BNG Frades – pleno extraordinario sobre as deficiencias sanitarias

O BNG CONSIGUE A CELEBRACIÓN DUN PLENO EXTRAORDINARIO EN FRADES PARA TRATAR AS DEFICIENCIAS DE ASISTENCIA SANITARIA NO CONCELLO

Os nacionalistas proporán que se inste á Xunta a que se cumpra coa prestación do servizo de asistencia sanitaria de pediatría

O portavoz do BNG de Frades, Xosé María Pérez Lagos, anunciou que este venres, ás 14:00, terá lugar un Pleno Extraordinario no Concello de Frades, a petición do Grupo Municipal do BNG, no que se tratarán duas mocións dos nacionalistas, para instar á Xunta a que se cumpra coa prestación da asistencia sanitaria de pediatría e resolver os problemas dos recortes en asistencia sanitaria para os parados de longa duración.

Xosé María Pérez salientou que “o Centro Médico da Pontecarreira ten asignada a prestación do servizo de asistencia e consulta médica de pediatría durante duas horas á semana, mais na prática este servizo non se está a prestar e estase a remitir aos pacientes de pediatría ao PAC de Ordes, o que está a provocar un grave perxuizo aos veciños do noso concello”.

Os nacionalistas proporán que a Corporación Municipal de Frades inste á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a realizar de xeito inmediato as xestións que sexan necesarias para restablecer o servizo de asistencia e consulta médica de pediatría no Centro Médico da Pontecarreira, e a ampliar o horario de consulta médica de pediatría a 4 horas semanais.

Ningún comentario: