BNG Ordes – proposta para que o local do centro comarcal sexa un local para a mocidade

O BNG PROPÓN DESTINAR O EDIFICIO DO CENTRO COMARCAL A LOCAL SOCIAL DA MOCIDADE

Os nacionalistas proporán no próximo Pleno que o Concello inste á Xunta a cesión inmediata dun edificio que se atopa inutilizado desde hai moito tempo

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, anunciou que no próximo Pleno Municipal debatirase unha moción dos nacionalistas, na que se proporá destinar o edificio do Centro Comarcal a local social e de ocio para os mozos e mozas de Ordes.

O portavoz nacionalista explicou que na moción proporán que “o Pleno inste á Xunta de Galiza a cumprir de xeito inmediato o compromiso de ceder as instalacións do centro comarcal ao Concello de Ordes, co acordo expreso de destinalo a local social e de ocio para os mozos e mozas”.

Castro salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais” .

O portavoz do BNG salientou a necesidade de “fomentar actividades de ocio entre os rapaces entre 12 e 17 anos, que son uns dos grandes esquecidos na actualidade, o que constitue un grave problema para a formación integral das persoas, nun tramo de idade que é especialmente sensíbel”.

Gonzalo Castro lembrou que “estas instalacións están a ser moi demandadas por parte dos veciños e veciñas de Ordes, que xa hai case un ano registraron no Concello máis de 1.000 sinaturas coas que solicitaban a dotación un local social xuvenil”.

Finalmente, o portavoz nacionalista amosou o seu convecemento de que “esta proposta será apoiada de forma unánime por todos os grupos políticos municipais, xa que se trata dunha actuación moi necesaria para os veciños e veciñas de Ordes”.

Ningún comentario: