceso da poboación feminina mercado laboral a través da participación das mulleres en itinerarios mixtos (de formación e emprego), deseñados tendo en conta as necesidades das participantes no proxecto. Outra das premisas pasa por ofrecer unha formación ocupacional que se adecue ás novas demandas do mercado de traballo. Así mesmo, preténdese fomentar o traballo individual e en grupo, con asesoramento e formación.
Formación específica e convenios con empresas
Nos novos módulos do programa Aurora, que se impartirán ao longo do vindeiro ano 2012, as participantes recibirán unha formación adaptada ás necesidades laborais no municipio e na comarca do Deza, establecendo tamén conexión coas empresas.
De feito, xa se conseguiu pechar un convenio coa firma Agapel Pelting para a formación dalgunha das traballadoras, que adquirirían coñecementos propios para desenvolver o traballo nesta industria co apoio dos monitores do programa Aurora. Tamén se está a tramitar nestes momentos outro convenio cunha empresa de atención xerontolóxica, para a atención a domicilio de maiores e dependentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario