AS “TARDES DIVERTIDAS” DE OROSO PERMITEN FORMALIZAR MATRÍCULAS ATA O 6 DE SETEMBRO
Este programa de conciliación inclúe actividades, obradoiros, accións de reforzo escolar para alumnado do CEIP e das unitarias
23 de agosto de 2012.- O programa de conciliación familiar e laboral “Tardes Divertidas” do Concello de Oroso permite formalizar as matrículas para o curso 2012-2013 ata o xoves 6 de setembro. Os trámites pódense cumprimentar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa e Sigüeiro, de luns a venres entre as 9 e as 14 horas.
Nas “Tardes Divertidas”, que o Concello puxo en marcha xa en 2011, poden participar nenos e nenas de tres a trece anos escolarizados en Oroso, tanto no CEIP de Sigüeiro como nas escolas unitarias. A intención do programa é que o alumnado estea perfectamente atendido despois do horario escolar, concretamente entre as 15:45 e as 20:30 horas, de luns a venres. O programa inclúe actividades, obradoiros, accións de reforzo escolar e mesmo a opción de recollida e transporte para quen estean practicando calquera outra actividade deportiva e cultural.
De feito, “Tardes Divertidas” ofrece a posibilidade de que os cativos poidan anotarse no programa e compaxinalo con outras actividades nas que estean inscritos, como as escolas deportivas municipais. Os pais só teñen que deixalos e recollelos en “Tardes Divertidas”, que se desenvolven no CEIP de Sigüeiro, e os monitores do programa encárganse de trasladalos a cada actividade.
O concelleiro de Familia e Ensino, Antonio Leira, destaca a continuidade do programa porque “nestes tempos de crise, nos que non se deixa de falar de recortes, no Concello de Oroso seguimos mantendo a nosa aposta por darlles servizos aos nosos veciños, como é este programa, que é unha axuda para conciliar a vida familiar e laboral e tamén constitúe un completo programa educativo e social”.
O Concello lembra que para que o programa se desenvolva deberá reunir un mínimo de quince alumnos matriculados. Os usuarios poden escoller entre a matrícula para todo o curso, a 75 euros cada mes, o uso semanal a 25 euros por semana, ou a opción de un uso puntual diario, a 7 euros por xornada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario