Teo - a capela ardente de Avelino Pousa Antelo instálase no centro Sociocultural da Ramallosa




Finou Avelino Pousa Antelo, fillo adoptivo do Concello de Teo 
A capela ardente estará instalada no Centro Sociocultural da Ramallosa (Teo) a partir das 10  e o acto cívico de despedida terá lugar hoxe ás 19 horas. 
O goberno de Teo mostra o seu pesar e transmite as condolencias á familia de Avelino. 
Teo, 20 de agosto de 2012. Na xornada deste luns, 20 de agosto, vén de producirse o falecemento de Avelino Pousa Antelo, fillo adoptivo do Concello de Teo desde novembro de 2007.
O goberno de Teo exprésalle as súas condolencias á familia e manifesta o seu fondo pesar por unha perda tan sensible para a sociedade galega. 
O corpo de Avelino Pousa velarase no Centro Sociocultural da Ramallosa, xunto á Casa do Concello de Teo. Alí permanecerá a capela ardente a partir das 10 horas da xornada do martes, para que os veciños e amigos poidan renderlle un último adeus. O acto cívico de despedida realizarase ás 19 horas do mesmo martes na Casa do Concello de Teo. 
Avelino Pousa Antelo, nado en Arzón (A Baña) o 14 de maio de 1914, residía no municipio teense desde o ano 1990 onde mantivo durante esta etapa da súa vida unha intensa actividade social. Por este motivo e pola súa traxectoria vital recibiu o título de Fillo Adoptivo do Concello de Teo o 24 de novembro de 2007. 
Avelino Pousa Antelo é unha das personaxes máis ilustres do galeguismo; foi mestre, agrarista, político, escritor e mais presidente da Fundación Castelao, aínda no momento do seu pasamento. 
Iniciou a súa etapa de mestre na Escola Agrícola da Granxa de Barreiros na que conxugou dúas das súas facetas máis representativas: a de mestre e a de agrarista. Entre 1964 e 1969 dirixiu nunha explotación gandeira situada en Zaragoza, o que lle valeu para defender o modelo cooperativista no mundo agrario, tal e como recolleu en diferentes publicacións. Retornou ao ensino a finais da década dos sesenta. 
Foi secretario xeral e presidente do Partido Galeguista, e participou, como representante deste partido na redacción do Estatuto de Galicia. 
Ten publicados diferentes libros e artigos sobre temas referentes á agricultura e gandaría, á educación e á política. Nos últimos anos da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos á súa traxectoria vital. 
A finais de 2010 o Concello de Teo quixo homenaxealo coa edición do libro Cousas de animais e algo máis, onde se recollen textos do propio Avelino publicados na prensa galega da década dos 60. Co motivo da presentación do libro o alcalde de Teo, Martiño Noriega manifestaba que “con esta humilde contribución municipal, cumprimos pois cunha encomenda que non é outra que a de poñer outra vez o nome de Teo ao carón do de Avelino”.

Ningún comentario: