Convocado un pleno extraordinario para aprobar a modificación puntual do PXOM relativa ao recinto feiral Semana Verde VER INFORME
-O Concello recibiu hoxe luns o informe da Xunta, que decidiu non someter os cambios a avaliación ambiental estratégica
Silleda, 26 de decembro de 2011. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, vén de convocar hoxe un pleno extraordinario para o vindeiro xoves día 29, ás 12.00 horas, para someter a aprobación provisional a modificación puntual do PXOM que permitirá ampliar os usos no recinto feiral da Semana Verde.
O Concello de Silleda aínda recibiu hoxe mesmo o informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras no que se decide non someter os cambios urbanísticos á avaliación ambiental estratéxica, tal e como viña mantendo o goberno municipal silledense.
Logo de pasar polo pleno, esta modificación do plan urbanístico, que permitiría flexibilizar os usos do recinto feiral silledense permitindo a instalacións de industrias complementarias da actividade terciaria, entre elas a da firma Agapel Pelting S.L, someterase a exposición pública antes do visto bo definitivo, que corresponde de novo ao pleno da Corporación.
De forma paralela, e tal e como se informou en días anteriores, os servizos urbanísticos municipais están a tramitar a licenza da firma peleteira.
Conta xeral do 2010
O outro punto da orde do día da sesión extraordinaria é a aprobación definitiva da conta xeral do exercicio 2010. O documento foi abordado en comisión informativa de Facenda e como xa se explicou o pasado mes de agosto amosa datos irreais, xa que non se contemplaron facturas sen pagar por valor de 720.000 euros. Con este último trámite o Concello de Silleda dará cumprimento as esixencias legais de presentar os resultados económicos municipais “pese aos prazos axustados, xa que cando chegamos ao goberno no pasado mes de xuño non se iniciara ningún trámite de cara a aprobación das contas do exercicio 2010”, engade a rexidora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario