A SEMANA CULTURAL DE OROSO OFRECE ACTIVIDADES DE BALDE PARA TODA A FAMILIA
A programación comeza esta semana e chegará ata o 31 de agosto
O Concello de Oroso pon en marcha a programación da súa “Semana Cultural 2012” desde este mércores 22 de agosto ata o venres 31. A oferta municipal inclúe actuacións de maxia, música, circo, teatro, paiasos, xogos, e cabaret, en todos os casos con acceso de balde. O concelleiro de Benestar, Cultura, Ensino, Xuventude e Voluntariado, Antonio Leira, explica que “deseñamos este programa tratando de ofrecer moita variedade e encaixar cos gustos e os intereses de todos os membros da familia, ademais de adaptarnos aos horarios e ritmo de vida do mes de agosto”.
Programación
A primeira proposta coa que poden gozar pequenos e maiores é o espectáculo de acrobacias aéreas ‘O que queda por chover’, que a compañía ‘Duelirium’ ofrece no espazo contiguo á piscina municipal a partir das 19 horas. Trátase dunha actuación dirixida a todos os públicos e que, no caso de mal tempo, se trasladará ao polideportivo.
O venres 24, os protagonistas serán a maxia e a música. O Mago Xacobe presentará o seu espectáculo ‘Trece anos de maxia’ desde as 19 horas, tamén na piscina municipal. No caso de chuvia, a ubicación alternativa será o Centro Cultural Casas e Novoa de Santiago. E a partir das 21 horas actuarán o grupo ‘As Dúas’ e ‘Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso’, no Centro Cultural. Nos dous casos, son actuacións para todos os públicos.
Xa o luns da vindeira semana, o día 27, terá lugar unha festa para maiores de catro anos na piscina municipal. Entre as 16 e as 19 horas, disporán de elementos inchables para xogar. E a partir das 19:15 horas comezará a Festa da Escuma.
O novo circo será o grande atractivo do martes 28, coa actuación de ‘Lusco e Fusco’ e o seu número ‘Encontros’ a partir das 19 horas, tamén na piscina municipal. Trátase dun espectáculo para todas as idades. Como nos demais casos, contémplase trasladalo ao Centro Cultural se a meteoroloxía obrigase.
O mércores 29, a Semana Cultural de Oroso continuará cun obradoiro infantil de maxia e cunha representación teatral para público adulto. No obradoiro de maxia, cos magos Xacobe e Pedro Bugarín, poderán participar maiores de sete anos. Conta con prazas limitadas e por eso, aínda que é de balde, cómpre inscribirse previamente no Centro Cultural. Desenvolverase a partir das 11:30 horas na Praza de Isaac Díaz Pardo. A función teatral será ‘Tacóns na corda’, da compañía ‘Verdeveras’, a partir das 22 horas no Centro Cultural.
O xoves 30, a xornada comezará ás 11:30 horas na Praza de Isaac Díaz Pardo co ‘Xogo de rastrexo pirata’. Poden participar nenos e nenas de entre seis e once anos, se ben se admiten os que conten con catro e cinco anos sempre que estean acompañados por un adulto. A partir das 19 horas, o ‘Pallaso Peter’ levará á piscina o seu espectáculo ‘Chungo ke te cagas’, apto para todos os públicos. E o día aínda lle quedrá a obra teatral ‘Café’, da compañía ‘O Aturuxo de Melpómene’, a partir das 22 horas no Centro Cultural e orientada ao público adulto.
A Semana Cultural concluirá co espectáculo ‘Cabaret Manicómico’ dos ‘Manicómicos’, o venres 31 ás 19 horas na piscina municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario