O “VERÁN LÚDICO” DO CONCELLO DE OROSO LEVA AOS SEUS PARTICIPANTES DE VISITA AO MUPEGA E Á FERVENZA DO TOXA
Este programa de conciliación municipal acumula máis de medio cento de prazas cubertas nos meses de xullo e agosto
Os nenos e nenas de entre tres e doce anos que participan no programa de conciliación familiar “Verán Lúdico” do Concello de Oroso visitaron o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e a Fervenza do Toxa, no municipio pontevedrés de Silleda. Estas son só algunhas das actividades desta edición do “Verán Lúdico”, que acumula máis de medio cento de prazas cubertas nas catro sucesivas quendas dos meses de xullo e de agosto.
Na súa visita ao MUPEGA, os nenos e nenas divertíronse recreando a escola da época dos seus avós e tamén tiveron ocasión de xogar na ludoteca deste recinto expositivo e no seu patio exterior, onde practicaron diversos xogos populares. A visita a Silleda permitiulles coñecer a que é unha das maiores fervenzas fluviais da península, cuns trinta metros en caída vertical, ademais de descubrir o ecosistema no que se integra o río Toxa, con carballeiras, piñeirais, e espazos con castiñeiros e outras deceas de especies.
O ‘Verán Lúdico’ é unha alternativa para conciliar a vida familiar e laboral, e incluso para descansar durante as vacacións de verán. O programa ofrece obradoiros, xogos e excursións en sesións matinais. Ademais das saídas ocasionais, as actividades desenvólvense no Centro Cultural Casas e Novoa, nas instalacións da piscina municipal, no Paseo do Carboeiro, no Refuxio e na Biblioteca.
Os pais tiveron ocasión de escoller en que quendas inscribían aos seus cativos, e tamén puideron optar entre dous horarios: de 7:30 a 15:30 horas ou de 10 a 13 horas. Tamén se ofreceu servizo de xantar para quen o solicitase. O Concello, consciente da difícil situación económica das familias, decidiu establecer un desconto adicional do 20% non só para familias numerosas, senón tamén para aquelas familias que anotasen dous irmáns no programa. A intención é que o esforzo económico fose menor.

Ningún comentario:
Publicar un comentario