Ames – aprobación de contas e axenda

O Concello de Ames logra o obxectivo de render e aprobar a Conta do 2010 dentro do exercicio 2011

A rendición da Conta do 2010 dentro do ano permitirá cumprir os prazos legais de cara a próximos exercicios

Dende o ano 2002 O Concello de Ames non cumpre os prazos legais á hora de ter as contas ao día

É imprescindible o cumprimento destes prazos para recibir subvencións e para facer orzamentos axustados á realidade

Ames, 26 de decembro de 2011. O Concello de Ames aprobou no pasado pleno extraordinario a conta xeral do 2010 o que implica que de cara ao próximo ano este Concello estará en condicións de render as contas dentro dos prazos legais, algo que non acontece dende o ano 2002. A importancia de traballar dentro das datas da lei neste campo é vital para a economía municipal, principalmente porque é condición indispensable para recibir subvencións por parte da Xunta de Galicia e porque permite un coñecemento actualizado do funcionamento do Concello para facer un orzamento adecuado á realidade municipal. No caso de Ames, por ser este un concello moi dinámico demográfica e socialmente o feito de que os presupostos municipais se axusten á realidade ten moita importancia.

O Concello rendeu a conta por primeira vez dende o 2002 dentro do ano. Trátase dunha boa noticia que evidencia o gran traballo que nos últimos meses fixeron os traballadores municipais do departamento económico e pola cal o actual goberno, que dirixe Santiago Amor, se felicita. O alcalde afirma que “este é o primeiro paso para poñer en orde as contas do concello e para recuperar a senda da recuperación económica”.

Coa aprobación da conta xeral de 2010 dáse cumprimento á obriga de presentar as contas antes de final de ano. O Consello de Contas establece unha tripla distinción no tocante ao cumprimento do deber de rendición por parte das entidades locais. A primeira opción refírese ás entidades que cumpriron co prazo legal do 15 de outubro; o segundo refírese ao das que remitiron a Conta dentro do exercicio correspondente, e o terceiro e último ao das que o fixeron nun ano diferente. Neste caso o Concello de Ames estaría incluído no grupo de concellos que remiten as contas dentro do exercicio correspondente.

A liquidación desta conta amosa datos pouco optimistas, o remanente de tesourería é de -916.310,68 euros. O remanente ven sendo negativo dende o ano 2008, cando as cifras foron de -428-871euros, en 2009 o remanente negativo ascendeu a -639.625,75euros. Polo tanto, é o terceiro ano consecutivo que o remanente é negativo e amosa ademais un crecemento “desorbitado”. A conta tamén amosa un resultado orzamentario de números vermellos que ascenden a -198.291,88 euros. Santiago Amor asegura que "é moi importante cumprir o obxectivo de render a conta dentro deste exercicio. Ademais agora as administracións públicas están esixindo que as contas estean ao día para poder solicitar axudas e subvencións. Deste xeito o Concello de Ames poderá solicitar subvencións á Xunta de Galicia durante o ano 2012 e estaremos en condicións de facer uns orzamentos axustados á realidade e responsables".

O alcalde amiense tamén explica que “ter un remanente negativo de Tesoureiría desta magnitude leva consigo tomar medidas difíciles e urxentes como consecuencia da xestión dos últimos anos”. “Outro factor a ter en conta neste exercicio 2010 é o Resultado Orzamentario negativo, o cruce entre os ingresos e os gastos, que manifesta un marcado desequilibrio por primeira vez este ano e fai pensar que o resultado do ano 2011 entre estas dúas magnitudes poida ser aínda peor” afirma.

Santiago Amor, alcalde e delegado da área económica do Concello de Ames, explica que a inestabilidade que amosa o orzamento do ano 2010 obriga a elaboración dun Plan de Equilibrio Financeiro “se queremos saír da situación que ten o Concello”.

Este semana proxéctanse os filmes Sinbad e Cars 2

O Concello de Ames ten preparada unha ampla programación cultural para o mes de decembro. Dentro desta programación atópase o ciclo de cine que inclúe a proxección de dous filmes nas Casa da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. O martes 27 de decembro, ás 20:00 horas, proxectarase a película Sinbad no auditorio do centro sociocultural do Milladoiro, unha película está baseada na obra de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad vólvese á illas. Este filme está dirixido aos nenos e nenas maiores de 12 anos. O día seguinte, o mércores 28 de decembro, ás 17:00 horas, proxectarase a película Cars 2 no auditorio do Centro Sociocultural de Bertamiráns. Este filme está dirixido ao público infantil.

O Concello de Ames ten preparadas diferentes actividades culturais e lúdicas para a última semana do ano. Entre as actividades que se encadran dentro da programación de Nadal atópase un pequeno ciclo de cine dirixido á mocidade amiense. O martes 27 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas, proxectarase a película Se o vello Sinbad vólvese ás illas, mentres que o mércores 28, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, poderase ver o filme Cars 2.

Este ano estase celebrando o centenario do nacemento do insigne autor mindoniense Álvaro Cunqueiro Mora (22 de decembro de 1911). Álvaro Cunqueiro establece nas súas obras unha constante ósmose entre realismo e fantasía, difumina os límites entre a realidade e o soño, permitindo a irrupción do extraordinario. Así, recrea de xeito lúdico, pero con recursos narrativos de tipo realista, os vellos mitos, como sucede na obra Se o vello Sinbad vólvese ás illas. Aproveitando a celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro, o Concello de Ames proxectara este martes a película que esta baseada na obra do autor mindoniense. Este filme de produción galega está dirixido aos nenos e nenas maiores de 12 anos.

En Se o vello Sinbad vólvese ás illas (1961) preséntanos ao coñecido navegante das Mil e unha noites retirado en Bolanda, a súa terra natal. Polas mañás coida a súa pequena horta e pasea polo peirao. Durante ás tardes frecuenta as tertulias da fonda de Mansur, onde refire as prodixiosas aventuras pasadas. Sospeitando que os oíntes non dan creto aos seus relatos, decide volver embarcar para retomar a súa vida aventureira. A partir de aí, Sinbad enrédase no novelo dos seus soños, ata entón diferenciados da realidade, e sucumbe finalmente perdendo a súa fama, a súa capacidade fabuladora e a vista.

A produtora Ficción Producciones foi a encargada de realizar esta longametraxe, que estivo dirixida por Antón Dobao. Xosé Manuel Olveira Pico, foi o actor que dou vida ó personaxe de Sinbad, e Segundo Grandío encargouse de compoñer a banda sonora do filme.

Cine infantil

Para o mércores 28 de decembro queda a película Cars 2. Este filme está dirixido ao público infantil e proxectarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas. Cars 2 é unha película de animación americana producida por Pixar no ano 2011. A historia que narra o filme pódese resumir en que Rayo McQueen e o seu amigo, a grúa Mate, viaxan ao estranxeiro para participar no primeiro Campionato Mundial no que se decidirá cal é o coche máis rápido do planeta. A primeira escala é Toquio (Xapón), onde Mate terá que converterse nun espía secreto ao verse inmerso inesperadamente nun caso de espionaxe internacional, que o levará a París e a Londres. Tamén vivirán unha aventura de proporcións épicas ao viaxar a Porto Corsa (Italia), para disputar o Campionato. Porén, os dous terán que renunciar aos praceres da Ribeira italiana -iates, praias e gastronomía italiana- xa que Mate está moi ocupado coa súa labor de espía, mentres que McQueen compite contra os mellores coches do mundo.

Ningún comentario: